Consideracións iniciais
Preparación da unidade: Para esta unidade é fundamental posuír un coñecemento técnico e unha serie de competencias a nivel persoal e social.
Trataremos temas que poden ferir a sensibilidade do noso alumnado, ben sexa pola súa propia experiencia ou por tratarse de comportamentos que viven no seo familiar ou da súa contorna máis próxima. De aí a importancia de prestar atención ás súas reaccións e comprender que o alumnado que puidese amosar unha maior reacción ante esta unidade, poida que teñan unha serie de experiencias vitais que lles provoque a necesidade de poñer distancia sobre o tema, por non sentirse capaces para afrontalo.
Na maioría dos casos, amosarán un gran interese e motivación para esta unidade, o que poderedes comprobar polo seu grao de participación.
Coñecementos técnicos:
- Comprender o funcionamento do círculo das adiccións.
- Entender que factores son de risco e cales son protectores ante condutas delituosas.
- Tipos de substancias adictivas, diversas clasificacións, distintos efectos, mestura de sustancias…
Competencia a nivel persoal (emocional) e social:
A competencia emocional, como avanzamos xa, é moi importante á hora de levar a cabo esta unidade. Os temas persoais deben ser tratados en privado, por profesionais no tema. É fundamental saber derivar, deixar fóra opinións persoais e consellos, alonxarnos dunha actitude maternal ou paternalista e ofrecer espazos con profesionais se se detectase algún comportamento de risco.
As condutas adictivas, violentas e delituosas son moito máis próximas do que en principio podemos supoñer e teremos que activar os procedementos adecuados para corrixilas. Esta unidade só intervén a nivel primario e secundario. A nivel terciario só intervén para a fase de detección e derivación. Se algún alumno/a mostra un comportamento pouco adaptado durante as sesións, poderemos ofrecer unha entrevista persoal con orientación, entrevistar as familias, comezar un protocolo, pero sempre a nivel privado.
Introdución
A adolescencia é o período no que as persoas estamos predispostas para alcanzar un tipo de pensamento experto, o abstracto. Estudos recentes poñen sobre a mesa que este tipo de pensamento non se desenvolve en todas as persoas, que quedan cun pensamento concreto para tomar decisións adultas.
Parte deste pensamento abstracto consiste na mellora da nosa capacidade para demorar a recompensa, para comprender que a satisfacción dun desexo aquí e agora pode supoñer un erro se os seus efectos condicionan negativamente o noso futuro. Esta é a base na que asentan as actividades que forman parte desta unidade, na que trataremos a prevención da violencia de xénero, as adiccións (con e sen sustancias) e comportamentos que entrañan risco (condutas sexuais de risco, acoso, cyberbullying, sexting e grooming).
Esta falta de maduración a nivel cerebral para a planificación e para o control, tanto condutual como emocional está acompañada no tempo con cambios a nivel endocrino, que fan da adolescencia un período para a experimentación. Os cambios que se producen a nivel físico e a acción das hormonas a nivel cerebral, acompañado desta falta de maduración a nivel de cortiza prefrontal, é o que provoca a procura do adolescente de experiencias que lles resulten novas, sen parar a avaliar as súas consecuencias, sendo o período no que con maior probabilidade cometerán condutas de risco, que poderanse previr mediante información e educación para a regulación emocional.
Os estudos realizados con persoas adictas mostran a adolescencia como o período crítico no que comezaron. Aínda que non todas aspersoas adolescentes que cometen condutas de risco terminan desenvolvendo unha adicción, unha gran porcentaxe de persoas adultas adictas comezaron a realizar estas prácticas na adolescencia.
Este panorama que nos presentan os datos obtidos mediante enquisas entran en contradición coa nosa idea de que vivimos nunha sociedade da información, na que a mocidade ten acceso a toda a información que desexan. Isto, con todo, sería como dicir que quen vive nunha gran cidade non necesita tanto un mapa como quen vive nun pequeno pobo, ter acceso a máis require unha capacidade de procesamento maior.
Este exceso de información provoca que se produzan erros nos procesos de pensamento, como o de confirmación, polo que se procesa só a información que non contradi os nosos esquemas previos, obviando o resto; ou o sesgo de sobrexeneralización, polo que un suceso totalmente illado ponse de exemplo para explicar todo un proceso de pensamento. É máis necesaria que nunca unha información cientificamente razoada e neutra, que sirva de base para tomar decisións acertadas e para interpretar a información que reciben.
As actitudes maternais ou paternalistas, as crenzas persoais, os consellos… non entran nesta unidade.
Fundamentación teórica.
Condutas de risco e condutas adictivas teñen en común a incapacidade para demorar a recompensa.
Estudos lonxitudinais realizados con nenos en idade de EP atoparon fortes correlacións entre a incapacidade de demorar a recompensa en idade infantil co mantemento de condutas adictivas e de risco na adolescencia. Impulsividade e adiccións gardan unha elevada correlación.
Na neuropsicoloxía da adicción pódese comprobar como unha actividade que nun principio resulta pracenteira, convértese en adictiva. Nun principio a conduta ou a sustancia activa os circuítos do pracer do noso cerebro. Se repetimos a conduta de forma periódica o cerebro aprende, adáptase a ela, para conseguir o seu estado natural aínda con sustancia, consegue desequilibrar para equilibrar. Isto provoca que se necesite máis sustancia para seguir sentindo pracer. O cerebro de novo volve adaptarse a este nivel de sustancia ou de activación ata que o consumo ou conduta comeza realizarse de forma habitual (ou sempre en determinados contextos). Neste momento a persoa xa non consome ou realiza a conduta adictiva para buscar o pracer, senón para evitar o malestar que lle provoca o feito de non facelo, o noso cerebro provocou un estado “normal” de malestar, que só se equilibra consumindo ou realizando a conduta problemática. É a propia reacción do corpo á sustancia o que causa o displacer que induce ás condutas adictivas.
O organismo aprendeu dar unha resposta a esa conduta, que neutraliza o seu efecto e por esta razón, cando non se consome, a persoa sente xusto o efecto contrario ao que provoca a sustancia e cunha intensidade similar á dose á que o organismo está afeito.
Este cambio na motivación da conduta é o que converte á persoa en adicta e o que provoca tamén que cada vez busque sustancias ou condutas que en maior medida alteren o seu estado, xa que a sustancia que lle provocou ese pracer, por máis que aumente a dose, xa non llo provoca, o seu organismo xa aprendeu, xa se afixo, xa só sofre sen sustancia e o seu consumo só normaliza.
Debemos ter moi en conta o que outros estudos alertan, sobre o perigo que supón ofrecer unha información inadaptada ao coñecemento previo do alumno nestas materias. A adolescencia é un período de necesidade de experimentación e de risco e calquera información realizada sobre temas que levan consigo estes aspectos e que son descoñecidos para o alumnado poden provocar o efecto contrario ao desexado, é dicir, espertar no canto do rexeitamento a curiosidade.
Obxectivos
- Informar e formar en intelixencia emocional e executiva adecuada e suficientemente para evitar comportamentos de risco.
- Evitar comportamentos de risco.
- Romper con mitos, falacias e tabús que existen nestes temas para provocar un cambio de actitudes e crenzas.
- Ensinar ao alumnado o círculo desde o que interpretar as condutas adictivas e de risco.
- Ofrecer unha información científica acerca dos efectos destas condutas.
- Desenvolver no alumnado un pensamento crítico que lles permita avaliar novas condutas de risco.
- Desenvolver no alumnado un proceso de toma de decisións.
- Poñer en práctica técnicas de comportamento asertivo para dicir NON á realización de condutas de risco.
Contidos
Sesión 1: Conceptualización. Aprender a dicir NON.
Sesión 2: Comportamentos adictivos. O círculo da adicción.
Sesión 3: Comportamentos delituosos.
Sesión 4: Como previr os comportamentos adictivos.
Sesión 5: Como previr os comportamentos delituosos.
Sesión 6: Medimos as consecuencias a curto, medio e longo prazo.
Metodoloxía
A metodoloxía, como nas demais unidades de titoría que propoñemos, é de índole participativa. O alumnado será o principal protagonistas da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas por equipos, de gran grupo, por parellas, de lapis e papel…
Para esta unidade resulta fundamental partir do coñecemento previo dos almnado. Para iso, utilizaremos unha caixa de zapatos, por exemplo, con propósito de caixa de correos. Cada sesión finalizará coa recollida anónima de preguntas relacionadas co tema que se tratará na seguinte sesión e reservarase un tempo para dar resposta a aquelas que consideremos máis significativas ou que se repiten con maior frecuencia.
Temporalización
Esta unidade ten unha duración de 6 sesións, de 50 minutos e cunha frecuencia semanal.
Indicadores de avaliación
Resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.
Para a avaliación do proceso, nas plantillas que tedes dispoñibles para deseñar cada unha das sesións, contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o seu desenvolvemento.
Para avaliar o resultado desta unidade, podedes ter en conta:
- Os resultados dos cuestionarios que na última sesión cobre o alumnado.
- Impresións sobre o cambio de actitude do alumnado.
- Número de deteccións e derivacións.
- Cambios observados na dinámica de relacións na aula.
Conceptualización. Aprender dicir NON
Como en todas as unidades de titoría, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo a plantilla para o deseño de sesións. Nela, poderedes ir anotando aqueles contidos que mellor se adapten ao voso grupo e ás súas potencialidades e necesidades.
Colocamos a aula en forma de “U” (5 min).
Dinámica de presentación da unidade: Podemos comezar esta nova unidade cunha das preguntas que para ela tedes dispoñibles nas Dinámicas de presentación, ou deseñando vós mesmos/as unha pregunta que vos resulte potente para empezar a falar do tema de prevención de condutas de risco (5 min).
Presentamos a unidade de titoría: Para facelo tedes dispoñible o apartado anterior desta páxina “Presentación do programa” (5 min).
Formamos equipos de traballo: Utilizamos unha das dinámicas para a formación de equipos de traballo para comezar a traballar no tema da conceptualización (5 min).
Conceptos: Nas descargas desta sesión, tedes a primeira das actividades que propoñemos, o “Quebracabezas das condutas de risco” que nos servirá para conceptualizar os diferentes termos que trataremos. O traballo farase por equipos e despois exporanse as conclusións en gran grupo. Podedes utilizar esta proposta ou crear unha cos conceptos que queirades traballar na unidade (15 min).
Aprendemos dicir “NON”: En descargas desta sesión tedes a ficha para traballar as pautas para aprender a dicir “NON” de forma asertiva. Cada persoa pode cubrir a ficha de forma individual ou podedes tamén seguir coa dinámica de traballo en equipo para realizar esta actividade.
Corríxese cada unha das situacións expostas e as súas reflexións, coas achegas de todo o alumnado (15 min).
Análise de coñecementos previos para a vindeira sesión: Pídeselles que enuncien preguntas para a seguinte sesión, na que se traballarán as adiccións con e sen substancia: drogas, consumismo e ludopatía.
Recóllense de forma anónima utilizando unha caixa de cartón.
Déixase a aula como estaba (5 min).
Accesos:
- Crear unha disposición en forma de “U” na clase
- Dinámicas de presentación
- Dinámicas de formación de equipos de traballo
Descargas:
Comportamentos adictivos. O círculo da adicción.
Crear a disposición en “U” (5 min).
Repaso da sesión anterior (5 min): Preguntámoslles que lembran da sesión anterior (conceptos e como dicir NON de forma asertiva).
Presentamos o tema de hoxe. As adiccións con e sen substancia (5 min): Entenden que o consumismo ou os xogos de azar son tamén condutas adictivas?
Formación de equipos de traballo (5 min): Comezamos creando equipos de traballo, por medio dunha das dinámicas propostas.
O círculo das adiccións (10 min): Entregamos a cada persoa unha copia da Ficha: “O círculo das adiccións”. Cada equipo traballa tentando entendelo, utilizando a adicción ás drogas, o consumismo ou os xogos de azar para ser explicados por medio do círculo.
Posta en común do traballo reflexivo (15 min): Son dúas as descargas que tedes dispoñibles para traballar o círculo das adiccións. A primeira delas, contén só o círculo e será o que entreguemos ó alumnado. A segunda é para o titor/a e contén o desenvolvemento da reflexión e as preguntas para que reflexionen na aula.
Contestamos ás dúbidas e recollemos dúbidas sobre a temática da vindeira sesión (10 min): Contestamos as preguntas que nos deixaron na caixa e que quedaron sen resposta, utilizando a explicación do círculo da adicción e pedímoslles que nos deixen preguntas acerca de condutas sexuais de risco, violencia de xénero, sexting, grooming, acoso, ciberacoso… sobre condutas delituosas ou que entrañan algún risco á saúde propia ou á dos demais.
Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min).
Accesos:
Descargas:
Comportamentos de risco para un mesmo ou para os demais.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Que lembran?, Poden explicar o funcionamento do círculo das adiccións?
(5 min).
Presentación da sesión (5 min): Os comportamentos que trataremos son aqueles que teñen unha destas dúas características: supoñen un perigo para un mesmo ou poden supoñer un dano aos demais. En ambos casos, as consecuencias non se miden. O que motiva o comportamento é máis a satisfacción inmediata dun desexo que unha análise das consecuencias que o comportamento pode ter para un mesmo e para os demais.
Formamos equipos de traballo (5 min): Que comportamentos dos que coñecen poden causar dano a un mesmo ou aos demais? Poden saír as condutas sexuais de risco, o acoso, o bullying, o grooming, o sexting, a violencia de xénero… Podemos crear tantos equipos de traballo como comportamentos de risco queiramos traballar.
Traballo en equipos (10 min):Damos a cada equipo a súa folla para pensar (en descargas desta sesión). Estas follas conteñen un caso, sobre o que cada equipo debe reflexionar.
Posta en común en gran grupo (10 min):Cada equipo presenta a solución do seu caso. A decisión de dicir que non, ou denunciar, causa nun primeiro momento malestar? e despois?, que pode pasar se dicimos que si ou se decidimos seguir aguantando? Contarllo a un adulto, que consecuencias pode carrexar nun primeiro momento? E despois?
Reflexión sobre as consecuencias das propias decisións (10 min): Lembramos o conto dos 3 porquiños e o lobo. O primeiro dos porquiños, decidiu acabar canto antes, para ir xogar. O segundo escoitou ao primeiro e tamén apurou a súa construción para saír e divertirse canto antes. Non conseguiron convencer ao terceiro, aínda que riron moito del e do seu empeño por protexer a súa casa. Que pasou no conto cando chegou o lobo? Onde acabaron os 3 porquiños?
Toda decisión entraña un risco e o que agora mesmo é a saída máis fácil, puidera ser a que peores consecuencias trae para o noso futuro. Pedimos ó alumnado que comproben esta afirmación coas súas respostas nas follas para pensar. Cren que antes de tomar calquera decisión deberían primeiro medir ben as consecuencias? Saben como facelo?.
Contestamos ás dúbidas (10 min): Contestamos as preguntas que onte nos deixaron na caixa de correos e que non foron resoltas durante a sesión.
Volvemos deixar a aula como estaba (5 min).
Accesos
Descargas
Como previr os comportamentos adictivos.
Colocación do mobiliario da aula en forma de “U” (5 min).
Dinámica de cohesión (10 min).
Repaso da sesión anterior (10 min): Facemos un repaso das sesións anteriores, nas que conceptualizamos, aprendemos unhas pautas para aprender a dicir que non, vimos de que forma se desenvolve unha adicción e puidemos comprobar como unha decisión baseada en satisfacer un desexo ou evitar un momento desagradable aquí e agora, pode levar consigo consecuencias non desexadas nun futuro. Pedímoslles que expresen a súa opinión sobre cada un dos temas.
Debate sobre os comportamentos adictivos (15 min):
- Cal é o motivo que pensan puidera estar detrás dos primeiros consumos de substancias adictivas ou das primeiras condutas adictivas relacionadas cos xogos de azar ou o consumo de obxectos que non son necesarios?
- Que é o que está mellor visto á vosa idade? Consumir ou non facelo?
- Pensade nalgún exemplo de persoa que coñezades que consume substancias adictivas, xoga ou merca demasiados obxectos que non precisa… Séguese valorando de igual modo cando é un adulto quen ten ese comportamento?
- Cando pensades que ese adulto comezou o seu comportamento adictivo?
- Como pensades que era visto ese comportamento a esa idade?
- Cando es adolescente, que pensades que se busca as primeiras veces?
- Que papel xoga a familia nos primeiros consumos? E cando unha persoa desenvolve unha adicción?
- E as amizades, como reaccionan ós primeiros consumos? E máis adiante?
- Que pensades que vos protexería á hora de levar a cabo ese comportamento adictivo?
- Que lle dicides a unha amizade que se nega a, por exemplo, beber un sábado pola noite ou a quedar para xogar unha partida online?
- Que decisións podedes tomar para que o voso corpo non reaccione creando unha adicción? (non consumir sempre nun determinado ambiente, a unha mesma hora, a mistura de comportamentos adictivos… isto é o que en maior medida impide esa aprendizaxe).
- Pensades que é fácil saír dunha adicción?
Outros comportamentos saudables fannos sentir pracer (10 min).Existen outros comportamentos, que de forma saudable, actívannos, tranquilízannos ou nos levan imaxinar.
- Con que actividades sentides activación, relaxación, creatividade? (deporte, técnicas de relaxación, parques de atraccións, música, baile, xogos, debuxo, escritura, praia, montaña, cinema, unha charla cun bo amigo/a, unha viaxe…).
- Lembrades as vosas sensacións cando, por exemplo, xogabades no patio un partido de brilé?
- E cando comeza o verán e sentides ese calorciño?
- E cando, tras ver unha película de medo, vedes formas nas sombras?
As sustancias que as drogas ou certos comportamentos poñen en funcionamento para ter esa experiencia de pracer, existen de seu no noso organismo e outras actividades poden tamén provocarnos ese mesmo pracer, pero sen risco a desenvolver unha adicción.
Cando usamos sustancias ou certas condutas para conseguir pracer inmediato, estamos a facer como o primeiro dos porquiños, estamos a construír unha casiña de palla, que ao primeiro suplido vén abaixo.
Buscar as actividades que nos gustan, as que nos relaxan, as que nos levan a imaxinar, é máis custoso, require de certa investigación, pero, a cambio… podémolas manter toda a vida sen ser un risco para a nosa saúde nin para as persoas que nos rodean e nos queren, lonxe de ser un risco son un gran tesouro, que nos fará levar unha vida máis plena e feliz.
Colócase de novo o mobiliario da aula (5 min).
Accesos
Descargas
Como previr os comportamentos delictivos.
Colocación do mobiliario para o traballo en equipos (5 min).
Repaso da sesión anterior (5 min): Vimos de que forma podemos atopar pracer con comportamentos saudables e de que forma podemos consumir sen que haxa tanta probabilidade de que se produza unha aprendizaxe e, con ela, unha adicción.
Repaso da sesión anterior (5 min): Tras cada un dos comportamentos delituosos existe unha ou varias persoas vítimas, agresoras e espectadoras. Estas últimas son as que deben comezar coller protagonismo na historia.
Existen unha serie de crenzas culturais que manteñen estas condutas delituosas e unha serie de factores que xogan a favor ou en contra da decisión de ter un rol de persoa vítima, agresora, espectadora pasiva ou espectadora activa.
Nesta sesión traballaremos o tema dos mitos do amor romántico, para decatarnos da cantidade de crenzas erróneas sobre as que se asenta calquera conduta delituosa e entender que só cambiando certas crenzas equivocadas podemos poñer fin a, neste caso, á conduta delictiva da violencia de xénero.
Fórmanse equipos de traballo (5 min):Fórmanse equipos de traballo, dous deles homoxéneos en canto a sexo asignado e os demais heteroxéneos nese mesmo aspecto.
Traballamos os mitos do amor romántico (20 min): Nas descargas desta sesión tedes o acceso á dinámica de traballo en equipo proposta para o tema dos mitos do amor, xunto coa súa explicación e corrección.
Traballo de reflexión (10 min): Ante cada un dos mitos do amor identificados, pídese aos alumnos e alumnas que poñan un exemplo de como esa crenza xustifica a violencia física ou psicolóxica na parella e levan a cabo tamén unha reflexión sobre as diferenzas, de habelas, nos resultados do traballo levado a cabo polos equipos homoxéneos e heteroxéneos en canto a sexo asignado. Cales son as súas conclusións?
Colócase de novo a aula (5 min).
Descargas:
Medimos as consecuencias a curto, medio e longo prazo.
Colocación do mobiliario en forma de “U” (5 min).
Repaso de toda a unidade (5 min): Traballamos conceptualizando, aprendendo a dicir NON, estudando o círculo da adicción, os comportamentos delituosos ou que entrañan algún tipo de risco, a prevención das adiccións, as crenzas sobre as que se asenta a violencia de xénero (os mitos do amor romántico) e agora chega o momento de parar pensar nas consecuencias das nosas decisións, a curto, a medio e a longo prazo.
Presentación da sesión (5 min): Coa analoxía do conto dos 3 porquiños e o lobo, a curto prazo o porquiño máis traballador, quedou sen poder saír e tivo que aguantar as burlas dos seus irmáns, pero a medio prazo conseguiu salvar a súa casa do ataque do lobo e a longo prazo, terá unha casa segura na que poderá vivir tranquilamente e disfrutando.
Hoxe veremos as consecuencias que a curto, medio e longo prazo teñen as nosas decisións, aprenderemos reflexionar sobre elas para, deste xeito, poder tomar decisións máis razoadas e, por tanto, con menos risco.
Traballo en equipos (15 min):Por equipos, traballamos a ficha “Consecuencias” e facemos a súa corrección en gran grupo.
Vídeo (10 min): Poñemos o vídeo “Ti decides” (en accesos).
Que pasaría se empezásemos a dicir NON dunha forma asertiva cando non nos apetece facer algo ou decidimos deixar de facer cousas que nos gustan?
Como podemos repoñernos cando nos damos conta de que estabamos equivocados/as?
Cuestionario de avaliación da unidade (5 min): Pasámoslles o cuestionario de avaliación da unidade e recollémolos. Se non dá tempo, como noutras unidades, pódeno levar para casa e traelo ó seguinte día ou reservar uns minutos da seguinte sesión para facelo).
Colócase de novo a aula (5 min).