Como promover a resposta empática

atrote.irene

Psicóloga e orientadora educativa.
31/12/2021

Educar para a empatía é un dos factores preventivos máis importantes para unha boa convivencia. Xa vimos na entrada anterior como se desenvolve a empatía, imos agora tentar comprendelo para poder ofrecer apoio no seu desenvolvemento.

Entendendo o desenvolvemento da empatía

Non é para nada inusual ver a un neno chorar desconsolado vendo unha película, reaccionar de forma totalmente impulsiva ante a expresión de dor dunha amizade, evitar ver cando a persoa está triste…

A nosa mente adulta fainos entender esta resposta como unha falta de empatía. O certo, con todo, é que este neno, esta nena, dispón dunha forte empatía a nivel afectivo, fáiselle tan grande e inabarcable ver o sufrimento doutros, que non sabe xestionar esa emoción.

Nas idades temperás as crianzas que crecen en contornas seguras e nas que existe intención de educar na xestión emocional van aprendendo responder de forma empática, van aprendendo xestionar as emocións que xorden froito da empatía afectiva.

É a empatía afectiva, xunto coa falta de intencionalidade educativa para a súa xestión o que dá lugar a respostas inadaptadas ás emocións dos demais.

Estas respostas, que son totalmente adaptadas dende un punto de vista persoal, xa que evitan o sufrimento emocional, non son adaptadas se as observamos dende un punto de vista social. E somos seres sociais, convivimos con outras persoas e é imprescindible para a convivencia ensinar as nosas crianzas xestionar as súas emocións para promover o desenvolvemento de respostas empáticas.

O que vimos na anterior entrada é o desenvolvemento normal da empatía, de que forma a empatía afectiva compleméntase co desenvolvemento dunha empatía cognitiva. Pero, como en absolutamente todos os aspectos do desenvolvemento, o ambiente xoga tamén un papel predominante. A educación na casa, na escola, a bagaxe cultura, a sociedade… actúan sobre nós, dunha forma incontrolada ou que podemos decidir controlar.

De que forma podemos promover respostas empáticas nas crianzas?

Emoción e cognición son dúas caras dunha mesma moeda, todo aprendizaxe ten unha base que é emocional. Isto xa o dicía Platón, na Atenas dos tempos de a. C.

Vai ser axudando no desenvolvemento da teoría da mente das nosas crianzas como imos apoiar o desenvolvemento da súa resposta empática.

Como? Utilizando as mesmas técnicas que usamos para ensinar cando aínda non o sabe facer:

  • Ensaio-erro: Lonxe de evitar situacións nas que se produzan “secuestros emocionais” é promovéndoas como podemos crear oportunidades para que aprendan, en ambientes controlados.
  • Divide e vencerás: Acompañarlles e guiar unha a unha as súas accións para que aprendan responder tanto ás súas emocións como ás dos demais. Se chora desconsoladamente ou expresa nerviosismo ante o dano que, sen querer, fixo a outra persoa, podemos ensinarlle para que se interese por como está, preguntarlle onde lle doe exactamente, pedir axuda para que a atendan, pedir desculpas de forma sinceira… todas estas pequenas actuacións axudan saír do secuestro emocional que produce a empatía afectiva. Preguntarlle que cre que está a sentir a outra persoa é outra forma de axudar ao desenvolvemento da súa teoría da mente, ese distanciamento emocional necesario para ofrecer respostas empáticas.
  • Modelado: Cando a crianza non é capaz, pedirlle que só nos acompañe, facendo que estea presente na nosa resposta empática cara ao seu compañeiro/a.

Debemos entender que a idades temperás, as respostas inadaptadas a nivel social son un reflexo dunha incapacidade para a xestión emocional, non son unha falta de empatía, non son un mal comportamento, son o reflexo de algo que os nenos, as nenas, aínda non son capaces de facer.

Non podemos tratar estas respostas como algo a corrixir nestas idades, senón como algo a aprender.

E na preadolescencia e adolescencia? Como promovemos o desenvolvemento de respostas empáticas?

O momento preadolescente e adolescente é crucial para que se desenvolvan as funcións executivas e, con elas, ter unha ferramenta máis para nosa regulación emocional.

Moitas veces temos a idea de que planificar, seguir, rectificar, avaliar… distáncianos das nosas emocións. Con todo, os distintos estudos póñennos no lugar contrario: a cognición axúdanos levar unha vida emocional moito máis plena, sérvenos para utilizar de forma positiva todo o impulso que as emocións nos proporcionan.

Na medida que sexamos quen de xestionar as nosas emocións, utilizarémolas moito mellor, aceptarémolas todas, sen falar de emocións positivas e negativas, deixaremos buscar esa chave da porta que abre á felicidade, comprenderémola como un estado emocional transitorio máis.

Na web tedes acceso a diferentes programas para ensinar e aprender xestión emocional, competencia social, resolución pacífica de conflitos, desenvolvemento das funcións executivas e das estratexias metacognitivas…

Tamén pode ser do teu interese…

O tipo de orientación a metas
O tipo de orientación a metas

Que tipo de orientación a metas premia en maior medida os actuais sistemas educativos? Como inflúe o tipo de orientación a metas no desempeño, na ansiedade ou na actitude do alumnado? Avaliamos ben?

0 Comments

Submit a Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies