Onde nace o meu interese?
O meu interese polo tema do desenvolvemento da empatía é vello. Comezou cunha discusión con Bibiana Camaño, psicóloga en alicce, empresa na que comecei a miña formación a nivel profesional.
As crianzas son empáticas? É unha emoción complexa que se desenvolve coa idade?. E, de ser así, que é o que sucede no noso cerebro para que comecemos ofrecer respostas empáticas?
Esta discusión, na que ambas tiñamos nosa parte de razón, como adoita pasar nestes temas, pechou co meu traballo de fin de Máster, coa titorización de Nuria Carriedo López, do Dpto. de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da UNED. Así me tocou, non o elixín específicamente, só me apuntei na liña de neuropsicoloxía, unha das miñas paixóns.
De que forma se desenvolve a empatía en relación ás funcións executivas?
Abarcar esta temática foi moi, moi complicado, por varias razóns fundamentais:
- era o meu primeiro traballo de revisión teórica, ata o momento o meu pragmatismo sempre me levaba escoller a experimentación de diversas teorías;
- era un tema tan novo, polo que todos os artigos científicos estaban en inglés;
- a empatía, ao tratarse dunha emoción complexa en resposta a diversas emocións nos demais, leva a que os resultados dos diversos estudos varíen moito dependendo da emoción que escollan para o estudo da reacción empática…
- era e é un tema tan actual que as metodoloxías de investigación son moi diversas, vanse adaptando para dar resposta ós novos interrogantes que cada resultado de cada investigación ofrece.
Non vos falarei das diferentes áreas do cerebro que se activan coa resposta empática, se non das conclusións ás que podemos chegar tras un estudo minucioso dos distintos experimentos levados a cabo, sobre todo por un grupo de profesionais en neurociencia de EEUU, no que J. Decety, francés afincado en EEUU, sempre está presente.
Hai varios tipos de empatía?
Na entrada anterior falamos sobre que, cando nacemos, facémolo equipados cun kit emocional básico (alegría, tristeza, medo, noxo, ira e sorpresa).
Pois, ademais deste kit emocional, contamos tamén cun circuíto cerebral, que compartimos con outras especies e que nos fai poñernos na pel da persoa que temos en fronte. Chamamos a este circuíto o circuíto das neuronas espello. É un circuíto que nos serve para sobrevivir.
Este circuíto das neuronas espello, fan que sintamos exactamente o mesmo que lle está pasando á outra persoa, por medio de mecanismos de recoñecemento emocional. É o tipo de empatía que a neurociencia chama “empatía afectiva”, de claro valor adaptativo e de supervivencia. Se un membro dunha especie depredadora ameaza ou ataca a un conxénere, os que o ven fuxen da situación. Se un conxénere atopa comida, os demais móvense cara esa fonte de alimento.
Esta empatía afectiva é suficiente para especies que non manteñen comportamentos prosociales, pero para a nosa non o é, porque é un tipo de empatía que normalmente nos leva a evitar ou a fuxir dunha situación, á nosa protección, pero non a ofrecer unha resposta prosocial, de axuda á outra persoa, unha resposta realmente empática.
Co desenvolvemento, hai dous grandes fitos que nos fan desenvolver outro tipo de empatía, de forma independente e interrelacionada coa afectiva: o desenvolvemento da teoría da mente e das funcións executivas. Así é como a nosa empatía afectiva comeza relacionar con outro tipo de empatía, a cognitiva, dándonos a oportunidade de ofrecer respostas realmente prosociais.
Todos os estudos parecen estar de acordo ao afirmar que a empatía é un concepto multidimensional, a cousa complícase.
Que aporta a teoría da mente ao desenvolvemento da empatía?
A teoría da mente é o que nos permite diferenciarnos dos demais, entender que o que nós pensamos ou sabemos non ten que coincidir co que outras persoas saben ou pensan.
En estudos conductuais, estúdase o seu desenvolvemento pola coñecida como “Tarefa da falsa crenza” e establécese os 4 anos como momento no que esta capacidade comeza desenvolverse.
Con todo, novos estudos en neuropsicología atopan que comeza desenvolverse moito antes, ao redor dos 12-15 meses de idade, atribuíndo os resultados conductuais máis á dificultade da tarefa que ao propio desenvolvemento da teoría da mente.
As áreas cerebrais que se activan nunha crianza sen teoría da mente plenamente desenvolvida, son diferentes ás áreas que se activan nas persoas adultas. Parece que desenvolvemos un circuíto neuronal rudimentario mentres agardamos ao desenvolvemento doutras áreas cerebrais que nos permitirán responder de forma moito máis rápida e adaptada.
Sexa cal for o momento de aparición, o realmente importante neste tema que nos ocupa, é comprender a importancia do desenvolvemento da teoría da mente para poder ofrecer respostas empáticas, prosociais. Permite comprender que iso que lle está pasando á outra persoa non o estamos vivindo nós, evita que fuxamos, que evitemos… ofrécenos a oportunidade de ter comportamentos empáticos, prosociais.
Que aportan as funcións executivas ao desenvolvemento da empatía?
A intelixencia executiva permítenos saír antes do “secuestro emocional” que nos supón a empatía afectiva, permítenos coller o control da situación.
A empatía afectiva é a que nos fai mimetizarnos coa outra persoa, se vemos que sofre, sufrimos, se vemos que ten medo, fuximos… non axudamos. Que as funcións executivas collan o control é o que nos fai pensar en, se son eles e non nós quen está vivindo ese momento (teoría da mente), que podemos ofrecerlles para axudarlles a saír desa situación?
O desenvolvemento destas funcións executivas non se completa ata ben entrada a adolescencia, mentres tanto vivimos cun tipo de empatía que nos permite entender que son outros e non nós quen está pasando por ese momento, pero non podemos ofrecer unha resposta totalmente empática se non a aprendemos.
A empatía afectiva substitúese pola cognitiva?
Non, en ningún momento. Todos e todas, nenos, nenas, adolescentes, persoas adultas, vivimos a fase de “secuestro emocional” cando observamos a outra persoa sufrir, rir, asquearse por algo, sorprenderse, temer…
Ademais, os estudos recollen como a empatía cognitiva na vellez vese comprometida, quedando a afectiva.
A investigación conclúe que son circuítos cerebrais diferenciados, un actúa de abaixo-arriba (empatía afectiva) e outro de arriba-abaixo (empatía cognitiva).
Son independentes, pero están intimamente relacionados, un proceso regula ao outro.
De que forma podo aplicar ao contexto educativo os resultados destas investigacións?
Falaremos de como aplicar na seguinte entrada, co obxectivo de que reflexionedes, que establezades as vosas propias hipótesis para a aplicación. É un tema moi importante o do desenvolvemento da resposta empática, factor preventivo indispensable para manter comportamentos prosociais.
0 Comments