Familias
prevención de riscos
A prevención de riscos debera comezar co inicio da educación.
Son 3 os niveis nos que podemos facer prevención:
- Primaria: Cando aínda non observamos indicio algún, busca evitar a aparición de comportamentos de risco.
- Secundaria: Empezamos observar algún indicio, busca frear a progresión.
- Terciaria: Comezamos ver actuar as consecuencias dos comportamentos de risco. Busca “desaprender”, instaurando novos comportamentos que sexan incompatibles cos de risco.
Nós traballaremos na prevención primaria e primeiros estadios da secundaria. Nos demais casos o tratamento debe ser individualizado e realizado por profesionais.
Para tratar esta temática imos agrupar en dúas grandes familias os comportamentos de risco: os delitivos e os adictivos. No primeiro caso centrarémonos nos de carácter sexual (violencia machista, sexting, grooming) e no acoso e o ciberacoso. No segundo, veremos a adicción ás drogas (legais e ilegais), o consumismo e as adiccións ós xogos de azar.
Prevención de riscos
factores protectores
Factores persoais
A resiliencia
A resiliencia é a capacidade para superar a adversidade.
Unha persoa é resiliente cando:
- É capaz de xestionar as súas emocións e dar unha resposta adaptada ás dos demais;
- Cando pode planificar, poñer en marcha, mellorar e avaliar os seus plans;
- É quen de tolerar a frustración;
- Sabe entender os erros como oportunidades para a aprendizaxe;
- Os seus éxitos e os seus fracasos atribúeos a factores internos e que pode controlar;
- Sabe como se toman as decisións;
- É proactiva, sabe anticipar e prever posibles adversidades cando pon en marcha un plan, antes de que sucedan.
Como vedes, todas estas actitudes e comportamentos pódense comezar ensinar dende o inicio da nosa tarefa educadora e conformarán o factor persoal protector máis importante.
Factores a nivel familiar
Estilo educativo democrático, con base na disciplina positiva
Os outros estilos educativos son o autoritario, o permisivo e o neglixente.
- O estilo autoritario promove unha educación na que as decisións son tomadas polas persoas adultas, sen oportunidades para a autonomía e para aprender dos propios erros. Ensina ademais por modelado relacións de poder, de desigualdade.
- O estilo permisivo transmite a idea de que pode acadar todo o que desexe, algo que non é verdade e que non poderemos garantir que ocorra sempre. Non ofrece oportunidades para aprender xestionar a frustración, gran factor de risco.
- O estilo neglixente é o máis desprotector. Só podemos actuar como tribo cando observamos que un compañeiro ou compañeira das nosas crianzas non ten unha contorna que garanta alimento, protección e afecto. Debemos falar coas nosas crianzas para que non permitan que quede nas marxes. Falo do que podedes facer vós, porque unha nai, un pai neglixente non estaría lendo isto e, de estalo, benvida, benvido, hai moitas pequenas cousas que están na túa man facer.
O estilo democrático, con base na disciplina positiva, é o que en maior medida promove o desenvolvemento da resiliencia.
Existen críticas, penso que baseadas no descoñecemento, que ofrecen unha visión “happy flower” desta forma de educar. Convídovos ler o tema de “Normas e límites” para que xulguedes por vós.
Factores sociais
A sociedade inclusiva
Unha sociedade inclusiva acepta a quen vive nela e loita para que só se cumpra este “Efecto Pigmalion“.
No vídeo de Alberto Soler do que vos acabo de deixar ligazón explícase o efecto das expectativas, nese caso positivas, sobre o resultado. Pero tamén ocorre o revés: se as expectativas da contorna son negativas, o resultado tamén será negativo.
A decisión de incluír, de amosar actitudes de respecto e de valor por todo tipo de diversidade e de depositar expectativas positivas en tódalas crianzas é o que en maior medida promoverá o seu desenvolvemento seguro, alonxado de comportamentos que conleven algún tipo de risco.
Prevención de riscos
adiccións
O círculo das adiccións
Neste círculo podemos ver como se chega ter unha adicción, con ou sen substancia.
Debemos comezar entendendo que o noso corpo sempre está na busca do equilibrio. Ante calquera substancia ou conduta que produza un deseaquilibrio, irá reaxustándose, creando tolerancia.
A clave da adicción está no desenvolvemento da tolerancia, que provoca dúas consecuencias:
- A mesma dose da mesma substancia, o mesmo comportamento con igual frecuencia, xa non provoca placer. Teñen logo 3 opcións: deixar o tema como está, decidir non seguir probando; aumentar a dose da substancia ou a frecuencia do comportamento; cambiar a outra substancia con maiores efectos ou a outro comportamento que provoque pracer.
- A tolerancia provoca, cando non dispoñemos de substancia ou de posibilidade de levar a cabo o comportamento, un gran malestar, senten xusto o efecto contrario que a substancia ou comportamento causa, é o sentir do reequilibrio que fixo o noso corpo para volver ó equilibrio. Se a substancia é neuroléptica, sentirá ansiedade; se é activadora, cansancio, fatiga, depresión; se o comportamento causa euforia, sentirá apatía, desesperación… Para evitar estas sensacións teñen dúas posibilidades: sufrir o malestar ata que o corpo reequilibre de novo ou consumir, volver realizar ese comportamento, aumentando así a tolerancia e con ela o equilibrio, cada vez máis desequilibrado.
Unha persoa vólvese adicta cando só consume, leva a cabo a conduta, para evitar o malestar que lle produce non facelo. Así de triste é unha adicción, comeza coa procura dunha sensación pracenteira inmediata e remata cunha loita por volver sentirte “normal”.
O efecto da aprendizaxe nas adiccións
O noso cerebro ten o vicio de aprender.
No eido das adiccións:
- O noso corpo aprende anticipar estímulos: calquera mensaxe, calquera imaxe, calquera suceso na vida que tivese funcionado como antecedente da conduta adictiva, provocará de súpeto a súa lembranza, o desexo… a recaída. Quizais sexa máis doado deixar unha adicción que evitar a recaída (e non é doado deixala).
- Esta lembranza permanecerá, aínda que cada vez con menor intensidade, se facilitamos técnicas para o seu afrontamento e un clima propicio de comprensión.
Factores que axudan superar as adiccións e evitar as recaídas
Precísase dun tratamento especializado, levado a cabo por especialistas.
Como familia, debedes seguir as indicacións que a persoa profesional vos transmita.
Prevención de riscos
condutas sexuais de risco e delitivas
Comportamentos sexuais de risco
Entendemos como comportamentos sexuais de risco aqueles que provocan embarazos non desexados e a transmisión e contaxio de enfermidades de transmisión sexual.
Para previr este tipo de comportamentos resulta fundamental:
- Ofrecer información sobre os riscos e a forma de evitalos, tanto a mozas como a mozos.
- Facilitar o acceso e explicar o uso dos preservativos.
- Ter claridade e rigor á hora de explicar as formas nas que se pode contaxiar unha enfermidade de transmisión sexual e as consecuencias que poden provocar. Tedes moitísima información en internet que podedes consultar coas mozas e mozos.
Violencia machista
Un papel demasiado importante temos como persoas con responsabilidade educativa neste tema.
Vou comezar coa ligazón a un vídeo que, se acabamos vendo ridículo, quizais non quede outra que admitir que vivimos nunha sociedade que si, que é machista.
Só recoñecendo e podendo ver a nosa sociedade baixo as lentes do feminismo podemos comezar falar de prevención da violencia machista.
- Debemos comezar coidando a relación coa nosa parella (se é que a temos) ou coas persoas coas que mantemos relacións afectivas, para modelar relacións igualitarias e gozosas.
- Debemos cuestionar moitas das cousas que veñen dadas: clasificación neno/nena, xoguetes neno/nena, comportamentos aceptados neno/nena, expresión do xénero neno/a, tarefas neno/nena…
- Cabe cuestionarse se educamos de forma diferente a nenos e a nenas, se somos coherentes á hora de avaliar comportamentos ou nos deixamos levar polo que culturalmente se espera polo feito de asignarte un ou outro sexo ó nacer. Decepciónanos máis que a nosa filla non trate de consolar a un compañeiro que parece triste? Vemos como “cousas de nenos” que o noso fillo pelexe con iguais? Actuamos igual se é a nosa filla quen participa na pelexa? Dicimos o guapa que é a nosa filla mentres falamos do ben que fai as cousas o noso fillo? Pedímoslle á nosa filla que comprenda cando outras persoas lle fan dano mentres lle pedimos ó noso fillo que se defenda?
- Debemos revisar tamén os mitos que leva parello o amor romántico, como se comprenden os ciumes nunha relación, se pensamos que amar produce dor, se transmitimos que ás veces é mellor calar e aguantar….
Para educar en igualdade, debemos educar ás persoas polo que son, polo que teñen, polas súas potencialidades, dar resposta ás súas necesidades e deixar de preguntarnos se é ou non é “propio” dun home ou dunha muller.
A violencia machista é a crueldade máxima coa que se expresa esta sociedade patriarcal.
No caso de detectar que puidera estar exercendo violencia machista:
- Buscar axuda profesional e non escondelo nin xustificalo é fundamental. Existen programas como “Abramos o círculo”, dentro do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia que están especializados na violencia machista.
- Non culpabilizar a persoa vítima da violencia. Nada pode xustificalo.
- Seguir as indicacións que ofrece o profesional que o atende.
No caso de detectar que puidera estar sufrindo violencia machista:
- Desculpabilizar, nada pode xustificar a violencia.
- Acompañar, escoitar con agarimo infinito, repetir o que nos conta para que o escoite dende fóra e vexa a incongruencia do que di…
- Non asumir un papel protagonista na historia, o que implica estar sempre, deixarlle tomar as súas decisións, sen decidir por ela e permanecendo sempre ó seu carón ata que conclúa que si, que é vítima da violencia machista e que si, que precisa axuda.
- Na meirande parte dos concellos hai Centros de Información á Muller (CIM) ós que acudir para solicitar apoio psicolóxico para vítimas de violencia machista e acompañar se decide interpoñer unha denuncia.
O sexting
Consiste no intercambio de material (fotografías, vídeos…) de carácter erótico ou sexual, co consentemento das partes que intercambian ese material.
En si mesmo non é unha conduta delitiva, xa que se fai co consentemento de ambas partes. O sexting transfórmase en delito cando:
- Se extorsiona por unha parte á outra con compartir os materiais se non accede facer algo.
- A parte que envía as mensaxes atosiga á outra parte, que non desexa seguir recibíndoos.
- Se comparte esa información tan sensible con outras persoas.
Para previr a aparición de condutas delitivas relacionadas co sexting:
- Información e explicación das consecuencias que puidera ter compartir información tan sensible e de tan fácil difusión con outra persoa.
- Para cada consecuencia, explicar que a mellor forma de saír desa situación pasa por contalo na casa (comprometéndonos a amosar quizais un pouco de enfado, pero tamén comprensión).
O grooming
O grooming abarca todo tipo de engano virtual que unha persoa adulta pode despregar para, de forma intencional, crear un vínculo coa persoa menor de idade con finalidades sexuais.
Pode facerse pasar por calquera persoa, de calquera idade, sexo, orientación sexual, crear unha historia coa que logre obter a confianza da persoa menor de idade.
É un perigo novo desta era dixital e que adoit suceder en forma de escalada. Aos poucos, gañan a confianza das crianzas, convencéndoas para que manden certos contidos ou conten determinados segredos e pronto comezan as ameazas.
Unha das ameazas máis potentes é, precisamente, contárnolo a nós, á súa familia. Isto pónnolo máis fácil para axudarlles saír desta situación:
- Informamos de que ás veces ocorren en internet estas cousas, que pensamos que estamos a falar cunha persoa que non é tal e como se presenta.
- De pasarlles deben contárnolo, para que poidamos intervir como persoas adultas que somos.
- Tanto nas aplicacións coma nos xogos online existen botóns para a denuncia deste tipo de condutas.
O acoso
Aínda que todos sabemos que é o acoso escolar ou bullying, non está de máis definilo tal e como se conceptualiza, porque ás veces existe un gran alarmismo e outras unha gran permisividade.
Na nosa lexislación o acoso escolar defínese como:
Calquera forma de vexación ou malos tratos continuados no tempo dun alumno ou alumna por outro ou outra ou outros/as, xa sexa de carácter verbal, físico ou psicolóxico, incluído o illamento ou baleiro social, con independencia do lugar onde se produza.
Diciamos que ás veces hai alarmismo porque unha pelexa no patio, en principio e sen máis datos, non é acoso. E diciamos que ás veces somos moi permisivos porque os insultos, as vexacións a nivel psicolóxico, o baleiro social, cando se produce de forma continuada, si é acoso.
Para previr as situacións de acoso dende o ámbito familiar:
- Debemos promover un clima de convivencia na casa no que predominen actitudes de escoita e de respecto.
- Dende as nosas accións debemos amosar intolerancia ante calquera tipo de actitude que observemos está a danar a calquera persoa. Non podemos quedarnos nunha posición neutral, observadora, debemos posicionarnos no lado da vítima desa agresión.
- Debemos comunicar ó centro educativo calquer tipo de información que nos faga sospeitar que algún alumno ou alumna puidera estar sufrindo algún tipo de agresión (psicolóxica, verbal ou física, incluíndo o baleiro social).
O ciberacoso
É a extensión do acoso á totalidade da vida da persoa acosada, as redes sociais son claustrofóbicas para unha persoa que sofre acoso, nunca se libra del.
Como persoas responsables da educación temos moito que facer para previr estas situacións de acoso que usan como medio as redes sociais.
Nestes casos, resulta moito máis claro o papel que xogan as persoas espectadoras, xa que non poden negar que o están vendo e que non están a facer algo para evitalo. O papel preventivo o teñen estas persoas, que observan a situación dende o seu inicio, cando aínda non se produciu o ciberacoso.
Que se pode facer para impedir o ciberacoso:
- Permitir e valorar positivamente que as vosas crianzas participen en programas de identidade dixital, de mediación, de rede de alumnado solidario… para formarse en técnicas de resolución pacífica de conflitos e de axuda entre iguais.
- Animar ás vosas crianzas a que se posicionen na defensa da persoa que está sendo vítima de calquera tipo de agresión, establecendo circuítos de seguridade se nese momento sentise medo ó posicionamento (contarllo en privacidade a un profesor ou profesora coa que teña confianza e pedíndolle confidencialidade).
- Amosar total intolerancia cara comentarios que poden danar a sensibilidade da persoa da que se está a falar, aínda que non estea presente.
- Preguntar, cando use un alcume para referirse a un compañeiro ou compañeira, se xa lle preguntou a esa persoa se prefire ser chamada así ou polo seu nome.
- …