Rede de alumnado solidario
Aspectos iniciais
Para prepararnos para impartir esta formación debemos saber diferenciar as actuacións anti-acoso das actuacións en prol da convivencia. A Rede de Alumn@s solidari@s (RAS) pertence ao segundo grupo de actuacións, tan necesario coma o primeiro.
Na medida en que logremos un clima positivo de convivencia no centro, desfrutaremos dun tipo de relacións que non promoverán a aparición de situacións de acoso escolar. Con esta actuación, dentro do Plan de Convivencia, o que propoñemos é dinamizar a Xunta de Delegados, para que pase a ser un dos eixos máis importantes de dinamización do centro educativo.
Esta unidade levaríase a cabo tras a primeira unidade de titoría “Creando un marco. Quen me representa?”, coa que trataremos de garantir a elección de persoas cun tipo de liderado positivo.
Coñecementos técnicos:
- Comunicación.
- Asertividade.
- Protocolos do centro.
- Planificación, implementación, seguimento e avaliación de programas.
Competencia a nivel persoal (emocional) e social: Para formar a esta rede de alumnado no centro é importante saber ceder espazos, para que o alumnado dea o paso de ocupalos, asumindo o profesorado unha actitude de escoita e de apoio no proceso.
Introdución
A continuación da unidade de titorías “Creando un Marco. Quen me representa?”, formariamos o alumnado que foi elixido de forma democrática e informada en cada aula como representante. O liderado, cando é positivo, favorece a dinamización, tanto do centro, como de cada aula e é un dos factores preventivos máis importantes. Na medida que consigamos que os alumnos e alumnas elixidos polos seus compañeiros sexan líderes positivos, estaremos a promover unha convivencia positiva na aula e teremos máis recursos para detectar os conflitos e practicar na súa resolución pacífica.
Dinamización do centro, oportunidade de experiencias de liderado positivo aos alumnos e alumnas, mellora do clima de convivencia e rede de apoio a alumnos e alumnas con dificultades é o que nos vai proporcionar a posta en marcha da RAS.
Para poñer en práctica este taller, enmarcado dentro do Plan de Convivencia (PC) do centro, necesítase o compromiso da Comisión de Convivencia (CC).
A implementación, seguimento e avaliación do taller, normalmente, correría por conta do Coordinador/a de Convivencia (ou doutro profesor/a pertencente á CC) e do Orientador/a do centro, para o que terían que contar co apoio e soporte de titores e titoras e do Equipo Directivo.
Entender que son os alumnos e alumnas quen en maior medida saben onde, de que forma e en que momento existen conflitos entre iguais debe ser utilizado para transformar eses lugares, comportamentos e momentos en oportunidades para a convivencia pacífica. Será a RAS quen proporá actividades e dinamizará o centro. Esta aprendizaxe en elección e representación promove ademais a experiencia de ser cidadáns/as responsables.
Obxectivos
- Promover a participación do alumnado no centro.
- Dinamizar a Xunta de Delegados.
- Crear no centro un clima de convivencia positivo.
Dinamizar o centro con actividades do agrado dos alumnos/as. - Dar oportunidades aos alumnos para a resolución de conflitos entre iguais.
- Promover un estilo de liderado positivo no centro.
- Detectar problemas na convivencia do centro.
- Crear redes de protección entre iguais.
Contidos
Na primeira sesión, presentaremos o programa, traballaremos a cohesión grupal e comezaremos o traballo de presentación do estilo de comportamento asertivo, para dar e recibir queixas, opinións agradables e saber dicir que NON nas situacións que o necesitemos.
Na segunda sesión, trataremos o tema dos conflitos, que facer no caso de ser espectadores nun conflito e a forma na que podemos axudar solventalos dunha forma pacífica e construtiva.
Na terceira sesión traballaremos a creación de equipos de traballo para ofrecer axuda a compañeiros/as que o necesiten, a súa coordinación, planificación, posta en marcha, seguimento e avaliación.
Por último, na cuarta sesión traballaremos a forma de dinamizar o centro, presentaremos de que forma podemos medir o interese do alumnado polas diferentes actividades, o protocolo para a presentación de propostas para a dinamización do centro, a planificación, a implementación, o seguimento e a avaliación.
Metodoloxía
A metodoloxía será activa e participativa, con dinámicas de cohesión e de traballo grupal.
Temporalización
4 sesións con periodicidade semanal e de dúas horas de duración cada unha. Desenvolverase ao finalizar a elección dos delegados de clase, tras a Unidade 1 de Titorías: “Creando un marco. Quen me representa?”
O seguimento e posta en marcha da RAS unha vez formada, será levada a cabo polo profesor da comisión de convivencia encargado e co asesoramento da orientadora e da coordinadora de convivencia do centro.
Indicadores para a avaliación
Resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.
Para a avaliación do proceso, nas plantillas que tedes dispoñibles para deseñar cada unha das sesións, contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o desenvolvemento de cada unha das sesións.
Para avaliar o resultado deste taller, podedes ter en conta:
- Número de actividades postas en marcha pola RAS.
- Información recollida ao profesorado sobre o clima de convivencia nas aulas.
- Número de propostas que a RAS presenta na Xefatura de Estudos.
- Grao de participación do alumnado do centro nas actividades postas en marcha pola RAS.
- Número de casos derivados pola RAS a Mediación/Xefatura de estudos.
Formación da Rede de Alumando Solidario (RAS)
Sesión 1. Presentación, cohesión e asertividade.
Como en todas as unidades, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo a plantilla de deseño de sesións.
Colocación do mobiliario na aula: Para estas sesións é importante manter unha estrutura de aula zonal, cunha zona para o desenvolvemento das dinámicas e as postas en común en gran grupo e outra zona para o traballo en equipos.
Dinámica de presentación: Podedes escoller a que máis se adapte ao voso grupo. Tedes en accesos ligazóns a este tipo de dinámicas (10-15 min).
Presentación ó alumnado da Rede de alumnado solidario (RAS): Podemos utilizar a presentación que tedes dispoñible en accesos nesta sesión, diapositivas 1-5 da presentación (15 min).
- Que imos facer?
- Que é unha RAS?
- Que características debe ter o alumnado solidario?
- Para que serve unha Rede de alumnado solidario?
En descargas desta sesión tedes dispoñibles tamén uns materiais para entregar ó alumnado con información sobre a RAS.
Dinámica de cohesión: Escollemos unha das dinámicas de cohesión grupal e levámola a cabo, coa reflexión. É moi importante cohesionar ao grupo para que a Rede funcione correctamente (20 min).
Traballamos a asertividade:
- Explicación do estilo de comportamento asertivo: Para levar a cabo a explicación contades coa presentación (diapo 6) e coa ficha “Estilos de comportamento”. O obxectivo é diferenciar o estilo asertivo dos estilos agresivo e pasivo e comprender que unha persoa non é asertiva, pasiva ou agresiva, senón que dependendo da situación, do momento, da súa afectividade… pode comportarse dunha ou doutra forma (10 min).
- Práctica de asertividade: Podedes agora presentar a diapositiva 7 para, en gran grupo, unir cada frase de cada unha das columnas que din o mesmo e decidir cal das formas é a asertiva. Na diapo 8 tedes a solución desta actividade (10 min).
- Queixas e opinións agradables: Como dálas e recibilas de forma asertiva. Podedes traballar as pautas desde a diapo 9 e a ficha “Queixas e opinións agradables. Teoría“, en descargas desta sesión (10 min).
- Práctica de queixas e opinións agradables mediante role playing. En descargas tedes casos que podedes distribuír entre o alumnado voluntario para escenificar e poñer en práctica o aprendido. Cada caso preséntase cos dous puntos de vista, para que poidan interactuar. É moi importante que entendan a importancia de ter en conta as necesidades da outra persoa á hora de facer e recibir tanto críticas como opinións agradables (20 min).
Accesos
Dinámicas de presentación
Dinámicas de cohesión
Descargas
Sesión 2. Os conflitos e a súa resolución pacífica.
Colocación do mobiliario na aula: Preparación da aula en dúas zonas, unha para o traballo en equipos e outra para a exposición en gran grupo e para a realización de dinámicas.
Repaso da sesión anterior: Preguntamos que lembran da sesión de presentación. Deben saír os temas de: que é unha RAS, para que serve, que características debe ter o alumnado solidario, que é a asertividade, para que serve e de que forma usar este estilo de comportamento para dar e recibir críticas e opinións agradables. Podemos usar a presentación para facilitar o recordo (10 min).
Os conflitos. Que son: Podemos utilizar a diapositiva 10 da presentación que tedes dispoñible en accesos nesta sesión:
- Que son os conflitos?
- Os conflitos son “malos” de seu?
- Son algo normal co que hai que contar cando convivimos con outras persoas?
- Como pensades que debemos afrontalos?
- Debemos evitalos?
As partes dun conflito: Proxectamos a diapositiva 11 para comprender as partes que forman o conflito: persoas, problema e situación. Se analizamos tódalas partes será máis fácil afrontalos de forma pacífica. En descargas tedes unha ficha para entregar ó alumnado coa información (5 min).
Dinámica de competencia social para a resolución de conflitos: Podedes escoller entre as que se presentan na ligazón que tedes dispoñible en “Accesos” nesta sesión. Esta experiencia será a que nos permita que entendan mellor os diferentes modos de afrontar os conflitos e que deixen de velos como algo que se debe evitar, son unha oportunidade para a aprendizaxe, se logramos afrontalos de forma pacífica. Pedir ó alumnado que, de se dar a casualidade de que en titorías usen a mesma dinámica no seu grupo, avisen ao seu titor/a, para non participar ou, de facelo, non interferir na aprendizaxe dos demais (20 min).
Os tipos de afrontamento ós conflitos: Unha vez fixemos a dinámica e reflexionaron, presentamos os distintos tipos de afrontamiento ante un conflito, apoiándonos na experiencia que acaban ter e nos aspectos que se tiveron en conta (persoa, problema, situación) con cada tipo de afrontamiento. Son 5 estes tipos de afrontamiento: competitivo, evitativo, acomodativo, cooperativo e colaborador.
Poñer en práctica formas de afrontamiento cooperativas e colaborativas será o que en maior medida promova a aprendizaxe e o afrontamiento pacífico. En descargas tedes a ficha informativa para o alumnado (10 min-diapo 12).
Dinámica de competencia social. O teléfono ou O rumor: Moitos dos conflitos que ocorren teñen a súa base nos rumores, nunha mala comunicación. Podedes facer unha das dinámicas propostas, dentro de competencia social, para traballar a comunicación (15 min).
Que tipo de conflitos podemos axudar afrontar e cales é mellor derivar: Os conflitos que as persoas delegadas deben atender non deben ser excesivos na súa complexidade, para estes casos existen xa os servizos de mediación nos centros ou os protocolos que se establecen nas Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia (NOFC) do voso centro. É o momento de explicar en que poden e en que non deben intervir, só derivar. Tedes dispoñible a diapo 13, e unha ficha en descargas de sta sesión para entregar ó alumnado para entender de que forma poden intervir en pequenos conflitos e en que casos deben derivar (10 min).
Práctica mediante role-playing: É o momento xa de practicar de que forma poden intervir en pequenos conflitos cotiáns. Para iso, poden inventar un conflito cotiá no que participen as partes e interveña a persoa delegada, mediante a técnica de Role-Playing (20 min).
Reflexión en gran grupo: Lembramos que o alumnado solidario non é chivato, nin mandón, nin policía… non é cuestión de que teñan que decatarse de cada conflito que sucede na súa aula. Se lles coincide, poden ofrecer a súa axuda, chegará o momento no que serán as partes no conflito quen soliciten esa axuda. Se se comportan como policías afastaranse do obxectivo (5 minutos).
Accesos
Dinámicas para traballar a competencia social
Unidade de titoría: Competencia social
Unidade de titoría: Competencia social para a resolución de conflitos
Descargas
Sesión 3. Rede de axuda entre iguais
Colocación do mobiliario na aula: Preparación da aula en dúas zonas, unha para o traballo en equipos e outra para a exposición en gran grupo e para a realización de dinámicas.
Repaso da sesión anterior: Dispoñedes da presentación para repasar o visto ata agora (5 min).
Presentación da sesión: Nesta sesión imos comezar ver de que forma podemos ser quen de confomrar entre todas e todos unha Rede de alumnado solidario. Para iso, necesitaremos ir pasando por unha serie de fases, que nos levarán desde a detección de necesidades ata a elección de actividades que puideran dar resposta ás necesidades detectadas. Na sesión da vindeira semana iremos desde a planificación para a implementación desa actividade ata a súa avaliación (5 min).
Que é unha rede de axuda: É un conxunto de persoas que se organizan para dar resposta ás necesidades doutras (e as súas propias). No noso caso, está formada polas persoas delegadas e aquel alumnado que, voluntariamente, queira participar nalgunha das actividades que se programen desde a RAS. Todo iso será coordinado co centro por medio do profesorado da Comisión de convivencia que participa na formación neste taller (5 min-diapo 14).
Fase 1. Detección de necesidades (Diapo 15):
- Choiva de ideas: Propoñemos comezar por unha choiva de ideas acerca das necesidades que cren que poden ter os seus compañeiros e compañeiras relacionadas principalmente con 3 grandes áreas: estudos, convivencia e dinamización do centro. As ideas pódense ir apuntando en post-it para o seu traballo posterior (10 min).
- Clasificación das ideas: Preparamos 3 follas cos títulos “Estudos”, “Convivencia” e “Dinamización” e pegamos en cada folio a idea apuntada conforme a súa temática (5 min).
- Aprendemos priorizar: Pedimos ó alumnado que, dentro de cada grupo, reflexione sobre dous aspectos:
- Alguén está sufrindo na situación actual e se actuamos podemos facer que se sinta mellor?
- Cantas compañeiras e compañeiros poderían beneficiarse se deramos resposta a esta necesidade?
- Priorizamos: Ordeamos as necesidades de cada grupo conforme os anteriores criterios, movendo os post-it e escollemos dentro de cada grupo a necesidade prioritaria. As demais deixámolas pendentes para atender durante o curso.
- Concretamos cada necesidade: Dividimos o encerado en 3 columnas e escribimos as 3 necesidades identificadas como prioritarias. Para cada unha delas respondemos á pregunta: que actividades se nos ocorren para dar resposta a esta necesidade?
Fase 2. Formación de equipos de traballo (10 min):
- Cada participante di en cal das necesidades lle gustaría colaborar e chegan entre todas e todos a un consenso. Non se trata dunha competición, xa que acabarán traballando de forma cooperativa na mesma.
- Cada equipo de traballo escolle a actividade que pensa pode dar mellor resposta á necesidade.
Fase 3. Análise DAFO de cada necesidade. Diapo 17 e ficha para o alumnado (15 min):
- Identificamos fortalezas: Cada integrante de cada grupo di as fortalezas que ten para dar resposta a esa necesidade mediante a actividade escollida e as anotan na cuadrícula de fortalezas.
- Identificamos debilidades: O grupo identifica aqueles aspectos que non se cren quen de dar resposta coas suas fortalezas.
- Identificamos ameazas: Que pode pasar? Como se pode complicar a situación?
- Identificamos oportunidades: Pensamos noutros compañeiros, compañeiras, preguntamos á formadora como pensa que nos podería exudar o centro…
Dinámica de cohesión: Momento para a distensión e cohesión do grupo. En accesos tedes dinámicas para escoller (15 min).
Lembramos o punto no que estamos (5 min. Diapo 19): Repaso da análise DAFO. Quedounos algo por poñer?
Fase 4. Planificación global a partir da análise DAFO (10 min):
- Elaboramos frases: Cada grupo, para cada debilidade, cada ameaza debe atopar relación coas fortalezas e oportunidades detectadas. Escribir en forma de frases: “Para superar a debilidade… temos a oportunidade de…”, “Para afrontar a ameaza… temos como fortaleza…”.
- Identificamos dificultades: Cada grupo identifica as debilidades e amezas ás que non lle atopou respostas.
Posta en comun en gran grupo: Cada equipo pon en común as súas conclusións e ofrece axuda ós demais equipos para dar resposta ás debilidades e ameazas sen resposta. Pode ofrecernos algo o centro? E os nosos compañeiros e compañeiras? Algunha asociación da contorna? O concello? (15 min).
Accesos
Dinámicas para traballar a cohesión grupal
Descargas
Sesión 4. Dinamización do centro
Colocación do mobiliario na aula: Preparación da aula en dúas zonas, unha para o traballo en equipos e outra para a exposición en gran grupo e para a realización de dinámicas.
Repaso da sesión anterior: Dispoñedes da presentación para repasar o visto ata agora (5 min).
Presentación da sesión: Hoxe veremos de que forma imos conseguir dinamizar o centro, para facelo máis interesante e útil para o alumnado. Para explicar en que consiste dinamizar e que se decaten de que xa están nun proceso de dinamización, podemos apoiarnos na diapo 21 (5 min).
Dinámica: “Que elixides ser? cenoira? ovo? café?” (diapo 22 e ficha en descargas).
Dinamización do centro
Fase 1. Eliximos actividade (diapo 23):
- Comezamos retomando os equipos: Cada equipo prepara unha presentación coa que defender que a actividade que propoñen é a primeira que debe poñerse en marcha no centro (10 min).
- Exposición en gran grupo: Cada equipo expón as súas razóns e os seus motivos aos demais. Dispoñen de 5 minutos cada un (15 min).
- Votación: Todas as persoas integrantes da RAS votan, de forma motivada e individual que actividade debería poñerse en marcha en primeiro lugar. Deben ser capaces de ser obxectivos e neutrais, decidindo o mellor para os seus compañeiros/as, segundo os criterios de priorización. (10 min).
- Exposición polo miúdo da actividade elixida por votación:
- Explicación detallada: O equipo que desenvolveu da necesidade ata a proposta da actividade conta aos demais os pasos que foron dando de forma detallada (10 min).
- Choiva de ideas: Ocórreselles aos demais algo que poidan achegar para mellorar a idea? (5 min-diapo 24).
Fase 2. Repartimos tarefas concretas (diapo 25):
- Dividimos a actividade en pequenas tarefas: Tanto na presentación como no pdf tedes un exemplo de como facelo (5 min).
- Eliximos tarefas: Cada delegado/a elixe tarefa, de novo reflexionando acerca das súas fortalezas, en que pode ser máis útil? (5 min).
Fase 3. Implementación (diapo 26):
- Fórmanse equipos por actividades (10 min): Cada equipo debe concluír:
- A meta que persigue
- Os obxectivos que teñen que acadar para que a meta se cumpra, as accións concretas.
- As necesidades que teñen para poder levar a cabo a súa actividade (datos de outros equipos, materiais, tempos).
- Exposición en gran grupo (15 min): Cada equipo sae por orde expoñer as súas conclusións, primeiro o equipo “Organizar os equipos de traballo”, que debera estar presente en toda actividade, e despois os demais, seguindo a orde marcada polo equipo de organización.
A partir deste momento debedes decidir se continuar a unidade a “tempo real” ou continuar en modo ficticio co exemplo da presentación.
Tanto no pdf coma na presentación tedes o desenvolvemento total dos diferentes pasos que faltan na implementación e as fases de seguimento e de avaliación.
Entrega de diplomas: En descargas tedes dispoñible un modelo de diploma para entregar o alumnado que conforma a RAS e que participou na formación. Podedes, para dotalo de solemnidade, pedir ó equipo directivo ou incluso a representantes de asociacións ou do concello que participe na entrega. Podedes tamén consultar co alumnado se lles gustaría que informarades á prensa local ou á radio do Instituto.
Accesos
Dinámicas para traballar a cohesión grupal