Que son as normas?
As normas son construcións sociais que repercuten no comportamento individual, sobre todo nas súas consecuencias.
Son enunciados, nos que se adoita dicir o que NON se debe facer e que, nalgúns casos, están relacionados coas consecuencias de incumprilas.
Como nos comportamos ante as normas?
Unha persoa ten dúas opcións ante as normas: cumprilas ou incumprilas.
No primeiro caso, se a persoa decide cumprir as normas, pode facelo en base a:
- Motivos superficiais, do tipo “porque sempre se fixo así”, “porque o di o profesor/a”…
- Por temor ás consecuencias, nese caso a persoa poderá saltalas se valora que é pouco probable que a “pillen”.
- Por entender o seu significado, o seu valor para a convivencia.
No segundo caso, se a persoa decide que non quere cumprir a norma, pode expresar a súa inconformismo de dúas formas:
- Declarándose insumisa á norma e inmune ás súas consecuencias, o que vén sendo un comportamento desafiante.
- Utilizando os mecanismos que noso propio sistema recoñece para o cambio dunha norma.
Podemos pois comprobar que para unha e outra decisión (cumprir/incumprir), existen unha serie de matices que son os que en maior medida inflúen nunha convivencia positiva no centro ou na casa.
O que nos interesa é educar persoas comprometidas coas normas en prol da convivencia positiva e, polo tanto, críticas á hora de valoralas.
Que mecanismos podemos poñer en xogo?
Correspóndenos como persoas educadoras:
- Promover a reflexión sobre as normas: Preguntas como: “Coñecedes algún xogo que non teña normas?”, “Para que pensades que serven as normas?”, “Algunha vez protexeuvos algunha norma?”, “Cal é a norma que menos vos gusta?”, “Como vos imaxinades un mundo sen normas?”…
- Establecer unhas normas xustas: Unhas normas son percibidas como “xustas” na medida en que as consecuencias de cumprilas/incumprilas sexan percibidas como equitativas (de aplicación sempre e tamén dependente das características persoais), congruentes (a consecuencia está relacionada coa norma), consecuentes (perde poder de aprendizaxe canto máis se afaste no tempo a acción e a súa consecuencia) e axustadas a elas (a consecuencia debe ser proporcional ao valor da norma).
- Establecer os enunciados das normas en positivo: Realizar un traballo de “tradución” das normas. Provoca unha aprendizaxe máis rápida e unha menor confrontación unhas normas escritas en positivo, que digan o que se debe facer, que outras escritas en negativo, cando veñen dicir o mesmo. É exactamente igual establecer a norma de “Non copiar nos exames” que dicir “Para facer un exame só poderedes usar un bolígrafo, o material que se vos proporcione e o voso coñecemento”.
- Establecer mecanismos para a negociación: A ninguén lle adoita gustar as normas cando son impostas. Disto sabemos moito no sistema educativo, con normativas cada pouco tempo. Isto mesmo ocorre coas normas que nós poñemos ao alumnado. Canto máis e mellor negociemos e teñamos en conta as necesidades da outra parte, máis compromiso obteremos no seu cumprimento.
As normas en A trote
Dentro do Plan de Acción titorial: A primeira unidade que presentamos para o seu traballo en titorías é “Creando un marco. Quen me representa?”. Na súa primeira parte preséntanse unha serie de sesións para trasladar as normas do centro ao alumnado, para o consenso das normas da aula e para provocar o pensamento crítico, coa finalidade de que deixen de ser vistas como imposicións externas e entendan o seu valor protector para sentar as bases dunha convivencia positiva na aula e fóra dela.
Dentro da Información para as familias: Preparamos uns materiais, “Normas e límites”, co que desde casa poderedes establecer rutinas e accións enfocadas cara ao que se coñece como “disciplina positiva”.
Por que é tan importante o traballo coas normas?
- As normas son o que en maior medida promove un crecemento seguro. Son como as portas das nosas casas. Crianzas, adolescentes, persoas adultas, que crecen sen normas séntense coma se durmisen coa porta da súa casa aberta, inseguras.
- As normas estimulan e promoven a capacidade para a negociación: As normas son algo vivo, van ligadas ao desenvolvemento. A rebelión á norma forma parte do proceso de crecemento e require de capacidades para a negociación.
- As normas conlevan un sentimento de autonomía e a práctica da autodisciplina. Na medida en que sexamos quen de acadar o compromiso coas normas, as consecuencias deixan de ser castigos que lles chegan dende fóra, comezan entender que as consecuencias son só o resultado das súas decisións.
“Na vida non hai premios nin castigos, hai consecuencias”
0 Comments