Ansiedade e rendemento

atrote.irene

Psicóloga e orientadora educativa.
30/12/2021

Ansiedade e rendemento na práctica

Lembro o día de defensa do meu traballo fin de grao, na UNED de Pontevedra. Permitían levar materiais e era por escrito. A súa dificultade estaba máis no tempo do que dispoñías para contestar ás distintas preguntas e en que, ao tratarse dun exame xeral para todo o alumnado, debías saber adaptar cada pregunta ao teu traballo, tivese as características que tivese.

Paseime semanas anticipando distintas preguntas que poderían facerme e creando pequenos esquemas cos que organizar as miñas respostas. Isto é o mesmo que dicir que me pasei unhas cantas semanas con medo ao que podería ter que enfrontarme, con ansiedade e con actitude proactiva.

Cando chegou o día de ir estaba tan tranquila que me asustei moitísimo. Non estaba nunha actitude favorable para examinarme. Ía no coche e íame dicindo: “Irene, que é xa o último exame do grao, que a vas pifiar, que así de tranquila non che vai dar tempo a facelo…”, comecei a tentar elevar o meu nivel de ansiedade, pero sen ningún éxito. Pensara tanto nas posibles preguntas e organizara tan ben as miñas respostas que non tiña preocupación algunha. Tiña o material comigo, para que preocuparme?. Foi horrible darme conta de que non era capaz de elevar o meu nivel de ansiedade e que sen el non tería o nivel de alerta necesario para facer o exame.

Cando aparquei o coche vin cara ao asento do lado e… os meus organizadísimos apuntamentos non estaban!! Crin tolear, xa estaba co teléfono na man para chamar a casa, pedir que me enviasen o arquivo por mail, ir á copistería do centro e volver imprimilos, cando vin cara ao asento de atrás… alí estaban. Collinos e funme para o exame co nivel óptimo de ansiedade.

Que nos di a Lei de Yerkes- Dodson?

A Lei de Yerkes- Dodson o que nos di é que é necesario un certo nivel de ansiedade para alcanzar un óptimo rendemento.

A ansiedade e o rendemento relaciónanse seguindo a forma dunha “U” investida. Con baixos niveis de ansiedade o rendemento é baixo; con niveis moderados é óptimo; e con niveis altos de ansiedade, o rendemento volve ser baixo.

A ansiedade, tamén chamada arousal (grao de activación), como calquera outra emoción, é positiva se aprendemos a regulala, a xestionala. Sen ansiedade non temos o nivel de excitación necesario para levar a cabo tarefas con éxito.

Que converte á ansiedade nun trastorno, en algo desadaptativo?

O que converte á ansiedade en algo desadaptativo é pasar ese punto óptimo. Na medida en que non nos vexamos con recursos para afrontar a tarefa que se nos presenta, o nivel de ansiedade irá en aumento ata converter esta emoción en desadaptativa.

A dificultade da tarefa entra en xogo na relación entre Rendemento e ansiedade. Toleramos moita menos ansiedade con tarefas difíciles e necesitamos un nivel de arousal máis elevado para tarefas máis fáciles.

Isto último explícase pola que é a nai de todos os cordeiros: os nosos recursos limitados. E é que non somos capaces de traballar en multitarea por moito tempo, debemos ter automatizados unha serie de procedementos para poder afrontar novos retos. No caso de non posuír eses coñecementos previos, temos que investir recursos neles, o que nos deixa menos marxe para tolerar o nivel de activación. É así como a ansiedade, unha emoción necesaria (como todas) para a nosa actividade, convértese en desadaptativa, impídenos levar a cabo tarefas con éxito.

Como aplicar toda esta teoría ao ámbito educativo?

Como vimos, son dous as variables que neste caso actúan sobre o rendemento: o arousal ou grao de activación (a ansiedade) e a dificultade da tarefa. É adaptando unha ou outra variable a cada aprendiz como lograremos mellorar o seu rendemento.

Pero antes debemos saber se o baixo rendemento débese a un nivel de arousal moi baixo (non ten activación para realizar a tarefa) ou se a causa atópase nun nivel de arousal moi elevado (non dispón de recursos para afrontar o seu nivel de activación). A detección do motivo que causa o baixo rendemento é do todo prioritaria, porque a intervención sobre o propio nivel de activación e sobre a variable de dificultade da tarefa é diametralmente oposta. Encántanme os algoritmos, así que aquí preséntovos o da xestión da ansiedade (se facedes click sobre a imaxe poderedes descargar o pdf).

Como podedes ver, e é lóxico se se reflexiona, a activación tamén se relaciona co tipo de motivación.

  • Quere aprender, sentirse cada vez un pouco máis competente?
  • Quere conseguir os mellores resultados?
  • Quere evitar estar entre os que alcanzan os peores resultados?
  • Gustaríalle estar entre os mellores e, como non pode, quere ser o que peor resultados consegue?

Noutra entrada falamos máis polo miúdo do tipo de orientación a metas.

Tamén pode ser do teu interese…

No Results Found

The page you requested could not be found. Try refining your search, or use the navigation above to locate the post.

0 Comments

Submit a Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies