Integración-Inclusión

atrote.irene

Psicóloga e orientadora educativa.
29/12/2021

A integración e a inclusión son formas de responder á diversidade que temos na aula.

Polo xeral, hai dous erros que adoitamos cometer cando pensamos na diversidade:

  • Erro 1: Pensamos en alumnos con necesidades educativas especiais ou dificultades de aprendizaxe por calquera motivo (físico, psicolóxico, familiar ou sociocultural).
  • Erro 2: Confundimos inclusión con integración.

O noso sistema educativo define a atención á diversidade da seguinte maneira:

“Enténdese por atención á diversidade o conxunto de medidas e accións que teñen como obxectivo adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e estilos de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todos os estudantes”.

A partir desta conceptualización, articúlanse unha serie de respostas (medidas), clasificadas en ordinarias e extraordinarias, establecendo a forma de aplicalas: de menor a maior. As medidas extraordinarias de atención á diversidade só poden ser aplicadas cando as ordinarias resultaron insuficientes.

O principal obxectivo da atención á diversidade é conformar un sistema educativo inclusivo que promova o respecto e o valor de todo tipo de diversidade e sen ningún complexo á hora de adaptar a contorna ás necesidades das persoas que a habitan.

Con esta entrada iniciamos a temática do blogue de atención á diversidade, porque entender a diferenza entre integrar e incluír é o piar básico dunha atención educativa que promova espazos cómodos, seguros para todas as persoas.

 

As diferenzas entre integración e inclusión.

Integración

Entende a diversidade como un problema que ten unha persoa e que se debe corrixir.

O foco da atención ponse nas dificultades.

As medidas son para o alumnado con dificultades para a aprendizaxe.

Ofrece, dependendo da diversidade, o mesmo a tódalas persoas.

O seu principio é o de competitividade.

As medidas aplícanse de forma individual, a cada alumno/a.

Tenta “normalizar”.

Trata de corrixir, de cambiar.

Busca que sexa o alumno/a quen se adapte ao grupo.

A diversidade enténdese como factor que dificulta unha educación de calidade.

Inclusión

Entende a diversidade como o produto da interacción entre a persoa e o seu ambiente.

A atención ponse nas capacidades que toda persoa ten.

As medidas son para todo o alumnado.

Ofrece a cada persoa o que necesita (equidade), xeneralizando os apoios.

Ten a súa base en principios de cooperación, de solidariedade.

As medidas diríxense á aula no seu conxunto.

Acepta e dá valor a cada persoa tal e como é.

Respecta todas e cada unha das diversidades que existen na aula.

Busca que o grupo respecte e valore todo tipo de diversidade.

A diversidade vese como un valor que facilita a aprendizaxe entre iguais.

A inclusión é o factor de protección máis importante a nivel social para evitar a aparición de calquera comportamento que entrañe riscos para un mesmo ou para os demais (incluíndo o acoso entre iguais).

Se somos quen de crear un ambiente inclusivo para toda diversidade, estaremos a excluír comportamentos contrarios á convivencia no centro. Se nos preocupamos máis por etiquetar e por segregar en función da diversidade de cada persoa, estaremos a favorecer un clima promotor de comportamentos pouco adecuados para a convivencia.

Entender que as nosas decisións cotiás, diarias, inclúen ou integran é a forma que temos de responder á diversidade e crear o noso clima de convivencia, dentro como fóra das aulas.

Falta dicir que incluír non supón obviar as dificultades, todo o contrario, supón ensinar desde as potencialidades que todas as persoas temos para superar as tarefas que conlevan maior esforzo.

A aprendizaxe non só sucede por repetición e memorización, existen outras formas de aprender e de ensinar e non todos, non todas, temos que seguir exactamente o mesmo camiño e ao mesmo tempo.

Tamén pode ser do teu interese…

Como promover a resposta empática
Como promover a resposta empática

Educar para a empatía é un dos factores preventivos máis importantes para unha boa convivencia. Xa vimos na entrada anterior como se desenvolve a empatía, imos agora tentar comprendelo para poder ofrecer apoio no seu desenvolvemento.

0 Comments

Submit a Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies