O tipo de orientación a metas. Unha contextualización.
Antes de analizar o que a investigación nos di sobre o tema do tipo de orientación a metas, vexamos o running como analoxía que nos vai servir para entender cal é a mellor das metas, a que se basea no proceso, no desenvolvemento competencial.
O running é unha actividade que moitas persoas incorporan ás súas rutinas.
Está claro que cando o fan, non se comparan con Ussain Bolt. Cada persoa vai co seu cronómetro e sae correr, pola mera satisfacción que iso lle dá para afrontar as demais actividades diarias. Os logros conséguense por comparación coa vez anterior. Aos poucos, día a día, son quen de correr durante distancias máis longas e/ou de acurtar os seus tempos, niso é onde achan a súa motivación, xunto coa sensación de benestar que esta actividade achégalles ás súas vidas.
Se se comparasen con Ussain Bolt, o primeiro día decidirían quedarse na casa e nin volver tentalo.
Un bo afeccionado ao running anótase a maratóns ou carreiras polo feito da motivación extra que supón correr con outras persoas e compartir a súa afición. Adoitan baixar as súas marcas cando corren en carreiras, pero non por esa competitividade de gañar a quen vai ao seu lado, senón porque correr entre tantas persoas cáusalles un impulso extra. E se unha das persoas coas que adoita adestrar queda nunha boa posición, é algo que todo o grupo celebra.
Velaquí unha motivación de logro baseada no proceso, na competencia.
A competitividade na escola
A competitividade é algo que custa extinguir nas escolas.
Familias, profesorado, alumnado, usan as notas dos demais para avaliar individualmente, é o que se coñece como “avaliación normativa”. Nalgunhas escolas esta práctica é moito máis evidente e no boletín de cualificacións, ademais das notas do alumno/a, inclúese o dato da súa posición respecto a a clase (3/25, 24/25…).
A importancia que se lle dá ás notas, así como a facilidade para ordenar ao alumnado respecto a elas promoven unha orientación cara a metas que, como veremos, afástanlles do tipo de motivación que é máis desexable nunha persoa que está aprendendo.
Os tipos de orientación a metas e as súas implicacións
Tipos de orientación a metas
No seu libro “Aprendizaje e instrucción”, Richard E. Mayer clasifica en 3 os tipos de orientación a metas:
- Metas de competencia: A meta é entender, aprender.
- Metas de rendemento con compoñente de aproximación: A meta está en quedar entre os/ as mellores.
- Metas de rendemento con compoñente de evitación: A meta está en non quedar entre os/ as peores.
Relacións entre o tipo de orientación a metas e os resultados.
Os estudos que se fixeron poñen en relevo que é o alumnado orientado a metas de rendemento con compoñente de aproximación quen obtén os mellores resultados, seguido por aquel con metas de competencia, e por último daquel con metas de rendemento con compoñente de evitación.
Así que, se o que buscamos é que o alumnado alcance as mellores notas nos seus boletíns, parece que promover a competitividade é unha boa opción, pero… é así como acadaremos realmente que cada alumno, cada alumna, desenvolva ao máximo o seu potencial? Acadamos unha aprendizaxe realmente significativa? Estaremos poñendo ben esas notas, medindo realmente o que deberiamos medir?
Implicacións do tipo de orientación a metas de rendemento con compoñente de aproximación:
- Para que son beneficiosas? Para memorizar aqueles contidos que lles permitan conseguir os mellores resultados, en moitos casos a expensas dunha comprensión profunda e, por tanto, dun recordo a longo prazo.
- A que tipo de alumnado benefician máis? A aqueles que aprenden en contornas que premian a competitividade.
- De que modo este tipo de orientación a metas inflúe no rendemento, nos resultados? Poden impedir que este alumnado amose apertura a novas experiencias de aprendizaxe, a novos desafíos, limitan a súa creatividade; impide tamén que cooperen con outro alumnado, que aprendan a traballar en equipo; e promoven que non lles importe facer trampas para conseguir quedar nos primeiros postos.
Implicacións do tipo de orientación a metas de competencia:
- Para que son beneficiosas? Para utilizar estratexias que lles permitan profundar nos contidos, entendelos, implicarse no proceso, alcanzando unha aprendizaxe con significado e, por tanto, un recordo a longo prazo.
- A que tipo de alumnado benefician máis? A aquel que dispón de contornas que lle ofrece actividades para a posta en práctica dos coñecementos recentemente adquiridos.
- De que modo este tipo de orientación a metas inflúe no rendemento, nos resultados? Aínda que pode resultar raro, os diferentes estudos non atopan relacións entre unha orientación a metas de competencia e uns certos resultados, non existe un factor de correlación elevado. O que si se atopa é que se anotan en maior medida ás actividades propostas, que o seu nivel de compañeirismo é moito máis elevado e que se teñen unha actitude máis participativa na clase.
Implicacións do tipo de orientación a metas con compoñente de evitación:
Este tipo de orientación a metas non beneficia en ningún dos aspectos a quen a pon en práctica. Non se trata dun alumnado que se senta capaz, nin motivado para o estudo. A súa meta é evitar estar nos peores postos da clase e eses xuízos negativos asociados a esas posicións.
O tipo de orientación a metas e a súa relación coa ansiedade.
A ansiedade non é outra cousa que o medo ao medo, anticipar posibles situacións, poñerse no peor dos casos e vivilas coma se estivesen a pasar no momento presente. Isto prepáranos, se está na nosa man mellorar algún aspecto do presente para mellorar posibles resultados futuros, pero… se non está na nosa man, esa ansiedade é desadaptativa, non nos conduce a máis que a unha maior ansiedade.
Desde este punto de vista, a ansiedade é adaptativa cando a nosa meta é a de ser competentes, ampliar o noso coñecemento, executar mellor unha tarefa. Anticipar unha situación negativa é o que se coñece neste caso como “ proactividade”, prepararse para eventuais contratempos.
Agora ben, se a nosa meta é de rendemento (tanto con compoñente de aproximación como de evitación), a ansiedade levaríanos a imaxinar situacións nas que outras persoas alcanzan mellores resultados que nós. Non dependemos de nós mesmos/as unicamente, seguir ás demais persoas, ós seus progresos… será unha das nosas tarefas e ver como son mellores, aumentará a nosa ansiedade, que tentaremos mitigar con prácticas pouco honestas, na maioría dos casos, ou aumentando o tempo que nos pasamos memorizando todo ata o máis mínimo detalle e… todo ese esforzo só se verá recompensado se conseguimos quedar entre os primeiros postos da clase ou evitamos estar entre os peores.
Vivir con este nivel base de ansiedade é desadaptativo nesta sociedade, na que cada vez é máis fácil compararse con máis persoas.
É preciso que cambie o noso sistema educativo?
É paradoxal que estudantes con metas de competencia non alcancen os mellores resultados, que o noso sistema non premie a cooperación, o interese, a participación, o esforzo por superarse cada día, a comprensión, a creatividade, o pensamento crítico, a participación…
Os resultados dos estudos din que é o alumnado orientado a metas de rendemento con compoñente de aproximación (o que compite por estar nos primeiros postos) quen mellor resultados acada, aínda que tódalas carecterísticas que nomeamos no parágrafo anterior pertenzan a outro tipo de alumnado, o orientado a metas de competencia.
Os cambios están nas nosas mans, se é que pensamos que é necesario cambiar en algo.
0 Comments