Educar para a empatía é un dos factores preventivos máis importantes para unha boa convivencia. Xa vimos na entrada anterior como se desenvolve a empatía, imos agora tentar comprendelo para poder ofrecer apoio no seu desenvolvemento.
Entendendo o desenvolvemento da empatía
Non é para nada inusual ver a un neno chorar desconsolado vendo unha película, reaccionar de forma totalmente impulsiva ante a expresión de dor dunha amizade, evitar ver cando a persoa está triste…
A nosa mente adulta fainos entender esta resposta como unha falta de empatía. O certo, con todo, é que este neno, esta nena, dispón dunha forte empatía a nivel afectivo, fáiselle tan grande e inabarcable ver o sufrimento doutros, que non sabe xestionar esa emoción.
Nas idades temperás as crianzas que crecen en contornas seguras e nas que existe intención de educar na xestión emocional van aprendendo responder de forma empática, van aprendendo xestionar as emocións que xorden froito da empatía afectiva.
É a empatía afectiva, xunto coa falta de intencionalidade educativa para a súa xestión o que dá lugar a respostas inadaptadas ás emocións dos demais.
Estas respostas, que son totalmente adaptadas dende un punto de vista persoal, xa que evitan o sufrimento emocional, non son adaptadas se as observamos dende un punto de vista social. E somos seres sociais, convivimos con outras persoas e é imprescindible para a convivencia ensinar as nosas crianzas xestionar as súas emocións para promover o desenvolvemento de respostas empáticas.
O que vimos na anterior entrada é o desenvolvemento normal da empatía, de que forma a empatía afectiva compleméntase co desenvolvemento dunha empatía cognitiva. Pero, como en absolutamente todos os aspectos do desenvolvemento, o ambiente xoga tamén un papel predominante. A educación na casa, na escola, a bagaxe cultura, a sociedade… actúan sobre nós, dunha forma incontrolada ou que podemos decidir controlar.
De que forma podemos promover respostas empáticas nas crianzas?
Emoción e cognición son dúas caras dunha mesma moeda, todo aprendizaxe ten unha base que é emocional. Isto xa o dicía Platón, na Atenas dos tempos de a. C.
Vai ser axudando no desenvolvemento da teoría da mente das nosas crianzas como imos apoiar o desenvolvemento da súa resposta empática.
Como? Utilizando as mesmas técnicas que usamos para ensinar cando aínda non o sabe facer:
- Ensaio-erro: Lonxe de evitar situacións nas que se produzan “secuestros emocionais” é promovéndoas como podemos crear oportunidades para que aprendan, en ambientes controlados.
- Divide e vencerás: Acompañarlles e guiar unha a unha as súas accións para que aprendan responder tanto ás súas emocións como ás dos demais. Se chora desconsoladamente ou expresa nerviosismo ante o dano que, sen querer, fixo a outra persoa, podemos ensinarlle para que se interese por como está, preguntarlle onde lle doe exactamente, pedir axuda para que a atendan, pedir desculpas de forma sinceira… todas estas pequenas actuacións axudan saír do secuestro emocional que produce a empatía afectiva. Preguntarlle que cre que está a sentir a outra persoa é outra forma de axudar ao desenvolvemento da súa teoría da mente, ese distanciamento emocional necesario para ofrecer respostas empáticas.
- Modelado: Cando a crianza non é capaz, pedirlle que só nos acompañe, facendo que estea presente na nosa resposta empática cara ao seu compañeiro/a.
Debemos entender que a idades temperás, as respostas inadaptadas a nivel social son un reflexo dunha incapacidade para a xestión emocional, non son unha falta de empatía, non son un mal comportamento, son o reflexo de algo que os nenos, as nenas, aínda non son capaces de facer.
Non podemos tratar estas respostas como algo a corrixir nestas idades, senón como algo a aprender.
E na preadolescencia e adolescencia? Como promovemos o desenvolvemento de respostas empáticas?
O momento preadolescente e adolescente é crucial para que se desenvolvan as funcións executivas e, con elas, ter unha ferramenta máis para nosa regulación emocional.
Moitas veces temos a idea de que planificar, seguir, rectificar, avaliar… distáncianos das nosas emocións. Con todo, os distintos estudos póñennos no lugar contrario: a cognición axúdanos levar unha vida emocional moito máis plena, sérvenos para utilizar de forma positiva todo o impulso que as emocións nos proporcionan.
Na medida que sexamos quen de xestionar as nosas emocións, utilizarémolas moito mellor, aceptarémolas todas, sen falar de emocións positivas e negativas, deixaremos buscar esa chave da porta que abre á felicidade, comprenderémola como un estado emocional transitorio máis.
Na web tedes acceso a diferentes programas para ensinar e aprender xestión emocional, competencia social, resolución pacífica de conflitos, desenvolvemento das funcións executivas e das estratexias metacognitivas…
0 Comments