Familias

normas e límites

Gústame comparar as normas e os límites coas portas e as fechaduras das nosas casas. Que sentiriamos se tivésemos que vivir sen portas, sen fechaduras? A sensación de tranquilidade, de seguridade, sería a mesma?

As normas, os límites son necesarios para un crecemento seguro. Sen eles, tanto a cativada como a mocidade, amosan nerviosismo, irritabilidade, nunha continua procura, de que? dese límite, desa norma, que lles faga experimentar nun ambiente seguro.

Despois comeza outra “loita”, a de ampliar eses límites conforme van crecendo. Respectar os seus tempos, o seu desenvolvemento e adaptarnos a estes aspectos é fundamental.

Aínda que sei que a meirande parte das persoas que estades agora lendo o facedes buscando a forma de corrixir algún comportamento, antes debedes reflexionar sobre tódalas cousas que xa fan ben, porque só a partir delas poderemos comezar construír.

As propostas que desde aquí vos fago están na súa maior parte recollidas do Programa EDUCA (Díaz-Sibaja, M.A.; Comeche, M.I e Díaz, M.I (2010). Programa EDUCA. Escuela de padres. Educación positiva para enseñar a tus hijos. Madrid:Pirámide).

 

Normas e límites

con base na disciplina positiva
1. Observemos

Propoño que observedes que fan as vosas crianzas durante o día, todos os días da semana. Podedes preparar un cronograma para poder sacar as vosas propias conclusións.

Vendo o seu día a día podemos comezar a desenvolver en nós un tipo de mentalidade positiva, con base ao que xa sabe facer e fai de forma totalmente natural. Desde aí é de onde partiremos, quitando o foco do negativo, centrémonos só no que fai, para empezar.

Unha vez feito o cronograma, debemos reflexionar sobre 3 preguntas:

  • Que cousas xa sabe facer?
  • Que cousas me gustaría que aprendese?
  • Que comportamentos debería mellorar?

É moi importante para continuar que escribades nun papel as vosas respostas, iremos vendo diferentes técnicas para manter, para instaurar e para corrixir comportamentos.

2. Que é a educación positiva e construtiva?
Imos comezar dicindo que NON é educación positiva e construtiva:
  • Ter unha actitude permisiva
  • Ceder despois de dicir que NON
  • Amosar unha actitude autoritaria
  • Parecer incoherente
  • Gritar, perder os nervios
  • Incumprir promesas ou ameazas
  • Negarse negociar
  • Amosar falta de atención cando nos fala
  • Esixir que os éxitos sucedan XA!
SI é Educación positiva e construtiva:
  • Deixar que actúen as consecuencias
  • Actuar, fuxir dos discursos
  • Ter uns obxectivos claros
  • Ser coherentes no tempo, na persoa e no lugar
  • Ensinar con claridade, cousas concretas
  • Pensar antes de prometer ou de castigar
  • Confiar no voso fill@
  • Valorar non tanto os resultados, senón os esforzos e os intentos
  • Dar tempo e axuda para a aprendizaxe
En definitiva… Que é educar?
  • É atender ás súas necesidades básicas e materiais (alimentación, fogar, roupa…).
  • É darlle afecto, seguridade, confianza, valores de respecto cara á diversidade, responsabilidade…
  • É prepararlles para que actúen de forma libre e autónoma, de forma responsable.
  • É potenciar a súa socialización, que sentan que forman parte da tribo.
  • É entender que a familia comparte as súas funcións educativas con outros axentes socializadores (escola, TV, amigos…), pero sen delegar neles as súas funcións.
3. Desmontamos mitos e construímos crenzas e actitudes positivas

Imos presentar algunhas das frases máis recorrentes, que de tanto repetilas parecen certas e que o único que conseguen é que deixemos de tentalo.

Na medida en que sexades quen de romper con estas falsas crenzas, conseguiredes achegarvos máis ás vosas crianzas e facervos conscientes do potencial que todos e todas temos como persoas.

Xa se dará conta cando creza► Os problemas non se solucionan por si solos. Nós somos os responsables en solucionalos e, sobre todo, previlos.

Eu xa fixen todo o que puiden►Seguramente isto non é así, se o creses realmente, non estarías agora mesmo lendo isto. Os pais e nais temos unha característica que nos define: nunca nos rendemos!

Xa o probei, eu iso xa o fixen►Pois quizais non lle deches o tempo necesario ou quizais te centraches no que querías corrixir e non en todo o positivo que xa tiña ou quizais non era o momento aínda… pode haber moitos motivos detrás dun fracaso, pero sempre existe a oportunidade para aprender deles.

Non sei para que tanta teoría, eu quero algo práctico►Se só sabes que facer nunha situación concreta, é máis difícil que saibas como reaccionar ante calquera situación, se entendes e interiorizas de que falamos cando dicimos educación positiva e construtiva, as túas ferramentas serán infinitas.

Se o problema teno a miña crianza, por que se supón que son eu quen debe cambiar?► Pois porque no fondo todos sabemos que o único que podemos modificar de forma inmediata é o que ten que ver connosco e, dentro do marco no que traballamos, o sistémico: “Se ti cambias… todo cambia”.

A culpa é do pai/ A culpa é da nai… do avó, da avoa…►Isto non ten cabida nun enfoque positivo, pregúntalle á túa crianza que tedes de bo cada persoa que participa na súa educación, seguro que vos pode dicir moitas cousas, niso é no que vos debedes centrar.

Eu non podo facer nada para solucionalo►É pouco probable que penses isto e á vez esteas aquí, claro que podes facer moitas cousas. Ademais, non facer é só a expresión de decidir que vas deixar que actúen as consecuencias. É unha das opcións.

Eu non quero cambiar►Ninguén che pide que ti cambies, só que probes facer outras cousas, ti es moito máis que estas decisións, non tes por que cambiar.

A culpa é da sociedade na que vivimos►A sociedade na que vivimos non é outra que a que construímos. Nós somos a sociedade. Nós eliximos o Instituto ao que acode, as amizades que convidamos á casa…A miúdo é a sociedade a que nos sorprende con historias cotiás que conteñen un gran valor humano. Día a día vémonos apoiados por esa mesma sociedade.

4. Falemos dos comportamentos

Un comportamento é moito máis do que vemos. Normalmente non os entendemos porque non sabemos observalos dunha forma sistémica e sistemática. Son varias as preguntas que debemos facernos para entender un comportamento:

  • Que sucede xusto antes de que ocorra ese comportamento?
  • Ocorre sempre?
  • Depende de con quen estea?
  • Depende do lugar?
  • Depende do momento do día?
  • Que sucede xusto despois dese comportamento?
  • Obtén con ese comportamento algo agradable?
  • Evita con el algo desagradable?

Debemos entender que o maior reforzador, o maior premio que as persoas buscamos non é outro que a atención. Esta é unha das bases da educación positiva. En xeral nenas, nenos, mozos, mozas, preferirán unha boa rifa que a desatención.

Se só lles prestamos atención cando se comporta de forma pouco adecuada, estamos a reforzar (premiando) ese comportamento.

Hai outra forma de premiar sen querer un comportamento e é evitando algo que non lle resulta agradable. Se non quere facer os deberes e acabámosllos facendo (ditando), estamos a premiar ese comportamento de negarse facelos, consegue evitalo.

Como podedes ver, premiamos sen querer e eu pregúntovos: non sería mellor premiar querendo?

5. As ferramentas imprescindibles

O programa “EDUCA” chámalles a estas ferramentas “imprescindibles” e non podo estar máis de acordo. Son 3:

As instrucións, peticións e ordes:

Aínda que variando o ton de voz, as formas… esta é unha ferramenta moi, moi coñecida por toda persoa que ten a tarefa de educar.

As crianzas asenten, pero… non o fan, o que nos fai escalar, en breves momentos vémonos gritando exactamente o mesmo que empezamos dicindo como unha suxestión. Saben que contan con toda esa marxe e alongan o proceso. Isto fai que nós pensemos que berrar funciona e, si, funciona, pero só como desafogo á nosa propia frustración.

Non estamos a suxerir que faga algo. Se lle dicimos “Por que non recolles a túa habitación?” pode pensar “pois porque non me apetece”, isto non é unha petición.

Se lle damos unha chea de datos explicativos, perdemos eficacia “Cariño, se recolles a habitación vas estar moito máis cómodo. Mira como tes a roupa nos teus armarios, mira a cama, mira o teu escritorio. Despois queres convidar ás túas amizades pero, claro, non podes, coa habitación como a tes… imaxínas que nós tivésemos así toda a casa? que che parecería?….” (podemos chegar a falar dos paxaros que aniñan no tellado e tampouco funcionaría).

Como facelo?

  • Preparándonos: Definir de forma clara, precisa e concisa a instrución e a súa consecuencia: “Se recolles o teu cuarto antes das 8, poderás ver despois un capítulo da serie que tanto te gusta”.
  • Acompañando a mensaxe da nosa linguaxe non verbal: Investir un pouco tempo en ir ó seu carón, en asegurar a súa atención e en dicirlle a instrución mirándolle á cara.
  • Deixando que actúen as consecuencias: A instrución foi clara, aseguramos a súa atención, se decide non facelo perderase por hoxe ese capítulo. Cando proteste, debemos facerlle ver, serenamente, que está na súa man facelo doutra forma a próxima vez.
Os reforzadores:

Os reforzadores son “premios”, chamámoslles doutra forma porque adoitamos pensar que un premio é algo material, un reforzador non ten por que ser material, é máis, perde forza cando o único que damos son cousas materiais.

Tipos de reforzadores:

  • Materiais: Premio material (un xoguete, unha lambonada…).
  • Sociais: Verbas de agradecemento, de recoñecemento, mostras de agarimo… son os reforzadores máis potentes.
  • De actividade: Outros grandes reforzadores, consistentes en compartir actividades de lecer coas nosas crianzas, convidar ás súas amizades facer unha actividade…

Ingredientes para un bo reforzo dun comportamento:

  • Debe saber que facer para acadalo.
  • Debe desexar ese reforzo (debe ser motivador).
  • Debe darse xusto cando finaliza o comportamento que o causou e si, dá igual o que tardara en facelo, dá igual que o fixera con enfado… o caso é que o fixo e debemos recoñecerllo.
  • Sobre todo para os reforzadores materiais, debemos sempre acompañalos do motivo polo que se lles dá.

E… se decide non seguir a instrución, consolar porque vaille doer a consecuencia da súa decisión, escoitar, porque comprender xa o comprende. Tan importante é dar ben a instrución como deixar que actúe a consecuencia.

Os catalizadores:

En química un catalizador é unha sustancia que, se se incorpora a unha disolución, acelera o proceso.

Non se me ocorre mellor forma que esta, utilizada no programa EDUCA, para conceptualizar esta ferramenta, potente tamén como poucas e que en menor medida utilizamos.

Consiste en “preparar” situacións que promovan o bo clima de convivencia. Podémolo entender mellor con exemplos:

  • Se lle custa vir para a casa, podedes preparar antes de que saia un plan para cando volva, dependendo da idade que teña.
  • Ter poucas normas, pero moi ben definidas e adaptadas a súa idade é outro gran catalizador.
  • Contar con rutinas.
  • Ensinarlle pedir permiso antes de facer unha nova actividade a idades temperás promoverá unha reflexión cando sexan máis maiores.
    Se sabemos que hai lugares, momentos… nos que mostra maior irritabilidade, lembrarllo antes e preguntarlle como pensa que lle podemos axudar, pode ser un bo catalizador tamén. 
6. Non sabe facer algo. Como lle ensinamos?

Son 3 as ferramentas que podemos utilizar, pero antes debemos preguntarnos se o que lle queremos ensinar facer é adaptado á súa idade e desenvolvemento e se temos disposición para comprender que as primeiras veces non lle vai saír de todo ben, que vai sentir frustración, porque decatarase en primeira persoa de que non era tan doado como parecía. Hai veces que parecese que nos doe ´máis o chan da cociña (mollado despois de que lave por primeira vez a louza) que danar os sentimentos da persoa que está aprendendo. Se o chan está mollado, será unha gran oportunidade para aprender usar a fregona!

O ensaio-erro.

Deixar que se equivoquen e motivar que sigan tentándoo, facerlles entender que iso é o normal, que as cousas non saen como queres a primeira vez que as fas e acompañar no proceso.

    O modelado:

    Demostrar o movemento andando.

    Teño que contarvos aquí unha anécdota que vivín nun parque cando o meu fillo era aínda pequeno. Unha persoa adulta estaba pegando no cu a un cativo mentres lle berraba “Non se pega”.

    Debemos ser conscientes de que ensinamos máis sen querer que querendo, con cada acto, con cada decisión. E isto inclúe pedir desculpas cando nos equivocamos, cando temos demasiado cansancio, cando no día nada foi como esperabamos que fose e chegamos á casa e vemos calquera cousa fóra do seu sitio ou que non rematou as tarefas. É humano enfadarse, é humano decepcionarse e é educador pedir desculpas cando o tamaño do enfado sobrepasa o comportamento que o causou. Anda unha frase por internet que di que son 3 as palabras con máis difícil pronuncia: ácido desoxirribonucleico, esternocleidomastoideo e perdón. 

     O modelado é tratar coma nos gustaría que nos tratasen, facer como pensamos que é a mellor forma e apoiar a meirande parte do que predicamos coas noas accións.

    Divide e vencerás:

    Encántame este título (tamén no programa EDUCA).

    Cando a tarefa é complicada ou vemos que lle resulta difícil, podemos facer un “Plan de achegamento”, por exemplo, sendo cada vez un pouco máis esixentes co seu resultado.

    Vémolo cun exemplo: a primeira vez que faga a cama, é normal que queden engurras, deixémola, á cama non lle vai doer, é o mesmo que nos pasaba co chan da cociña, ten que doer menos a cama, o chan, que as nosas crianzas, a primeira vez premiamos esa intención, xa a segunda, pedímoslle que coa súa man tente quitar as engurras, xa a terceira que tente meter ben o edredón nos bordos da cama… así ata que o faga ben.

    Se a tarefa pódese dividir noutras máis sinxelas, podemos facelo tamén ou ir dicindo en voz alta o que imos facendo nós mesmos.

    Aprender procedementos é difícil, porque quen chos ensina, só os fai, non os acompaña de palabras, tenos automatizados e necesitamos, para automatizar, primeiro crear unha serie de instrucións (o mellor exemplo sempre é o de ensinar e aprender a conducir ou atarse os cordóns, é tan fácil, verdade? e entón… por que é tan difícil aprendelo?).

      7. Que facemos cando fai xusto o contrario ao que debería facer

      Se chegastes a este apartado sen ler os 5 primeiros, sinto dicirvos que é mellor que comecedes dende o principio.

      Ben, no primeiro dos apartados deste tema xa detectastes os comportamentos que precisades que mellore e no apartado catro xa vimos a forma de analizar para comprender ese comportamento.

      Agora é o momento de escoller un, só un, e ver a ferramenta que mellor se adapte. Para decidirvos por un podedes priorizar o feito de que con el faga dano a algunha persoa, xa que de ser así, non poderedes deixar de atendelo.

      Retirada de atención.
      • Para comportamentos que non danan a outras persoas.
      • Requírese dunha inmensa fortaleza, porque unha vez que decidimos aplicalo, non podemos ceder, aínda que tire cousas ou se poña azul. Só é recomendable para comportamentos desaxustados que comezan aparecer. Para outros, hai outras técnicas mellores.
      • Encher á persoa de atencións inmediatamente despois de amosar ese mal comportamento. Fundamental facer esta parte, sen falar do acontecido (decidimos retirar atención).
      Reforzo doutros comportamentos:
      • Se está estudando, achegarnos para ofrecerlles calquera cousa do seu agrado ou que poida ser de axuda.
      • Se está xogando co irmán o irmá e case nunca o fai, podemos achegarnos para xogar tamén.
      • Cando gocemos vendo como fai algo, debemos dicirllo.
      Fártao:
      • Esta técnica, aínda que efectiva, leva consigo dor emocional, xa que supón unha certa dose de burla, polo que debe facerse só sen máis persoas espectadoras.
      • Úsase para eses comportamentos que non teñen sentido e que resultan moi molestos (queixas por nada, facer ruídos con calquera obxecto…).
      • Consiste en animar o comportamento. Por exemplo, se ten o costume de facer ruídos cos dedos sobre a superficie da mesa: “podes facelo outra vez?” “poderías facelo durante un minuto seguido?” “outra vez, por favor”… así ata que farta, momento no que insistimos un pouco máis.
      • Con isto estamos facendo que un comportamento incosciente se volva consciente e aprenda manexalo.
      Sobrecorrección:
      • Aínda que aprender sexa case sempre frustrante, saber é todo un pracer.
      • A sobrecorrección consiste en deixar que actúen as consecuencias que ten non facer algo de todo ben.
      • Exemplo: Se entra na casa deixando todas as pisadas, terá que limpalas. Se deixa tarefas por facer, terá que adicar parte do tempo de ocio que tiña a facelas.
      • É importante ir substituíndo berros por sobrecorreccións, sobre todo se berramos á vez que facemos o que non nos toca.
      Chamadas á orde:
      • Berrar, como xa dixemos, e facendo algo de autocrítica só serve para exteriorizar as nosas emocións.
      • Só se non sabía que ese comportamento non é adaptado á situación na que está, pode ser útil berrar (dicilo tamén o sería), nos demais casos non o é.
      • Ás veces, mentres berramos, imos asumindo as que eran as súas consecuencias, facendo nós o seu traballo así que, se o pensamos, compénsalle que lle berremos.
      Castigos:
      • Son dous os tipos de castigos, un chámase negativo e outro positivo.
      • O castigo negativo quita algo que lle gusta: “Non queres comer? Pois non terás postre!”.
      • O castigo positivo dá algo que non lle gusta: “Se non comes tocarache limpar a cociña”.
      • Ambos poden substituírse con reforzos: “Acaba a comida, que despois temos un postre boísimo”, “Se acabas pronto de comer, terei tempo de axudarte a limpar a cociña”. Aínda que busquen o mesmo, co castigo buscamos confrontación, autoridade, co reforzo o que acadamos é mellorar o clima de convivencia na casa.
      Tempo fóra:
      • Úsase sobre todo para comportamentos que non podemos deixar pasar por alto.
      • Debemos preparar un lugar tranquilo, no que poida recuperar a calma.
      • Debemos explicarlle que só cando sinta serenidade poderá volver.
      • Se, cando sae, aínda amosa irritabilidade, debemos acompañar de novo: “Sei que é difícil, pero debes atopar a forma de tranquilizarte, probaches a facer coma se estiveses enchendo un globo? Queres un mandala para colorear?”
      • Non buscamos que pida desculpas, só ensinarlle a atopar a mellor forma de tranquilizarse.
      • Cando amose tranquilidade, debemos amosar o noso recoñecemento por ter sido quen de superar ese momento.
      Castigo físico:
      • O castigo físico, ademais de ser un delito é totalmente improdutivo, o único que crea é medo e o medo crea ocultación.
      8. E se sabe facelo pero non quere? Como lle motivo?

      Moitas veces aprenden facer cousas porque hai que facelas, sen entendelas como resposta a unha necesidade, confían en nós, simplemente fano porque llo pedimos. Saben que se non se limpan os dentes, terán caries, pero nunca tiveron unha dor de moas; saben que teñen que recoller os seus xoguetes, pero nunca caeron tropezando con un… pero chega un momento en que din: xa está ben, eu isto non o fago, sei como se fai, sei para que se fai pero non quero facelo!.

      É o momento de establecer un reforzo para ese comportamento. Son 3 as técnicas, aplicables por idade, basicamente. A primeira será para os máis pequenos, que necesitan reforzos inmediatos, a segunda para os medianos, que xa poden ir aprendendo a xestionar e economizar e a terceira xa é para os adolescentes, cos que é imprescindible facerlles entender que toda liberdade leva parella unha responsabilidade e que o respecto e recoñecemento que tanto buscan só o van ter expresando a súa capacidade de respectar e recoñecer aos demais. Se nunca usástedes ningunha, podedes empezar polo principio en calquera momento, adaptando materiais e premios á súa idade e aos seus gustos.

      Unha ficha, unha partida.
      • Para motivar comportamentos simples, de forma inmediata.
      • Exemplos: “Se hoxe lavas os dentes despois de cear sen que cho diga, lemos dous contos”; “Cando remates as tarefas da escola preparamos esa merenda que tanto che gusta”; “Tes a túa lista da compra? Se o metes todo no carriño compramos un doce”
      Economía de fichas:
      • Aínda que sexa a técnica estrela das escolas de familias, boto en falta que se decaten de que só serve cando se chega a ela, nas últimas semanas e cando xa levan practicado durante meses a disciplina positiva.
      • É unha técnica demasiado ampla para explicar directamente neste espazo da web, deixo pdf explicativo e con materiais para que poidades poñela en práctica.
      • O realmente importante é o poder de adaptación que ten a técnica á vosa realidade, nalgúns casos saír pode ser algo polo que “pagan”, noutros é algo que nós “pagamos” para que o fagan.
      • Serve tamén para decatarvos de que é o realmente importante para as vosas crianzas, reflexionade sobre en que deciden “gastar” as súas fichas.
      Contratos
      • Son documentos escritos, nos que especificamos os comportamentos, as súas consecuencias positivas (se os cumpre) e, só se o necesitamos, as súas consecuencias negativas (se non os cumpre).
      • Comportamentos e consecuencias deben definirse de forma clara, cunha temporalidade marcada (momentos e frecuencia) e de forma consensuada.
      • Debe ser asinado por ámbalas parte.
      • Debe establecerse un momento para a súa revisión.
      • Deixo un pdf de exemplo.

      Para calquera destas técnicas, é determinante para que funcionen que só facendo o comportamento que marcamos acadan o seu reforzo. Só se lavan os dentes leremos dous contos, só se mete o que lle pedimos no carriño terá o doce… Se consegue o reforzo sen facelo, claramente non servirá de nada.

       

      Outras temáticas para familias

      Participación na escola

      Prevención de riscos

      Economía de fichas

      Material para descargar

      Exemplo de contrato

      Material para descargar

      Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

      ACEPTAR
      Aviso de cookies