Consideracións iniciais
Preparación da unidade: “O movemento demóstrase andando“.
No tema que estamos a tratar, a educación emocional, é evidente a importancia desta afirmación. É pouco probable que o alumnado teña comportamentos que amosen unha boa regulación emocional se as persoas educadoras non exemplifican estes procesos de autorregulación. Non pretendemos a perfección, os secuestros emocionais forman parte da vida, pero admitilos e pedir desculpas non nos converte en peores profesionais, senón en modelos de comportamento.
Axudar e apoiar aos alumnos e alumnas a conseguir ser aprendices emocionalmente regulados require dun esforzo persoal para modelar día a día esa aprendizaxe.
Coñecementos técnicos:
- Intelixencia emocional. Eckman, Goleman, son autores que profundaron nesta temática. A teoría das intelixencias multiples de Gardner é quizais o punto máis apropiado para comezar a nosa preparación.
- Como ensinar: Os procesos de ensino e aprendizaxe en aspectos emocionais, non difiren en nada dos demais aprendizaxes. Partir dos coñecementos previos do noso alumnado e andamiar os seus procesos é a forma de ensinar a aprender. Na sección de “Profesorado” da web tedes materiais para mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe para a totalidade do alumnado.
Competencia a nivel persoal (emocional) e social: Xa comentamos a importancia de ser educadores emocionalmente regulados para formar o alumnado en competencia emocional. Só cabe pasar ó proceso de interiorización das diferentes teorías para poñelas en acción.
Introdución
Para lograr o óptimo desenvolvemento da personalidade do alumnado é necesaria a formación en xestión emocional.
As emocións non poden nin deben evitarse, non existen emocións “malas”. É a forma de xestionalas o que pode acabar sendo problemático e danar o clima de convivencia necesario para desenvolver procesos de ensino e de aprendizaxe.
Falar de educación emocional supón aprender a recoñecer e a xestionar as emcocións, tanto as propias como as alleas.
As emocións forman parte inherente a todo proceso de aprendizaxe, son inseparables da cognición, tinguen absolutamente todo recordo, poñen en marcha os procesos necesarios para a aprendizaxe… é absolutamente necesario aprender a converter a frustración en motor, a converter a ansiedade en proactividade, a regular o noso enfado para detectar e defendernos ante situacións que percibimos como inxustas… As emocións nunca están mal “sentidas”, só temos que aprender a xestionalas.
Esta primeira unidade é a base. Non falamos nela da empatía (que veremos en profundidade na seguinte unidade de “Competencia social”) nin de emocións complexas como a frustración, a ansiedade… que iremos vendo noutras unidades. Nesta unidade comezamos coas emocións básicas, que debemos aprender a recoñecer e xestionar, tanto en nós coma nos demais. As emocións máis complexas son misturas das básicas, imos ir paseniño.
Obxectivos
- Aprender a recoñecer as propias emocións
- Aprender a recoñecer as emocións nos demais
- Aprender a xestionar as emocións propias e alleas
- Entender a diversidade como un aspecto enriquecedor do grupo
Contidos
Sesión 1: Presentación do programa, activación de coñecementos previos e obxectivos.
Sesión 2: Situacións idénticas promoven emocións diferentes, dependendo do estado emocional propio e das diferenzas que existen respecto doutras persoas.
Sesión 3: Aprendizaxe en recoñecemento emocional.
Sesión 4: Aprendizaxe en xestión emocional. Como xestionar as emocións propias.
Sesión 5: Aprendizaxe en xestión emocional. Como xestionar as emocións dos demais.
Metodoloxía
A metodoloxía será activa e participativa, con dinámicas grupais, de lapis e papel, por equipos…
Temporalización
5 sesións con periodicidade semanal e de 50 min. de duración cada unha. É convinte realizar esta unidade de titoría antes de tratar temas como a competencia social, a igualdade, a prevención de condutas de risco, ensinar a aprender… aprender a regular as emocións favorece todo o demais.
Indicadores de avaliación
Para a avaliación do proceso nos modelos que tedes dispoñibles para o deseño das vosas sesións contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso en cada unha das sesións. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións.
Para avaliar o resultado deste taller, podedes ter en conta:
- Cuestionario realizado polos alumnos/as ao finalizar a unidade de titoría.
- Información recollida do profesorado, acerca da mellora na convivencia en clase.
- Cantidade e gravidade de partes abertos ou sancións relacionadas cunha escasa regulación emocional.
Somos seres emocionais.
Non vos esquezades de descargar a vosa plantilla para o deseño de sesións, para anotar nela os contidos que pensades que poden adaptarse mellor ao voso grupo. Comezamos!
Creamos a disposición en “U” na clase (5 min).
Podemos escoller unha das preguntas tedes para este obradoiro en “Dinámicas de presentación” ou, directamente, pasar á ficha individual, se é que preferides deixar máis tempo para o debate ou para a reflexión final (10 min).
Cada alumno/a, de forma individual, completa a Ficha “Somos seres emocionais”, en descargas desta sesión (10 min).
Posta en común en gran grupo: (15-20 minutos)
- Que sentiriades en cada unha das situacións? (non deixar espazo para as opinións sobre as emocións que outras persoas senten, todas as respostas son correctas)
- Como vos comportariades?
- Pensades que podedes deixar de emocionarvos?
- Pensades que o que si poderiades facer é controlar o voso comportamento?
- Que nomes de emocións apuntastes? (anotamos no encerado)
- Cales rodeastes como negativas? (rodeamos as negativas no encerado, deixamos sen rodear as positivas e rodeamos con liña descontinua aquelas nas que existe polo menos unha opinión discrepante acerca do seu valor positivo ou negativo)
- Por que creedes que temos máis vocabulario emocional para aquelas emocións que nos provocan algún tipo de malestar?
- Que emocións positivas faltan por anotar?
- Pensades que é importante recoñecer tamén as emocións positivas?
Reflexión final: Se a natureza é sabia e é moi difícil, por non dicir imposible, deixar de emocionarnos, para que pensades que serven as emocións? (5-10 min).
Volvemos colocar a aula (5 min).
Accesos:
Crear disposición en forma de “U”
Descargas:
Recoñecemos as nosas emocións.
Non vos esquezades de descargar a “Plantilla para o deseño de sesións” e imprimila para, nela, ir escollendo os recursos que vos parezan máis adaptables ao voso grupo.
Nesta sesión imos tentar que o alumnado aprenda a ser consciente da emoción que está a sentir. Para iso, deben aprender a analizar e diferenciar os síntomas de cada unha das seguintes emocións básicas: alegría, tristeza, medo, enfado e sorpresa.
Crear a estrutura de clase en “U” (5 min).
Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior. Deben aparecer aspectos como a diferenza entre sentir unha emoción e comportarse de forma axustada á situación, o pouco probable que resulta ter éxito no empeño de non emocionarse e o que si podemos aprender, comportarnos dunha forma adaptada á situación e aos nosos intereses (5 min).
Introducimos a sesión: Trataremos o tema de aprender a recoñecer as nosas emocións, segundo o que sentimos no noso corpo, o que exteriorizamos e exemplos de situacións que fan que xorda ese sentimento (5 min).
Utilizamos unha das dinámicas para a creación de equipos de traballo (5 equipos), que sentan ao redor de 1-2 mesas (5-10 min).
A cada equipo asígnaselle unha emoción: alegría, tristeza, medo, enfado ou sorpresa. Se o queredes podedes facelo de forma aleatoria.
Cada equipo traballa a ficha “Recoñecemos as nosas emocións” (10 min)
Posta en común en gran grupo (20 minutos). Cada equipo sae e expón os resultados do seu traballo. Os demais escoitan e, unha vez finalizan, mostran o seu acordo ou desacordo, achegan novas ideas…
Recollemos e gardamos as fichas cubertas polos equipos, xa que serán utilizadas na 4ª sesión.
Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min)
Accesos:
Descargas:
Recoñecemos as emocións nos demais.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior. Que lembran?, deben saír temas relacionados co recoñecemento das propias emocións, expresións e sensacións que nos provoca cada unha delas
(5 min).
Presentación da sesión (5 min): Aprendemos a recoñecer as nosas emocións, pero tamén é necesario aprender a recoñecer as emocións nos demais. Esta é a forma de saber se está de broma, se o di en serio, se o que di é froito do enfado, se sente vergoña… dependendo da emoción que exprese, entenderemos de forma diferente a súa mensaxe.
Dinámica para traballar coas emocións: No apartado de accesos desta sesión tedes as diferentes dinámicas que podedes utilizar para traballar o recoñecemento das emocións nos demais. Escollede a que pensedes que mellor se pode adaptar ó voso grupo(20 min).
Dinámica para a creación de equipos de traballo e para a elección dun secretario/a, que apuntará as ideas do grupo e dunha persoa que faga de voceira para expoñer as súas propostas ó gran grupo (5 min).
Traballo en pequenos grupos (de 5-6 alumnos/as), para elaborar normas e consecuencias (15 minutos).
Aplicación do aprendido á comunicación en redes sociais (10 min): Na sociedade na que vivimos, unha das fontes de conflito máis comúns entre adolescentes (e tamén adultos) vén das distintas interpretacións que facemos das mensaxes que lemos, xa sexa por whatsapp, en instagram, no facebook… as redes sociais son hoxe un dos medios de comunicación por excelencia e nelas pérdese toda a parte non verbal da mensaxe. O estado emocional de quen escribe, se non usa emoticonas, pode non ser entendido por quen o le, que o fai co seu propio estado emocional. É necesario que traballemos na maioría das unidades de titoría a aplicación do aprendido non só á convivencia dentro da aula, senón tamén nas redes sociais. Nesta sesión para traballar estes aspectos podemos formularlles preguntas como:
- Que importancia dades a poder recoñecer a linguaxe non verbal na comunicación?
- Sodes capaces de distinguir, cando estades cara a cara, se a persoa fala de broma, enfadada ou seria?
- Podedes poñer exemplos dunha mesma frase enunciada con distintas emocións?
- Que ocorre cando a mensaxe, por exemplo, chégavos por whatsapp? Tedes esa información?
- Algunha vez isto foi causa dun conflito?
- Que recursos podedes utilizar para que os demais saiban se estades de broma ou en serio?
- E para asegurarvos que unha mensaxe non resulta ofensiva?.
Colócase de novo o mobiliario na aula (5 minutos).
Accesos:
Descargas:
Xestionamos as nosas emocións.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior(tratamos o tema do recoñecemento de emocións nos demais e a súa importancia, así como os recursos dos que dispoñemos para trasladar e recibir mensaxes nas redes sociais) (5 min).
Presentación da sesión: Vimos de ver que a linguaxe non verbal, o que expresa o noso estado emocional, é universal e está presente en todo acto comunicativo. É moi difícil, por non dicir imposible, ademais de pouco recomendable, evitar emocionarnos. O que si podemos facer é xestionar esas emocións, comportándonos dunha forma adecuada á situación na que estamos (porque é distinto estar, por exemplo, nunha festa con amigos que nunha reunión familiar, verdade?). Para xestionar as nosas emocións debemos deixalas claras de forma verbal e atopar o comportamento máis axeitado para cada unha das situacións e das sensacións que nos esperta cada estado emocional. Para iso, pode ser necesario saír da situación que provoca esa emoción, para tranquilizarnos antes de falar e evitar dicir cousas que realmente non queriamos dicir. Imos aprender a facer todas estas cousas e farémolo por equipos (5min).
Dinámica para a formación de equipos de traballo (5min).
Traballo en equipos: A cada equipo entrégaselle unha das follas cubertas na segunda sesión, nas que se analizaba cada unha das emocións e explicábanse situacións que suscitaban esa emoción. A partir desta ficha deben encher a ficha de traballo en equipos desta sesión: “Xestionamos as nosas emocións”, que tedes dispoñible nas descargas desta sesión (10 min).
Posta en común en gran grupo: Sae un dos equipos, expresan a primeira das situacións nas que se pode crear esa emoción e explican de que forma poden xestionala. Os demais achegan ideas. Un a un, van saíndo os demais equipos (15 min).
Colócase de novo o mobiliario da aula (5 min).
Materiais necesarios:
- As fichas feitas na segunda sesión, de recoñecemento das emocións propias
Accesos:
Descargas:
Xestionamos as emocións dos demais
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Que lembran? Deben saír temas como a importancia de tranquilizarnos cando nos emocionamos, por medio do recoñecemento emocional e os recursos dos que dispoñemos para xestionar as nosas propias emocións (5 min).
Presentación da sesión: Cando nos relacionamos con outras persoas, provocamos emocións e tamén nos contaxian o seu estado emocional. Saber recoñecer as emocións nos demais e poñernos no seu lugar (ser empáticos) é o que trataremos nesta sesión (5 min).
Dinámica dos taxis. Esta é a dinámica que recomendamos utilizar para traballar a empatía. Atópase no libro “Mediación escolar” de M.C. Boqué e podedes acceder a ela nas Dinámicas para traballar coas emocións, nesta mesma sesión (20 min, incluída a reflexión da dinámica).
Traballo en gran grupo: Realízase en gran grupo a ficha “Poñémonos no seu lugar”. De forma individual, van anotando as conclusións (10 minutos).
Entrégaselles o cuestionario para a avaliación desta unidade de titoría. Se non dá tempo para enchelo nesta sesión pode optarse por deixar que o leven para casa e que o traian cuberto na seguinte sesión ou reservar os primeiros minutos da seguinte hora de titoría para que o cumprimenten.
Colócase de novo a aula (5 min).
Accesos:
- Crear unha disposición en forma de “U” na clase
- Dinámicas para traballar as emocións (aquí tedes a Dinámica dos taxis)