Consideracións iniciais
Preparación da unidade: Para a preparación deste taller, debemos ter en conta que a Orientación Académica e Vocacional está moi relacionada con factores como o autoconoñecemento persoal, a autoestima, os valores, as crenzas, a información á que se ten acceso… É un tema complexo e á vez o gran tema do sistema educativo. Os alumnos e alumnas están no Instituto para formarse, para lograr o pleno desenvolvemento da súa personalidade e para integrarse na sociedade con capacidade para exercer unha cidadanía responsable, tanto para con eles e elas mesmas como cara os demais e cara a contorna.
É certo que o momento actual é bastante caótico e non favorece a orientación nin a os procesos de planificación a medio e longo prazo, a lexislación que regula os distintos procedementos dos que deberiamos ter información están en continua modificación, publícanse tarde e non permiten unha orientación nos aspectos informativos de calidade. Contamos o que pasou o curso no que estamos, pero non temos información sobre o que pasar´´a no curso que está por vir, se haberá modificacións, se non… é difícil apoiar os procesos de aprendizaxe en toma de decisións neste contexto, pero aquí estamos, nesta unidade e pensando que antes de chegar á meta á que cada alumna, cada alumno quere chegar, deben saber cal é. Nisto si que centraremos esta unidade de titoría, en promover o autocoñecemento do noso alumnado e a aprendizaxe na súa autoavaliación, para que empecen a entender o Instituto como un modo de preparación, de ensaio… un campo de prácticas para o seu desempeño adulto.
Coñecementos técnicos: Como titores/as temos que estar moi ben informados sobre as novidades en canto a lexislación.
Entender a diferenza entre autoconcepto e autoestima é moi importante en temas de orientación. Sobre todo no caso de do alumnado cunhas capacidades e aptitudes que non son de igual forma valoradas dentro do sistema educativo (artistas, escritores, pensadores, críticos, deportistas…). Parte do seu autoconcepto pode ser, por exemplo, “Bo debuxante”, pero se isto non é valorado pola súa contorna, esa característica, positiva en principio, pode ser avaliada polo alumno/a de forma neutra ou negativa se se acompaña, por exemplo de: “Deixa xa de debuxar, non tes nada que estudar?” (coma se estivese a xogar). No momento en que se valora esa característica positivamente, senti´rá unha maior motivación para abarcar o resto de materias, danar a súa autoestima non é o mellor modo de conseguir o seu progreso. De aí a importancia de distinguir entre autoconcepto e autoestima. Na segunda, na autoestima, como persoas encargadas da súa educación, temos moita responsabilidade.
A toma de decisións é outro dos grandes alicerces da orientación. En Prevención de condutas de risco falamos das consecuencias a curto, medio e longo prazo dunha decisión e do importante de tomar decisións axustadas, que non busquen tanto a satisfacción dun desexo inmediato ou a evitación dalgún tipo de malestar aquí e agora. Entender que cada decisión que tomamos proxéctanos cara ao futuro, ofrecer oportunidades para a súa práctica e avaliación, é un dos grandes alicerces da orientación.
Competencia a nivel persoal (emocional) e social:Xa adiantamos a importancia de coidar a autoestima dos nosos alumnos e alumnas. Todas as persoas somos boas en algo. Unhas tardan máis ca outras en atopar o seu camiño, outras preocúpanse tanto por agradar que esquecen os seus intereses, outras non cren que poidan valer para algo… detrás de cada fallo hai unha oportunidade para a aprendizaxe ou unha sensación de fracaso que se busca evitar. Na medida que sexamos capaces de converter un fallo en algo normal, que forma parte do proceso, estaremos orientando. Valorar o que cada persoa ten é outra forma de orientar e á vez promover o respecto e o valor pola diversidade.
Entender que o noso sistema ten carencias que debemos tentar suplir co noso bo facer diario é fundamental para que a escola alcance o seu obxectivo, axudar a que o alumnado alcance o seu grao de desenvolvemento óptimo.
Introdución
O mundo laboral xa non é o que era. O noso sistema produtivo cambiou moito no último século. Fai pouco tempo, entendíase que persoa-profesión era un quebracabezas de dúas únicas pezas que había que encaixar. Bastaba con ver os intereses, capacidades, trazos de personalidade da persoa e as características do posto para encaixar un con outro, para toda a vida. O sistema educativo (nuns países máis que noutros) tiña como función principal formar a estes futuros traballadores e traballadoras.
A situación actual é, simplemente, distinta. As profesións nas que acabará traballando o noso alumnado pode ser que nin sequera se inventaran. A tecnoloxía, as necesidades da sociedade, todo… variou ostensiblemente e o proceso de cambio continúa.
A única forma de preparar ao noso alumnado para o mundo que lles espera fóra é dotándolles de ferramentas para a súa propia orientación, deben aprender a orientarse, a atopar un lugar no que desenvolver o seu potencial, a seguir aprendendo, a reorientarse. O cambio que se avecina nestes momentos que escribo a nivel lexislativo esíxenos un cambio na nosa forma de avaliar, que conleva un cambio na nosa forma de ensinar. Hoxe en día non basta con transmitir uns contidos, hoxe en día temos que poñer o foco en facer que sexan competentes, que aprendan a poñer o seu coñecemento na práctica. Estas experiencias, sen dúbida, orientarán moito mellor ó noso alumnado cara a súa toma de decisións.
Así, esta unidade, dentro do PAT, encargarase de dotar de ferramentas ao alumnado para descubrir a súa vocación, cales son os seus intereses e de que forma poden utilizar a escola como campo de prácticas para o seu futuro profesional.
Obxectivos
- Dotar ao alumnado de estratexias para a súa orientación académica e profesional.
- Promover o autocoñecemento e a autoestima do noso alumnado.
- Ofrecer oportunidades para o descubrimento vocacional.
- Promover a posta en práctica de procesos de ensinanza e aprendizaxe competenciais.
Contidos
- Na primeira sesión traballaremos o autocoñecemento.
- Na segunda sesión resaltaremos a importancia de saber como tratar a información.
- Na terceira sesión veremos de que forma os nosos valores e as nosas crenzas guiar o noso descubrimento vocacional.
- Na cuarta, aprenderemos a reflexionar acerca das competencias que se requiren nunha determinada profesión e a avaliarnos nelas.
- Na quinta sesión traballaremos o grao de realismo das autoavaliacións.
Metodoloxía
A metodoloxía, como nos demais talleres de titoría que propoñemos, é de índole participativa. Os alumnos/as serán os principais protagonistas da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas por equipos, individuais, de gran grupo…
Temporalización
Esta unidade ten unha duración de 5 sesións de 50 minutos e cunha frecuencia semanal.
Indicadores de avaliación
Para este taller e para todos, resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.
Para a avaliación do proceso, nos modelos que tendes para deseñar cada unha das sesións, contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións.
Para avaliar o resultado desta unidade, podedes ter en conta:
- Os resultados dos cuestionarios que na última sesión cobre o alumnado.
- O grao de sensación de descubrimento vocacional alcanzado.
- O grao de participación nas diferentes sesións.
- O nivel de compromiso alcanzado polo alumnado na mellora competencial.
Autocoñecemento.
Non vos esquezades de descargar a vosa plantilla para o deseño de sesións, para anotar nela os contidos que pensades que poden adaptarse mellor ao voso grupo. Comezamos!
Creamos a disposición en “U” na clase (5 min).
Podemos comezar esta nova unidade cunha das preguntas que tedes dispoñibles nas Dinámicas de presentación, ou deseñando vós mesmos/as unha pregunta que vos resulte potente para empezar a falar do tema de orientación (5 min).
Presentamos esta unidade de titoría: Para iso tedes dispoñible a presentación do programa, en accesos nesta mesma sesión (10 min).
Poderiamos continuar cunha das dinámicas de cohesión grupal, reflexionando acerca da importancia de traballar en equipo, para lograr obxectivos máis ambiciosos e para que cada un achegue o seu coñecemento e as súas competencias á tarefa (10 min).
Traballo individual. Ficha Autocoñecemento en descargas desta sesión (5 min).
Reflexionamos sobre os resultados deste traballo persoal (10 min).
- Gustoulles? Pareceulles difícil?
- Cren que as súas habilidades son valoradas pola súa contorna?
- Que necesitarían para sentirse máis valorados?
- Cren que aquelas capacidades nas que non ven representados poden ser melloradas con esforzo?
- Ven imposible algunha das capacidades? Por que?
- Valoran máis ás persoas que mostran capacidades que non se recoñecen en si mesmos?
- As capacidades que pensan que non lles definen en absoluto, poderían axudarlles a acadar as súas metas?
- Cal cren que debe ser o seu obxectivo, experimentar noutras capacidades, perfeccionar as que xa teñen ou ambas as cousas?
Vídeo. Gery’s game (10 min): Podemos terminar a sesión cun vídeo de Pixar, no que se pode ver a un ancián competindo consigo mesmo ao xadrez, ata facéndose trampas.
- Credes que aprender é máis unha competición cos demais ou con vós mesmos/as?
- Que opinades acerca das trampas?
- A quen enganades en maior medida?
Volvemos colocar a aula (5 min).
Accesos:
- Crear disposición en forma de “U”
- Dinámicas de presentación
- Dinámicas de cohesión
- Vídeo Pixar: “Geri’s game”
Descargas:
Tratamento da información.
Para esta sesión, se fora posible, sería recomendable ir á aula de informática ou á biblioteca, se é que alí dispoñedes de computadores, de ser o caso de que non dispoñan de portátil na clase (5min) .
Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior. As capacidades, coñecerse e recoñecerse como aprendices, o vídeo acerca da competición persoal. (5 min).
Introducimos a sesión: Para lograr orientarnos no mundo académico e profesional, temos, ademais de coñecernos e recoñecer as nosas aptitudes, coñecer as oportunidades que temos. A información é moi ampla. Debemos marcarnos uns obxectivos antes de comezar a busca de información. (5 min).
Vídeo: Zona de confort (10 min). Podemos comezar a sesión con este vídeo, que trata de como vencer os medos que impiden avanzar. Para a reflexión poderemos preguntarlles:
- En que zona pensades que estades agora mesmo?
- En que pensades que vos pode servir a zona de aprendizaxe na que estades cando teñades que aceptar novos retos nas vosas vidas?
Proxectamos na pantalla o mapa do sistema educativo, que tedes dispoñible en accesos desta sesión e que forma parte dunha presentación moi completa con información sobre o sistema educativo. Realizamos unha pequena presentación das distintas carreteiras e formas de acceso ó sistema educativo. Dependendo do curso sinalaremos no mapa a súa posición e as opcións que teñen por diante e pedímoslles que fagan as preguntas que precisen sobre as diferentes opcións, tanto para rematar a ESO como para continuar, se así o desexasen, os seus estudos. Imos apuntando no encerado as súas preguntas (10 min).
Repartides as preguntas que lles foron xordendo, ben individualmente ou, de ser poucas, facendo grupos. Cada persoa ou grupo debe buscar e atopar a resposta na presentación, á que lles facilitaredes acceso (5 min).
Posta en común das respostas atopadas. Agora que sabedes algo máis, tedes máis ou menos preguntas?
Accesos:
- Vídeo: Zona de confort
- Presentación do mapa do noso sistema educativo
Descargas:
Valores e crenzas para o descubrimento vocacional.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior. Que lembran?, Que conclusións sacaron da información que lles ofrecemos? (5 min).
Dilema: “O caso de Helena”:En descargas desta sesión dispoñedes do acceso á dinámica que propoñemos para o traballo cos valores e crenzas, mediante a exposición dun dilema que han de resolver mediante traballo en equipo, cada alumno/a no equipo que escolla, dependendo dos seus intereses e motivacións. No documento atoparedes como levar a cabo esta dinámica, que ocupará case toda a sesión.
Reflexión: Que poderiades facer na vosa contorna se vos animásedes a facer algo en equipo?
Colócase de novo o mobiliario na aula (5 minutos).
Descargas:
Competencias e autoavaliación.
Esta sesión non necesita colocar a aula de forma especial, o traballo será en gran medida individual.
Repaso da sesión anterior: Comprobamos de que forma o que sabemos pode reflectirse no que facemos, como os nosos valores e crenzas afectan as decisións que tomamos e de que maneira unha tarefa que parece inabarcable pode facerse traballando en equipo (5 min).
Presentación da sesión: Hoxe aprenderemos a avaliarmos. Para iso, en primeiro lugar os alumnos/as han de elixir entre as súas profesións favoritas, unha, só unha, na casa poderán practicar con máis se así o desexan. (5min).
Traballo individual de escolla e análise (10 min):
- Cada alumna, cada alumno debe escoller entre as súas profesións favoritas unha e só unha e escribir esa elección nun papel.
- A continuación pensan en persoas que coñecen e consideran que son boas profesionais nese campo e analizan que 8 características cumpren para seren boas profesionais. Podemos poñer exemplos como: organizadas, puntuais, simpáticas, resolutivas, creativas, con destreza manual, servicial, cooperativa, competitiva, empática… Ofrecemos axuda para esta análise e escolla e tamén poden falar entre iguais para ofrecerse apoio na tarefa.
Dinámica de lapis e papel. A roda da vida (10 min): Entregamos de forma individual a primeira folla da dinámica “A roda da vida”. Nela deben escribir o seu nome, a profesión e as 8 características que escolleron. Esas mesmas características volven escribilas nos casilleiros que enlazan coa “Roda da vida” e autoavalíanse:
- Que puntuación vos poñedes en cada característica, de 1 a 5? (1-nada competente, 2-pouco competente, 3-medianamente competente, 4-bastante competente, 5-completamente competente).
- Agora terán que colorear esa parte do círculo dependendo da puntuación que se outorgaron en cada unha das características que definen as persoas profesionais. Pedímoslles que observen a súa “Roda da vida” e reflexionen acerca do que xa teñen e o que lles queda por mellorar.
Reflexión individual (10 min): Pedimos que, nun papel a parte clasifiquen as características segundo a súa autoavaliación en 3 grupos:
- Competencias adquiridas (puntuación:5)
- Competencias en fase de adquisición (puntuación: 2-4)
- Competencias sen adquirir (puntuación: 1)
Para cada característica, dependendo do grupo no que se atopen deben responder no papel:
- Para as adquiridas: Que levades feito na casa, na escola, coas vosas amizades… para ter adquirido esta competencia?
- Para as que están en fase de adquisición: Que levades feito xa na casa, na escola, coas vosas amizades e que pensades que podedes facer para mellorala?
- Para as que aínda non teñen adquiridas: Que poderiades facer na casa, no Instituto, coas vosas amizades para comezar o voso adestramento nesta competencia?
Compromiso (10 min): Cada alumna, cada alumno, comprométese mellorar nunha e só unha desas competencias esa semana e escolle a forma na que vai facelo. Para isto, nun papel escribe:
Eu……………………….. a día de hoxe………..comprométome mellorar a miña competencia en……………………….. Para iso o que vou facer é………………………. Asinado……………………….
Deben asinalo, lelo por quendas en voz alta e entregalo á persoa titora, xunto coa primeira parte da ficha cuberta. A persoa titora estudará o grao de realismo de cada alumna e alumno no seu autoconcepto. Deste tema tratará a vindeira sesión da unidade.
Descargas:
Avaliación realista e deseño de plans de mellora.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Que lembran? Na sesión anterior comezamos a aprender a autoavaliarnos e a comprometernos nun cambio (5 min).
Seguimento dos compromisos (10 min): De forma individual e por quendas van dicindo:
- O seu compromiso.
- A puntuación de 1 a 5 que se dan no esforzo investido en cumprilo.
- Facilidades e dificultades que atoparon para cumprir o seu compromiso.
Dinámica de lapis e papel. “A roda da vida” (2ª parte): Entregámoslles de forma individual os seus materiais da sesión anterior e a segunda folla da “Roda da Vida”. Nela teñen que volver encher as 8 características que consideran máis importantes para a profesión que desexan desempeñar e facer entrevistas aos seus compañeiros/as, ao titor/a, para que sexan outras persoas quen lles valore nesas competencias. En total deberá recoller 4 opinións dos demais (10 min).
Reflexión sobre os resultados en gran grupo (15 min):
- Hai moita diferenza entre a vosa avaliación e a avaliación que fixeron de vós?
- Sodes realistas cando vos valorades ou sodes demasiado críticos ou optimistas?
- Que valor lle dades as opinións dos demais?
- Valen o mesmo tódalas opinións ou hai algunhas que nos importan máis?
Agora len de novo as súas reflexións da sesión anterior acerca de que podían facer aquí e agora e o que xa estaban facendo.
- As opinións dos demais fixeron cambiar o voso punto de vista?
- Que credes que vos pode aportar contar coa opinión dos demais? Para que vos pode servir?
- Algunha vez pensades, antes de facer calquera cousa, a opinión que van ter os demais sobre ese comportamento?
- Que pensades que é mellor, actuar pensando no que os demais dirán ou opinarán ou actuar seguindo o voso plan para mellorar? (importante que reflexionen sobre que as opinións dos demais aportan un plus de realismo ás propias, pero que non poden ser vividas como determinantes, só como unha forma de reflexión e de autocrítica para mellorar).
- Pensades que agora, coas opinións dos demais, podedes mellorar o voso plan?
Convidámolos facer entrevistas na casa para obter tamén outros puntos de vista ou con amizades que teñan fóra da clase e a refacer o seu plan e poñelo en práctica.
Entrégaselles o cuestionario para a avaliación desta unidade de titoría. Se non dá tempo para enchelo nesta sesión pode optarse por deixar que o leven para casa e que o traian cuberto na seguinte sesión ou reservar os primeiros minutos da seguinte hora de titoría para que o cumprimenten.
Colócase de novo a aula (5 min).