Consideracións iniciais
Preparación da unidade: Prepararnos é fundamental para crear un bo clima de convivencia na aula. Con isto referímonos a mostrar tanto coñecementos técnicos, como unha boa competencia a nivel persoal (emocional) e social.
Coñecementos técnicos:
Sobre todo se acabades de chegar ao centro educativo e sodes as persoas encargadas da titoría dun grupo de alumnos, sería recomendable, antes de comezar a unidade:
- Coñecer as instalacións coas que conta o centro.
- Consultar o Proxecto educativo do centro e, cando estea dispoñible, a Programación xeral anual.
- Decidir entre un tipo de estrutura de clase de tipo “U” ou convencional. Aconsellamos a primeira opción, só con cadeiras, para as sesións de titoría, xa que facilita a comunicación e dótanos dun espazo central para levar a cabo as distintas dinámicas.
- Coñecer ao equipo docente, para comezar coordinar as distintas actuacións e facilitar o coñecemento do alumnado.
Competencia a nivel persoal (emocional) e social: Estas competencias son fundamentais para controlar a aula de forma eficaz, co obxectivo de crear un clima de convivencia que favoreza o desenvolvemento dos procesos de ensino e aprendizaxe. Desde A trote preparamos unha serie de recursos relacionados coa competencia de Ensinar a aprender e que tedes dispoñibles no apartado “Profesorado”.
Introdución
Esta é a primeira unidade a traballar nas titorías, cun claro compoñente preventivo a nivel primario. O que buscamos é que o alumnado comprenda o valor que teñen as normas e promover un estilo de liderado positivo nas aulas, mediante a elección dun delegado/a con características persoais e de competencia e compromiso social que sexan adecuadas para ese posto e para o bo funcionamento da Xunta de persoas delegadas do centro.
As normas de organización, funcionamento e convivencia do centro (NOFC) son de obrigado cumprimento para a comunidade educativa. As normas da aula son concrecións desas normas xerais e de ningunha forma poden contradicilas. Dito isto, na medida que consigamos o consenso nas normas da aula, maior grao de compromiso poderemos observar no alumnado, xa que foron consensuadas no seu grupo e aceptadas por todas as persoas que o integran.
Esta aprendizaxe en autodisciplina é moi importante e necesario para un desenvolvemento óptimo da personalidade de cada un dos alumnos/as, xa que é unha forma de facelos responsables dos seus actos e de asumir as consecuencias que, de forma consensuada, impuxéronse como grupo no caso de non cumprilas.
A palabra “normas” perde así a súa connotación negativa, sobre todo no periodo adolescente, deixan de ser vistas como imposicións externas, e comezan velas como o que son: a única forma de convivir de forma pacífica.
Esta unidade de titoría podería enlazar coa formación da “Rede de alumnado solidario”, que se presenta para potenciar a dinamización do centro educativo por medio do recurso máis valioso co que contamos: o propio alumnado. Para iso, os delegados e delegadas de cada un dos grupos, pasarán a formarse e a integrar esta Rede, que ten entre as súas metas dinamizar o centro educativo, previr a aparición de comportamentos que entrañen algún tipo de risco e ofrecer axuda e apoio a outros alumnos/as que teñen algunha dificultade. Todo iso, por suposto, supervisado e apoiado pola Comisión de Convivencia do centro, titorías, departamento de orientación e xefatura de estudos.
Obxectivos
- Promover no alumnado o respecto ás normas do centro.
- Establecer na aula un estilo de liderado positivo.
- Promover a participación do alumnado no centro.
- Promover a cultura democrática no centro educativo.
Contidos
Sesión 1: Coñecemento do grupo e informacións xerais.
Sesión 2: Modificación da connotación negativa que ten a palabra “norma” por outra de carácter protector e preventivo.
Sesión 3: Establecemento, mediante procedementos consensuados, das normas da aula.
Sesión 4: Debate sobre as normas e elaboración do cartaz coas normas da clase.
Sesión 5: Reflexión sobre as características que debe ter a persoa que exerza como representante do grupo (persoa delegada) e presentación de persoas voluntarias para exercer este rol.
Sesión 6: Tempos para que cada persoa candidata poida explicar ao seu grupo os seus propósitos de saír elexida. Votación e cuestionario de avaliación da unidade.
Metodoloxía
A metodoloxía é de índole participativa. O alumnado será o protagonista da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas por equipos, de gran grupo, por parellas, de lapis e papel…
Cabe destacar a importancia de distinguir o concepto “dinámica” do de “xogo”. Nunha dinámica sempre se produce unha reflexión final, guiada polo titor/a, mediante unha serie de preguntas. Deste xeito é como a experiencia da paso á aprendizaxe. Se non reflexionamos tras a dinámica, a súa potencialidade verase mermada, simplemente provocará un ambiente distendido.
Temporalización
Esta unidade ten unha duración de 6-7 sesións (dependendo do número de alumnado volutario para representar ó grupo) de 50 minutos e cunha frecuencia semanal.
Indicadores de avaliación
O traballo reflexivo que produce a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados, é o que en maior medida nos permitirá a mellora e a aprendizaxe continua, así como a nosa adaptación a realidade do grupo-clase, do centro e da contorna.
Para a avaliación do proceso, nas plantillas para deseñar as vosas sesións contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o desenvolvemento de cada unha das sesións, con vistas a escoller mellor os contidos e metodoloxías a utilizar nas seguintes.
Para avaliar o resultado desta unidade de titoría, podedes ter en conta:
- Os resultados dos cuestionarios que na última sesión cobre o alumnado.
- Recollida de información ao equipo docente sobre o grao de cumprimento das normas da aula.
- Estudo comparativo respecto doutros anos do número de partes/faltas do grupo de alumnos/as.
- Número de xestións e peticións realizadas polo delegado/a de clase.
Informamos para poder crear o marco.
Como en todas as unidades de titoría, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo a plantilla para o deseño de sesións. Nela poderedes ir anotando aqueles contidos que mellor se adapten ao voso grupo de alumnos/as e ás súas potencialidades e necesidades.
Se vos decidistes pola disposición en “U” , podedes atopar indicacións para crear esta estrutura de aula no apartado “descargas e accesos”, ao acabar a exposición da sesión.
Podemos comezar cunha dinámica de presentación, para iso só tedes que escoller a que máis se adapte ao voso grupo de alumnos/as e á vosa forma de traballar.
Nesta primeira sesión resulta fundamental informar o alumnado sobre:
- As normas do centro e as consecuencias e protocolos consensuados pola comunidade educativa en caso de incumprilas (no Plan de Convivencia do centro, nas Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia e no Plan de Igualdade).
- Os dereitos e deberes que teñen como alumnos e alumnas do centro.
- Os horarios do curso escolar.
- Profesorado que lles impartirá cada materia.
- Informarlles de que cada profesor/a lles exporá os criterios de avaliación de cada unha das materias, que deben apuntar e comprender que a nota final non é a media dos exames que fagan, senón que cada materia ten os seus criterios para avaliar, as súas propias regras de xogo.
Accesos:
Crear disposición en forma de “U”
Descargas:
As normas como ferramentas para garantir un bo clima de convivencia.
Non vos esquezades de descargar e imprimir a “Plantilla para o deseño de sesións” para, nela, ir escollendo os recursos que vos parezan máis adaptados ao voso grupo.
Comezaremos a sesión colocando a clase en forma de “U” (5 min).
Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión de presentación. Deben saír os temas de: normas do centro, horarios do curso, dereitos e deberes que teñen como alumnos/as e a importancia de saber de que forma serán avaliados/as en cada materia. (5 min)
Nesta sesión, pode ser apropiado facer agora a dinámica, que será de cohesión grupal ou de presentación, se o grupo é de recente formación ou se existen relacións que danan o clima de convivencia (tedes a ligazón ó final desta explicación). O tempo dependerá da dinámica escollida, entre 15-20 min.
Seguimos a sesión mediante unha dinámica individual de lapis e papel: “Por que é necesario un marco?”. Esta ficha está dispoñible no apartado de accesos e descargas desta sesión (10 minutos).
Reflexionamos en gran grupo (10 minutos):
- Atopástedes algún xogo que non teña normas? (é imposible, todos os xogos teñen normas).
- Que pensades que aportan as normas ao desenvolvemento dun xogo?
- Como fariades para manter unha convivencia sen normas?
Presentamos a seguinte sesión, dicíndolles que imos crear as súas propias normas de aula de forma consensuada. Para iso poden ir pensando de forma individual e traer para a seguinte sesión cadansúa proposta.
Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min).
Accesos:
Descargas:
Consenso sobre as normas da aula.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior. Que lembran? A importancia das normas para a convivencia é o tema que debemos lembrar, así como a importancia de que as nosas normas de aula non entren en conflito coas normas de convivencia do centro (5 min).
Presentación da sesión (5 min):
O obxectivo desta sesión é o de consensuar entre todas e todos as nosas normas de clase. Para que funcionen, debemos seguir unha serie de condicións:
- O titor/a ten o dereito, como representante do profesorado, de poñer unha das normas. As demais serán consensuadas polo propio alumnado.
- As normas non poden contradicir o disposto nas normas de convivencia do centro.
- As normas deben estar escritas en positivo. Por exemplo, en lugar de “Non interromper” a norma podería redactarse como “Para expresar unha opinión ou facer unha pregunta, debemos levantar a man”.
- As consecuencias deben ser axustadas ao comportamento. Se danan a outra persoa, debe restaurarse ese dano dalgunha forma, se interrompen o desenvolvemento da clase, a consecuencia debe garantir que a sesión poida continuar.
- As normas e consecuencias terán vixencia en tódalas materias e durante todo o curso escolar podendo, en calquera momento, ser modificadas se así o solicita a persoa delegada e hai consenso entre o alumnado.
- O número de normas que consensúen alumnas e alumnos debe ser igual ou inferior a 5 (moitas normas dificultan o cumprimento). Debemos convidar o alumnado a que cheguen a unha redacción máis globalizadora.
- O resultado do traballo de consenso das normas e das consecuencias de non cumprilas quedará reflectido nunha cartolina que se colocará á beira ou enriba do encerado, nun lugar visible e de fácil acceso visual.
Dinámica para a creación de equipos de traballo e para a elección dun secretario/a, que apuntará as ideas do grupo e dunha persoa que faga de voceira para expoñer as súas propostas ó gran grupo (5 min).
Traballo en pequenos grupos (de 5-6 alumnos/as), para elaborar normas e consecuencias (15 minutos).
Posta en común en gran grupo: Sae ó encerado a persoa voceira e a secretaria do primeiro grupo. A voceira encárgase de preguntar e ir recollendo información dos grupos, a secretaria de apuntalo no encerado. O primeiro grupo di e apunta no encerado a primeira norma que consensuaron e as consecuencias que pensaron podían aplicar se se incumprise. A voceira pregunta ás persoas voceiras dos demais grupos se tamén recolleron esa norma ou outra similar, a secretaria apunta o número de grupos que a recolleron, as variancións e as distintas consecuencias consensuadas polos demais grupos. Non é momento de debate. Unha vez rematada a primeira das normas, saen voceira e secretaria do segundo grupo e expoñen a segunda norma e a consecuencia de incumprila, procedendo de igual maneira. Así sucesivamente ata que se completan todas as normas e as súas consecuencias. Aínda non é o momento do debate, simplemente recollemos as propostas de todos os grupos, sen xulgar nin corrixir. Unha vez recollidas as propostas de todos os grupos, ou antes de borrar o encerado, se fose preciso, farémoslle unha foto á pizarra, para a seguinte sesión (15 min).
Colócase de novo o mobiliario na aula (5 minutos).
Accesos:
Descargas:
Debate democrático sobre as normas.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Pregúntamoslles que lembran da sesión anterior e, se temos proxector e pantalla dixital na aula, proxéctanse as imaxes das fotos que sacamos. De non ser así, escríbense de novo no encerado (5 min).
Presentación da sesión: Faremos un debate acerca das normas propostas e das consecuencias.
Dinámica de debate en gran grupo. Pódese seguir o seguinte protocolo: (30 min). O grupo escolle unha persoa secretaria para apuntar no encerado os acordos ós que o grupo vaia chegando durante o debate.
- Algunha das normas propostas vai en contra das normas do centro? Se é así, haberá que descartala.
- Algunha das normas propostas está escrita en negativo? Como se escribiría en positivo?
- Algunha das normas propostas pode incluírse noutra? Se pode facerse, farase, mantendo o enunciado da máis xeral ou, de haber consenso, modificando o enunciado para contela de forma máis explícita.
- Cantas normas quedan? Facer todo o posible para que non superen o número de 5.
- Comeza o traballo coas consecuencias, para cada unha das normas: O incumprimento da norma trae consigo dano a algunha persoa? Que consecuencia restitúe en maior medida ese dano? O incumprimento da norma afecta o desenvolvemento da clase? Que consecuencia favorece en maior medida que a clase continúe con normalidade?
- Sucesivamente vanse traballando cada norma e escollendo por consenso a mellor das consecuencias.
A titora ou titor anuncia a súa norma: “Falar en primeira persoa”. Un exemplo que podemos poñer sería que en lugar de dicir “Menganito/a!!, deixa xa de molestar!!”, debemos dicir “Enfádame moito que non me deixes prestar atención, despois xa falamos”. E, como consecuencia a incumprila, a persoa debe pedir desculpas e dicir o mesmo, pero en primeira persoa.
Peche de sesión: O secretario/a le en voz alta o acordado, sácase foto ó encerado e pídense voluntarios/as para que nun recreo trasladen esas normas a unha cartolina, que poderán decorar ao seu gusto, lembrando que o texto debe poder lerse dende o fondo da clase. Os voluntarios/as, deben, nese momento, decidir que día e onde farán este traballo. O titor/a supervisará que así o fagan. Entrégase a cartolina e emprázaselles a que a traian para a próxima sesión (5 min).
Colócase de novo o mobiliario da aula (5 min).
Materiais necesarios:
- 1 cartolina
- Fotografía/s sacada/s na sesión anterior
Accesos:
Descargas:
Comeza a elección do delegado/a
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: O secretario/a le os acordos aos que chegaron e compróbase que son os mesmos que os que aparecen na cartolina. Cólgase a cartolina nun lugar visible para todos/as (preferiblemente na parede frontal da aula, á beira da lousa e, de non poder ser, nunha parede lateral, con fácil acceso visual en calquera momento) (10 min).
Presentación da sesión: Hoxe toca sentar as bases para a elección do delegado/a de clase. De decidir instaurar no centro a Rede de alumnado solidario, poderá presentarse esta rede, tedes materiais para facelo en Accesos nesta sesión (5-10 min).
Dinámica de cohesión grupal. Unha das dinámicas que propoñemos é a que se denomina “Dinámica dos cegos”, aínda que podedes decidir utilizar outra das dinámicas de cohesión, en accesos nesta sesión. (10-15 min, incluída a reflexión da dinámica).
Traballo individual: Cada alumno/a traballa de forma individual na ficha incluída nas descargas desta sesión “Elección da persoa delegada” (10 minutos).
Posta en común: En gran grupo, recoller as ideas sobre as funcións e características que tería que ter a persoa que lles representará. (5 min). Poden sair aspectos como:
- Solidaria
- Responsable
- Honrada
- Compañeira
- Con capacidade de iniciativa
- Con afouteza á hora de defender os intereses do grupo ou individuais
- Con capacidade de axuda
Recollida de propostas e persoas voluntarias: Damos a cada alumno/a un cartón para que anote o nome das 3 persoas que considera que poden ser adecuadas para o posto (poden incluírse). Depositan ese cartón nunha caixa e lense as votacións (5 min).
Pedímoslles que reflexionen acerca de se queren ou non presentarse a delegados/as de clase e, no caso de que sexa así, que preparen para a próxima sesión a súa candidatura, mediante unha presentación de non máis de 5 minutos, na que deben responder a:
- Que características crees que tes para ser un bo delegado/a?
- Que propós facer no caso de seres elixido/a?
Colócase de novo a aula (5 min).
Materiais necesarios:
- Material para pegar o cartel na parede
- Furna (caixa) e papeletas.
Accesos:
- Crear unha disposición en forma de “U” na clase
- Dinámicas de cohesión grupal
- Rede de Alumnado Solidario
Descargas:
Presentación de candidaturas e elección da persoa delegada da clase.
Colocación do mobiliario na aula (5 min).
Repaso da sesión anterior: Funcións e características dun bo delegado/a (5 min).
Presentación das candidaturas: As persoas voluntarias para ser delegadas levántanse e diríxense ó encerado ou á zona central da clase cos materiais que necesitan para realizar a exposición da súa candidatura, establécese a orde de presentacións, que pode ser alfabético, por idade, por números ao azar, por extracción da carta máis alta dunha baralla…
Para que sexa unha exposición xusta, as persoas candidatas esperan a súa quenda fóra da aula para non escoitar as exposicións anteriores e xogar en igualdade de condicións (pódese reflexionar co grupo sobre esta decisión).
Cando acaban de expoñer, saen da aula, avisan á seguinte e quedan fóra, polo mesmo motivo. O resto do alumnado permanecerá atento ás exposicións e irán apuntando preguntas que despois poderán facer. (o tempo varía en función das candidaturas que se presenten, tendo en conta de que dispoñen dun máximo de 5 min. De ser necesario, pode facerse en dúas sesións).
Preguntas aos candidatos/as: Ábrese unha rolda de preguntas, coas persoas candidatas sentadas na fronte da clase. Responden dependendo de a quen vai dirixida a pregunta (o tempo de novo depende do número de preguntas).
Votación: Ponse unha caixa sobre a mesa do profesor/a e entrégaselle a cada alumno/a un cartón no que escribirán a súa elección (as persoas candidatas tamén votan). Pode votarse en branco, escribindo o motivo da falta de decisión. O titor/a encárgase de ler o resultado das votacións, mostrando as “papeletas”. Noméase ás persoas delegadas e subdelegadas da clase.
De forma individual cubren o cuestionario: “Avaliación da unidade de titoría”
Materiais necesarios:
- Furna e papeletas