En calquera ámbito (no educativo tamén) adoitamos caer na rutina de apagar lumes, o urxente acaba deixando sen tempo ao importante, que non é outra cousa que crear unha contorna na que todos e todas ocupemos tempos en previr os incendios. Así é como nos vemos sumidos en políticas anti-todo ( anti-deberes, anti- bullying…).
Isto crea un clima de confrontación no que o que é realmente importante pérdese de vista, afástase do foco no que poñemos a nosa atención. Este tipo de políticas buscan o castigo de algo que consideramos negativo, pero… onde queda a parte realmente educativa?
Salta un novo conflito e queremos unha xustiza inmediata, cando é imposible que o adxectivo “inmediata” case co substantivo “xustiza”.
O foco ponse en todo o que ocorre e é negativo, falamos de bos, de malos, de dificultades, de problemas, de climas tóxicos, de confrontación, de corporativismo, de familias que consenten demasiado, de profesorado que adoctrina, de familias que non se implican, de familias que se implican demasiado… e mentres todo isto ocorre e tentamos atendelo sen acabar de abarcalo, o máis importante queda pendente: crear un clima de aceptación e de respecto ás diferenzas, respectar os dereitos que toda persoa menor de idade ten polo feito de estar nun período da súa vida na que a consideramos aprendiz, recoñecer as potencialidades do alumnado,… aceptar cadaquén cadansúa responsabilidade, previr que as diversidades se convirtan en dificultades, que os conflitos danen a convivencia… o urxente cómese ao importante e a nosa reacción inmediata é a de botar canto balón podamos fóra.
Mentres todo isto ocorre, os nenos, as nenas, os e as adolescentes quedan sen a oportunidade de aprender nun clima que lles resulte atractivo, interesante. As súas experiencias de aprendizaxe e autoavaliación chámanse “deberes”, os seus exercicios “problemas”, o seu pensamento crítico “desobediencia”, dos 0 puntos ó 4’9 a súa cualificación é suspensa, sen matices, ó 5 chamámoslle “suficiente”.
Os matices son o símbolo do agarimo nunha obra de arte, nas cualificacións só comezan a partires do 5.
É preciso debuxar a nosa contorna con agarimo, facela protectora.
Esta páxina web nace para ofrecer fórmulas de corresponsabilidade na contorna escolar. Só se cadaquén ocupa parte do seu tempo nos aspectos realmente importantes, poderemos ir creando un clima de convivencia no que o urxente poida ser atendido co tempo e mimo necesario para converter estes conflitos en oportunidades para o crecemento persoal e para a mellora da convivencia no centro, aspecto imprescindible para levar a cabo calqueroutro proceso de ensino e aprendizaxe.
0 Comments