Gran meta: A transferencia

atrote.irene

Psicóloga e orientadora educativa.
29/12/2021

De que falamos cando falamos de transferencia?

Cando falamos de transferencia referímonos a unha capacidade para trasladar un coñecemento que aprendemos nun contexto a outro. Ás veces confundímolo con “facerse o gracioso/a graciosa” e non estamos nada, nada, equivocados/ as. Todo humor acedo, bo, ten a súa base na transferencia, toda expresión artística baséase na transferencia, todo pensamento creativo ten aquí a súa base. Os intentos infantís de transferencia é o que ás veces nos parece unha tomadura de pelo, pero… que hai de malo en divertirse aprendendo?. A transferencia consiste en pensar de forma independente e conectada, require intención de razoar, de atopar nos nosos propios recursos soluciones para un novo problema ou reto que se nos presenta.

Que ingredientes necesitamos para que se produza?

Necesitamos promover unha aprendizaxe que teña significado, que sirva para algo. Necesitamos ofrecerlles oportunidades para practicar a utilidade das súas aprendizaxes. Necesitamos premiar nas avaliacións ó alumnado que ten como meta ser un pouco máis competente cada día.

Por que é tan importante a transferencia?

A creatividade, a capacidade de transferir coñecementos dun contexto a outro, é un concepto moi utilizado, pero a creatividade non se aprende nos libros, practícase, en acción ou en pensamento. Podemos ofrecer oportunidades para que nenos, nenas, adolescentes e adultos a exerciten, o que lonxe de ser difícil é sumamente fácil, pero debemos dedicar o maior dos nosos esforzos a que alumnos e alumnas entendan, mediante a súa práctica, o que están a aprender e a súa utilidade.

Nun estudo moi famoso no campo educativo púidose comprobar a desconexión entre os centros educativos e a vida cotiá. Viron como alumnado de barrios desfavorecidos eran realmente eficaces polas tardes, comprando e vendendo cousas; eran moi hábiles, sumaban, restaban, calculaban o beneficio… cunha rapidez moi notable. Con todo non eran capaces de facer ben un problema presentado na clase destas mesmas características. E o caso inverso tamén era igual de incongruente, o alumnado que sabía facer problemas de matemáticas en clase, non sabía aplicalo ó seu día a día fóra dela.

Sen aprendizaxe con transferencia a meirande parte do alumnado xustifica o seu esforzo en dous aspectos que non sempre se relacionan con aprendizaxes de calidade: quedar entre os “mellores” ou evitar quedar entre os “peores”. A motivación vólvese así dependente do contexto, da cualificación que acadan, a ansiedade comeza provocar efectos indesexados sobre o rendemento… se acadamos que o alumnado vexa útil o que aprende, se somos quen de promover a transferencia, ensinaremos ó alumnado a orientarse a metas de competencia e provocaremos unha ansiedade, unhas gañas de aprender, con base na curiosidade, factor interno moito máis fácil de xestionar.

Como podemos facer para promover a transferencia?

O realmente óptimo sería promover aprendizaxes diferenciadas e conectadas na casa e na escola. As actividades cotiás que se fan na casa poderían conectar perfectamente cos contidos que estudan na escola. Profesorado e familias debemos traballar en equipo se queremos promover a transferencia. E se os deberes consistisen en transferir o que aprenden en clase ao día a día da familia?

A experiencia non se aprende só cos libros

O contexto escolar é moi rico en canto á diversidade de quen o integra pero é tamén moi limitado en canto a espazos diferenciados para a aprendizaxe. Imaxinádesvos un colexio no que houbese unha tenda, un precioso bosque, a posibilidade de viaxar en medios de transporte, unha cociña, unha sala de estar…? Como moito hai laboratorios, que non deixan de ser unha aula máis e organizamos excursións.

Na familia o que perdemos en diversidade persoal gañámolo en canto a diversidade de espazos e liberdade de movementos. É moito o que se aprende en familia. Favorecer tempos e espazos para coñecer as súas experiencias relacionadas cun tema, que vaian completando o seu coñecemento coas aportacións do profesorado e do demais alumnado, ademais de promover a transferencia, converte ó alumnado en protagonista no proceso e provocará unha aprendizaxe con máis probabilidade de recordo.

Practiquemos un pouco a transferencia con exemplos

Aínda que tódalas respostas sexan correctas, imos presentar unha serie de exemplos con posibles situacións de aprendizaxe que favorecerían a transferencia, unindo contidos con intereses.

A Guillermo encántalle cociñar.
Podería practicar o tema das unidades de medida facendo un pastel.
A Marta e a Luís encántalles o fútbol e non lles gusta nada a Xeografía.
Podemos pedirlles que coloquen nun mapa os nomes dos equipos, xunto co país, comunidade autónoma, cidade… na que teñen o seu estadio
A Mariña encántalle a música, vai a clases de violín desde moi pequena.
As fraccións podería practicalas e comprendelas mellor coa duración das notas musicais.
A Rafa encántanlle os animais.
Podemos propoñer o estudo dos diferentes climas polos animais típicos deses lugares, utilizando claves como a pelame ou se hibernan.
A Noa encántalle xogar a que é unha investigadora.
Poderiamos propoñer unha ginkana en inglés para que atope obxectos.
A Raquel encántalle debuxar, poderíase pasar as horas enchendo follas e máis follas de debuxos.
Poderiamos propoñerlle como tarefa que ilustre o contido escrito dun tema, unha historia, a descrición dun personaxe…
Dani frústrase con moita facilidade cando unha tarefa non lle sae. É un gran bailarín.
Poderiamos pedirlle que fixese unha coreografía para ensinarlles aos seus compañeiros e compañeiras un baile dunha canción de moda, animando á clase cando un paso aínda non lles sae de todo ben.

Tamén pode ser do teu interese…

Como promover a resposta empática
Como promover a resposta empática

Educar para a empatía é un dos factores preventivos máis importantes para unha boa convivencia. Xa vimos na entrada anterior como se desenvolve a empatía, imos agora tentar comprendelo para poder ofrecer apoio no seu desenvolvemento.

0 Comments

Submit a Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies