Consideracións iniciais
Coñecementos técnicos:
- O conflito: Concepto, o conflito desde unha perspectiva sistémica e as súas partes (persoas, proceso e problema).
- O estilo de comportamento asertivo como ferramenta para a resolución pacífica de conflitos.
- Os 5 tipos de afrontamento aos conflitos: competición, evitación, acomodación, compromiso e colaboración.
- A mediación escolar como ferramenta de axuda entre iguais para a resolución pacífica de conflitos.
Competencia a nivel persoal (emocional) e social:Na medida en que sexamos quen de modelar os tipo de afrontamento baseados na colaboración ou no compromiso aos conflitos que xurdirán de forma inevitable na convivencia na aula, potenciaremos enormemente o efecto desta unidade de titoría.
Introdución
Vivimos nun contexto social e o centro educativo forma, dentro dese contexto, unha microsociedade. Desde unha perspectiva sistémica, os conflitos xorden nas interaccións da persoa coa contorna. As persoas poden cambiar o ambiente da súa contorna e a contorna pode modificar o comportamento das persoas.
Entendendo así o contexto educativo, ter habilidades persoais para as relacións cos demais (traballado na anterior unidade de titoría) e para resolver de forma pacífica os conflitos, fará que variemos a nosa visión sobre eles, pasaremos a consideralos como parte intrínseca da convivencia e unha oportunidade para aprender e para cambiar algún aspecto. O conflito non é en si mesmo o problema, só o será se non utilizamos un tipo de afrontamento adecuado. Así pois, será a competencia que teñamos para afrontalos o que fará que sexan un problema para a convivencia ou unha oportunidade para mellorala. É necesario formarnos e formar o alumnado na resolución pacífica dos conflitos para poder ofrecerlles, como educadores, respostas axustadas ás súas necesidades e lograr que melloren en canto a independencia e responsabilidade ante os seus comportamentos e decisións.
Debemos deixar de desexar unha convivencia sen conflitos. Iso é imposible de conseguir e pouco desexable, xa que só sería reflexo dun tipo de afrontamento evitador dos conflitos, propio de contextos nos que se cre que un conflito non existe se está soterrado. Con este tipo de afrontamento o conflito non desaparece, vai medrando, e co tempo a súa resolución vaise complicando.
Para resolver un conflito o primeiro paso é aceptar a súa existencia, poñelo sobre a mesa de traballo e ver de que forma podemos darlle solución. Un bo centro educativo non é aquel que nega a existencia de conflitos, senón o que di con cifras cantos conflitos tivo, cantos foron afrontados con éxito, cantos apareceron con maior frecuencia e cantos cronificado. Un bo centro educativo é aquel que ve en todo conflito unha oportunidade.
Esta unidade de titoría é previa a Unidade de Convivencia “Mediación escolar”. Despois da impartición desta unidade de titoría, poderemos seleccionar o alumnado mediador para incorporar ou crear o servizo de Mediación escolar do noso centro. Lograr no centro unha cultura de mediación, é un dos factores protectores máis importantes para casos de acoso escolar, xunto co establecemento dunha Rede de alumnado solidario, dinamizador e comprometido. Todo isto enmárcase dentro de actuacións proactivas para a convivencia pacífica.
Obxectivos
- Dotar ao alumnado das habilidades que lle permitan mellorar as súas relacións interpersoais e afrontar de forma adecuada situacións cotiás da vida.
- Poñer en práctica o estilo asertivo para a resolución de conflitos.
- Potenciar a responsabilidade, a xestión emocional e a toma de decisións.
- Fomentar na comunidade educativa valores como a tolerancia e o respecto.
Contidos
- O conflito (definición e partes dun conflito).
- Os tipos de afrontamento aos conflitos (evitación, acomodación, competición, compromiso e colaboración).
- Práctica do estilo de comportamento asertivo para a resolución de conflitos.
Metodoloxía
A metodoloxía, como nas demais unidades de titoría que propoñemos, é de índole participativa. O alumnado será o principal protagonista da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas de equipos, de gran grupo, por parellas, de lapis e papel, role-playing.
Temporalización
Esta unidade ten unha duración de 3 sesións, de 50 minutos e cunha frecuencia semanal.
Indicadores de avaliación
Para esta unidade e para todas, resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.
Para a avaliación do proceso, nas plantillas que tedes dispoñibles para deseñar as vosas sesións, contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o desenvolvemento de cada unha das sesións.
Para avaliar o resultado desta unidade, podedes ter en conta:
- Os resultados dos cuestionarios que cobre o alumnado na última sesión.
- Recollida de información ao equipo docente.
- Datos ofrecidos pola Xefatura de Estudos sobre o número de faltas de orde rexistradas e número de expedientes disciplinarios abertos.
- Datos recollidos polo Servizo de Mediación do centro e a RAS sobre o número e tipo de casos resoltos e número de casos que derivaron ao Departamento de Orientación, Comisión de Convivencia e/ou Xefatura de estudos.
O conflito e as súas partes.
Como en todas as unidades de titoría, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo a plantilla para o deseño de sesións. Nela poderedes ir apuntando os contidos que mellor se adapten ó grupo e as súas potencialidades e necesidades.
Creamos a disposición en “U” na clase (5 min).
Podemos comezar cunha dinámica de presentación. Podedes utilizar unha das preguntas que propoñemos ou crear aquela que vos resulte máis axeitada para avaliar os coñecementos previos do voso alumnado. Tamén podedes usar para avaliar a visión que teñen os alumnos/as do conflito, a seguinte presentación:
Debuxamos no encerado as 3 agrupacións de frechas seguintes:
Preguntámoslles en que opción ou opcións ven un conflito, na “A “, na “B” ou na “C”, en dúas delas ou en todas. O habitual é que a maioría do alumnado identifiquen a opción “A” como a que causa a situación conflitiva, sendo as “B” e as “C” as que en menor medida lle parecen un problema. O certo, realmente, é que a “A” é a que en maior medida favorece a resolución pacífica de conflitos, mentres que a “B” e a “C” poden servir como estratexia para acougar antes de afrontar o conflito, pero nunca como medio de resolución pacífica. Os conflitos non hai que temelos, nin evitalos, debemos aprender a afrontalos de forma que non danen a convivencia (10 min).
Unha dinámica que pode ser apropiada para comezar a conceptualizar os conflitos é “As pezas nun conflito” (ao finalizar a sesión tedes dispoñible a súa descarga) (15 min).
Entregámoslles a ficha “O conflito” e expoñemos a súa definición, as súas partes e os comportamentos que facilitan a súa resolución pacífica, facendo fincapé na visión do conflito como algo que forma parte de toda convivencia. Cada persoa ten os seus intereses e as súas necesidades, o conflito é algo inevitable no día a día dunha comunidade de persoas e é unha fantástica oportunidade para aprender a comportarnos cada vez máis a miúdo de forma asertiva, ou o que é o mesmo, aprender a defender os nosos dereitos coidando de non danar aos demais (10 min).
En gran grupo preguntámoslles se están ou non de acordo co exposto na sesión e pedímoslles que, de forma voluntaria, algún deles/as expoñan un conflito que resolveran utilizando un estilo de comportamento asertivo (5 min).
Volvemos colocar a aula (5 min).
Accesos:
- Crear disposición en forma de “U”
- Dinámicas de presentación
- Dinámicas para a competencia social (Aquí tedes a dinámica “As pezas nun conflito”)
Descargas:
Tipos de afrontamento aos conflitos.
Crear a estrutura de clase en “U” (5 min).
Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión de presentación da unidade. Deben saír os temas de: que é un conflito, as súas partes e as ferramentas que favorecen a súa resolución pacífica (5 min).
Dinámica de resolución de conflitos: Nesta sesión é adecuado, para facilitar a comprensión dos tipos de afrontamento ó conflito, facer a dinámica antes de presentar os contidos teóricos. As dinámicas “Os burros” ou “As mandarinas” son as máis apropiadas para esta sesión (15 min).
Repartimos a ficha “Tipos de afrontamento aos conflitos” (en descargas) e, utilizando a experiencia na anterior dinámica, explicamos os tipos de afrontamento aos conflitos: evitación, acomodación, competición, compromiso e colaboración, aclarando que son os dous últimos os que favorecen a resolución pacífica do conflito. Na medida en que saibamos específicamente cales son as necesidades da outra persoa resolveremos o conflito da forma máis pacífica e construtiva posible. A comunicación é fundamental (10 min).
Podemos preguntar se existe algún pequeno conflito en clase e modelar un tipo de afrontamento pacífico, que entre o problema e a solución coloque as necesidades de ámbalas dúas partes ou, no caso de que non o haxa (ou non queiran contalo, máis ben), podemos inventar calquera exemplo de conflito cotiá e preguntar formas de afrontalo de forma pacífica (5 min).
Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min)
Accesos:
Descargas:
Práctica en resolución pacífica de conflitos.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior. Que lembran? Traballamos os tipos de afrontamento aos conflitos (acomodación, evitación, competición, compromiso e colaboración) (5 min).
Presentación da sesión (5 min): É o momento para, por un lado, utilizar o estilo de comportamento asertivo e, polo outro, practicar para atopar solucións que resolvan un conflito utilizando un tipo de afrontamento colaborativo ou de compromiso. Mentres que o estilo de comportamento define a actitude que temos ante a situación, relaxada, o tipo de afrontamento marca a estratexia para acadar unha solución satisfactoria para ámbalas partes, tendo en conta as nosas necesidades e as dos demais. Ás veces resultaranos fácil, porque xa resolvemos antes conflitos similares, outras veces resultaranos máis difícil e teremos que actuar con creatividade. O que non varía nunca é o estilo de comportamento que debemos ter e as metas que debemos perseguir (5 min).
Podemos comezar esta sesión coa dinámica dos 9 puntos, que atoparedes en “Dinámicas para a competencia social”, para que experimenten a que nos referimos cando dicimos que, ás veces, hai que actuar con creatividade, como ás veces as nosas ideas previas o único que fan é impedir que alcancemos unha nova aprendizaxe (10 min).
É xa o momento de pedir persoas voluntarias para realizar un role-playing para a resolución dun conflito. En descargas tedes propostas para presentar como casos. A dinámica transcorrería da seguinte forma:
- Cada alumno/a que representa unha das partes no conflito dispón só da súa información. Con ela, entran e escenifican a situación. Os demais coñecen da situación o que as protagonistas están contando. As partes tratan de resolver o seu conflito.
- Pasados uns minutos, as demais persoas poden facerlles preguntas ou expresar opinións que as persoas “en conflito” poden ou non responder.
- Unha vez que rematan as preguntas e opinións, se non descubriron toda a información que se esconde detrás do conflito, proporciónaselles (aos alumnos/as que non forman parte no conflito). Eles/as terán que facer as preguntas adecuadas para, sen descifrar a información da que dispoñen (hai que respectar a privacidade), as partes escoiten os motivos da outra persoa, comprendan mellor e entendan que identificar os motivos e as necesidades da outra persoa é o quiz para resolver o conflito de forma pacífica (20-25 min).
Esta estrutura de sesión pode repetirse se vemos que precisan máis práctica para resolver conflitos de forma pacífica. En lugar da dinámica dos nove puntos podedes buscar enigmas para promover o pensamento creativo, utilizar outro dos casos propostos, ou crear un caso que vexades pode ser do interese do grupo.
Entregamos o cuestionario de avaliación desta unidade para que o cubran (5min).
Colócase de novo o mobiliario na aula (5 minutos).
Se ides poñer en marcha a unidade de convivencia “Formación en mediación escolar”, este é o mellor momento para facelo. Estas unidades de titoría son a base da mediación e observar aos alumnos/as resolvendo conflitos pódevos dar unha moi boa oportunidade para detectar aqueles/as que serían bos mediadores/as. Para iso, poderiades facer a vosa proposta ao departamento de orientación e á comisión de convivencia e reservar unha sesión de titoría para presentar a mediación, pedir voluntarios/as e abrir unha votación para que o resto da clase vote ás persoas que reúnen as cualidades necesarias para pertencer ó equipo de mediación.
Accesos:
- Crear unha disposición en forma de “U” na clase
- Dinámicas para traballar a competencia social
- Mediación escolar