Familias

participación na escola

Seguir o traballo das crianzas na escola é a forma que temos para dar valor ós procesos educativos e para apoiar o seu proceso de aprendizaxe.

As familias buscan exactamente o mesmo que o profesorado, ofrecer as oportunidades necesarias para que todo o alumnado, sexan cales sexan as súas características persoais, culturais ou sociais, desenvolvan de forma óptima todo o seu potencial e lograr durante o proceso unha contorna para o seu desenvolvemento seguro, na que sintan o seu protagonismo no seu proceso de aprender.

No proceso educativo sempre é máis produtivo falar de responsabilidade que de culpabilidade.

Nesta páxina ofrécense unha serie de estratexias para complementar a educación formal na escola.

 

Participación da familia na escola

con base na disciplina positiva
Activemos o detector de potencialidades


Temos un sistema educativo que valora dunha forma moito máis evidente dúas competencias: a lingüística e a matemática.

Se as nosas crianzas son amantes dos libros ou teñen facilidade para as matemáticas, terán a oportunidade de que o propio sistema detecte a súa potencialidade, non terán perigo de dano na súa autoestima.

Agora ben, se as súas potencialidades teñen máis que ver coa súa expresión artística, co seu movemento, coa súa facilidade de relación cos demais, coas súas ansias de experimentación… teremos que activar con moito máis esforzo o noso detector de potencialidades, facéndolles ver que a sociedade si valora esa potencialidade que teñen e, sobre todo nós, a súa familia.

Se conseguimos que a súa autoestima non decaia, será moito máis fácil que afronten as súas tarefas escolares coa motivación necesaria.

Ofrezamos oportunidades para desenvolver o seu potencial:
Ofrecer oportunidades é a forma que temos de demostrar que a familia dá valor ás súas potencialidades.

Se a túa crianza goza coa natureza, ofrécelle oportunidades para descubrir novos lugares, novos roteiros; se goza co deporte, déixalle que escolla o que máis lle gusta; se é a música o que lle apaixona, ofrécelle a oportunidade de descubrir novos instrumentos ata que atope aquel que mellor se adapte á súa forma de expresarse.

Se o pensamos ben, cada unha destas oportunidades ademais de protexer a súa autoestima, son a chave de novos coñecementos. Necesitará saber seguir instrucións e prestar atención se practica un deporte, terá que ir sumando puntos e facendo cálculos para saber en que lugar da clasificación pode acabar o seu equipo… ese interese pode utilizarse para adquirir novos coñecementos e para superar momentos de frustración.

Cedamos a cada actividade o seu tempo e o seu espazo

Unha das loitas cotiás máis importantes na casa é o tempo das tarefas escolares.

Hai nenos, nenas, adolescentes que si son responsables con estas tarefas, pero e se non o son? e se amosan resistencia a facelas?.

Debemos ofrecerlles un tempo e un lugar para facelas, sen ameazas, adaptándonos a cada idade. Un exemplo podería ser: “Chegou o momento das tarefas, que tedes hoxe para facer?” (acompañamos ás súas zonas de estudo, asegurámonos de que revisan a axenda, facemos que se fixen en se ten un exame preto ou a entrega dun traballo). “Canto tempo pensas que precisarás para facelas?”. Dependendo das súas respostas axudámoslle a planificar a tarde, sempre deixando tempo para as actividades e para o descanso.

Ofrezamos acompañamento na súa toma de decisións

Se acaban as súas tarefas antes de tempo, han  decidir que fan, se van estudando xa para un exame que terán proximamente, lendo un libro, compilando información para un traballo… ou se prefiren un descanso.

Debemos entender que tanto a Educación Primaria como a Secundaria Obrigatoria é unha fase de aprendizaxe, non só de contidos, senón tamén e sobre todo de toma de decisións. A nosa responsabilidade é a de ofrecerlles a contorna adecuada para que fagan as súas tarefas con responsabilidade e autonomía.

Entendamos cada "non quero" coma un "non podo"
O máis habitual é que detrás dun “non quero” estea un “non podo”.

Por norma xeral, cando nos sentimos competentes nunha actividade, apetécenos facela.

É o proceso de aprender o que é para moitas persoas aburrido e abafador.

Fagamos que o entendan usando as súas aficións, as súas aprendizaxes anteriores… Cando nos digan “Xa o entendo!”, riámonos xuntos do que sucedeu fai un intre, cando se negaban facelo.

Escoitemos as súas queixas

Cando cheguen a casa con enfado ou decepción por algo que non lles saíu como imaxinaron, escoitemos con paciencia.

Todos, todas, frustrámonos ás veces.

Con isto non quero dicir que lles deamos a razón, senón que só lles escoitemos, ata que o seu enfado diminúa, aí e só aí estarán preparados para a reflexión.

Que puideron facer diferente? Que teñen na súa man cambiar? A quen poden pedir apoio se o precisan? Necesitan falar con algún profesor ou profesora? Como e cando o farán?

Comparemos os seus resultados cos anteriores

Poucas cousas danan máis cás comparacións con outras persoas.

Cada quen ten as súas potencialidades, a súa diversidade.

Se cando comezamos practicar o salto poñemos como meta a marca de Ana Peleteiro, só servirá para desmotivarnos. Se apuntamos a nosa primeira lonxitude acadada e a imos comparando conforme imos adestrando, a sensación de fracaso será moito menor.

Comparar os seus resultados cos anteriores é a forma na que poden sentir con maior probabilidade satisfacción polos seus esforzos.

Axudemos interpretar as notas
Hai veces que un catro é moito máis saboroso ca un sete, porque sabemos que detrás hai un gran esforzo e ofrecen a oportunidade de aprobar, sumando puntos por traballos ou facendo media con outro exame.

Noutras ocasións, ese catro indica que confiou demasiado, así que a reflexión debe ser distinta.

O importante é que cada nota ofrece unha oportunidade de reflexión.

Atemos moi forte liberdade con responsabilidade

A preadolescencia e adolescencia é o momento de maior necesidade de liberdade, de gozar a soas ou coas súas amizades.

É natural a rebeldía nestas idades, a necesidade de pensar de forma diferente, de expresar libremente o seu “Eu”.

Pois unamos esa necesidade á responsabilidade. Queren saír para dar unha volta coas súas amizades? Antes deben deixar as súas tarefas feitas, Queren dispoñer de diñeiro? Pois terán que encargarse dalgunhas das tarefas que hai que facer en casa, Queren un novo móbil/bicicleta…? Terán que aforrar o diñeiro do que co seu traballo e esforzo van conseguindo (non só na escola).

Confiemos

A confianza é algo que debemos regalar así, sen máis, tanto ás nosas crianzas, coma ó profesorado ou a outras persoas que interveñen na súa educación.

A clave non está en que as persoas se gañen a nosa confianza, está en motivalas para non perdela.

Outras temáticas para familias

Normas e límites

Prevención de riscos

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies