Consideracións iniciais

Coñecementos técnicos:

  • Diferenciar os diferentes conceptos asociados ó xénero e ó sexo, así como a súa expresión e orientación.
  • Como os estereotipos, os roles de xénero e a expresión e orientación da nosa sexualidade teñen unha base marcadamente machista.
  • Distinguir os conceptos de machismo e de violencia de xénero. A violencia ten a súa causa no machismo, que é un concepto moito máis amplo e arraigado que, en moitas ocasións, non causa rexeitamento social algún. Reflexionar acerca do grao de adaptación da nosa sociedade para convivir co machismo.
  • O feminismo, concepto que defende que homes e mulleres temos exactamente o mesmo dereito a que se respecten e valoren por igual as nosas diferenzas.

Competencia a nivel persoal (emocional) e social:O noso comportamento en temas de igualdade é o que en maior medida promove o pensamento crítico por parte do alumnado, que pode observar que machismo e feminismo non son conceptos que pertencen a homes ou a mulleres, respectivamente. Ter modelos masculinos sensibles, atentos, coidadores… fortes, que exteriorizan e se senten fortes recoñecendo e xestionando as súas emocións e as do alumnado no desempeño da súa labor docente e modelos femininos fortes, valentes, autosuficientes, capaces de amosar sensibilidade con absoluta seguridade, atención e coidados é o que en maior medida pode remover conciencias no noso alumnado e entender que as diferenzas, lonxe de supoñer unha cuestión de xénero, son unha cuestión persoal. Todas as persoas temos o mesmo dereito a que estas diferenzas sexan respectadas. Esta mensaxe ten que estar presente, de forma directa ou indirecta, no noso traballo diario.

Introdución

O Instituto Nacional de Estatística, nos seus informes “Mujeres y hombres en España”, publica e actualiza o estado da desigualdade existente por razón de xénero en temas de emprego, de salarios, de educación, de saúde, de conciliación traballo-familia, en ciencia e tecnoloxía, en delito e violencia e en poder e toma de decisións.  O machismo atópase tras estas cifras e a escola é un lugar moi apropiado para traballar en temas de prevención, tanto a nivel primario (poñendo en cuestión os diferentes estereotipos que existen na nosa sociedade referentes ao xénero), como a nivel secundario (traballando na prevención de comportamentos de risco), como terciario (denunciando calquera tipo de violencia cara a unha persoa por unha mera cuestión de xénero).

A base desta violencia témola nos estereotipos, que son transmitidos por medio da educación, da cultura. É desde o ámbito educativo onde debemos facer un gran esforzo por erradicalos e por previr a súa aparición, desde un punto de vista inclusivo. O machismo, os estereotipos de xénero, non só fan dano ás mulleres (aínda que en maior medida, as súas consecuencias sexan sufridas por elas), tamén son dañinos para o home, xa que lles impide un desenvolvemento a nivel socioemocional promotor de relacións igualitarias e gozosas.

Nesta unidade de titoría traballaremos nos niveis primarios e secundario de prevención, facendo un traballo necesario para reflexionar sobre os estereotipos e todos aqueles comportamentos, expectativas, roles… que están asociados culturalmente ao xénero. Analizarémolos desde unha perspectiva crítica e enlazarémolos coa vida cotiá do noso alumnado. O tema da prevención da violencia de xénero, aínda que moi vencellado a este tema, será tratado de forma independente, noutra unidade, por tratarse de previr condutas delituosas, de risco. Estereotipos e roles de xénero son aspectos pertencentes á cultura, sen tipificación no código penal, aspectos sobre os que debater e sobre os que debemos promover o pensamento crítico. A violencia de xénero é un delito tipificado no código penal en diferentes graos de gravidade, non hai debate, hai leis e hai xustiza. Misturar feminismo, igualdade con prevención da violencia de xénero pensamos que pode causar confusión e requiren de tratamentos diferenciados para que o alumnado poña claramente a liña divisoria dende os primeiros momentos da formación.

Se, no transcurso desta unidade, saen temas de violencia de xénero (habitual), simplemente o faremos notar e emprazarémonos falar destes temas na unidade de prevención de condutas de risco, que podedes comezar na parte de sesións adicadas a prevención da violencia de xénero xusto a continuación desta unidade, xa que asenta nos e é consecuencia dos aspectos culturais que traballamos nesta unidade.

 

Obxectivos

  • Conseguir que o alumnado vexa o machismo como unha parte da cultura que dana a ámbolos sexos.
  • Clarificar o termo de igualdade e os seus conceptos asociados no campo da ideoloxía de xénero.
  • Recoñecer e favorecer a ruptura cos estereotipos e roles sociais tradicionalmente asignados.
  • Desenvolver o pensamento crítico fronte aos modelos masculinos e femininos que imperan a nivel cultural.
  • Reflexionar sobre a riqueza das diferenzas e a necesidade de vivir nun mundo igualitario, feminista.
  • Identificar e rexeitar mensaxes sexistas ou discriminatorias e promover o uso dunha linguaxe non sexista.
  • Desenvolver habilidades para a solución ou xestión dos conflitos por razón de xénero.

Contidos

Sesión 1: Conceptos.

Sesión 2: Autocoñecemento e reflexión acerca do sexo-xénero. Diversidade afectivo-sexual.

Sesión 3: Os efectos dos estereotipos e dos roles de xénero na nosa vida.

Sesión 4: Os efectos dos estereotipos e dos roles de xénero na nosa visión do mundo.

Sesión 5: De onde vén e onde nos leva o machismo na nosa sociedade.

Metodoloxía

A metodoloxía, como nas demais unidades de titoría que propoñemos, é de índole participativa. O alumnado será o principal protagonista da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas por equipos, de gran grupo, por parellas, de lapis e papel…

Temporalización

Esta unidade desenvólvese durante 5 sesións de 50 min. de duración e con frecuencia semanal.

Indicadores de avaliación

Para avaliar o proceso, no modelo que usades para deseñar cada sesión dispoñedes dun apartado, que poderedes completar con anotacións.

Para a avaliación dos resultados, dispoñedes na última das sesións do Cuestionario de avaliación que cubrirán os alumnos/as. Podedes solicitar información ao profesorado acerca de se observan algún tipo de cambio nas relacións entre mozos e mozas, observar cambios nos espazos e tempos ocupados no centro…

    Conceptos relacionados coa igualdade.

    Como en todas as unidades de titoría, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo a plantilla de deseño de sesións. Nela, poderedes ir anotando aqueles contidos que mellor se adapten ao voso grupo de alumnos/as e ás súas potencialidades e necesidades.

    Creamos a disposición en “U” na clase (5 min).

    Presentamos a nova unidade de titoría, sen dar moita máis información que o tema xeral que imos tratar, xa que o que realmente nos interesa nesta primeira sesión é avaliar os coñecementos previos e a actitude do alumnado ante as palabras igualdade e feminismo (5 min).

    Escollemos unha das dinámicas para a formación de equipos de traballo (5 min).

    Por equipos, comezamos a avaliación dos coñecementos previos sobre este tema, mediante a dinámica “O Quebracabezas da igualdade”, dispoñible no apartado de accesos desta sesión, nas dinámicas para a igualdade (15 min).

    Corrección do quebracabezas en gran grupo (10 min): Explicamos aqueles conceptos e exemplos asociados que máis lles custou distinguir, salientando as diferenzas. Podemos ter en conta para a explicación:

    • A igualdade non consiste na idea de que todos sexamos iguais, senón en que calquera persoa ten exactamente o mesmo dereito a que se respecten as súas diferenzas e a que se lle dea valor.
    • A diversidade é un aspecto moi a valorar, a uniformidade é aburrida.
    • Os roles de xénero diferéncianse dos estereotipos en que os primeiros teñen que ver coa posición, o traballo, as tarefas… que cada sociedade espera de cada persoa polo feito de ser home ou de ser muller. Os estereotipos, son aquelas características a nivel de personalidade que cada cultura supón que son máis de homes ou de mulleres.
    • O machismo é definido na RAE como “Actitude `de p`repotencia dos varóns respecto das mulleres. Forma de sexismo caracterizada pola prevalencia do varón”.
    • O feminismo é definido na RAE como “Principio de igualdade de dereitos da muller e do home”.
    • Antes o “hembrismo”, agora o término “feminazi” son pseudopalabras, xa que non están recoñecidas pola RAE, son construtos que usa o machismo para facernos pensar que o feminismo é outra cousa do que realmente é.

    Podemos, se temos tempo, poñer un vídeo que, de forma científica, ofrécenos a oportunidade de reflexionar acerca das nosas filias, das nosas fobias e do contrario que é á nosa propia historia evolutiva clasificar ás persoas por aspectos que só son superficiais. Tédelo dispoñible no apartado de accesos desta sesión (10 min).

    Volvemos colocar a aula (5 min).

    Accesos:

    Crear disposición en forma de “U”

    Dinámicas para a formación de equipos de traballo

    Dinámicas para a igualdade

    Vídeo: The DNA Journey

    Descargas:

    Plantilla para o deseño de sesións

    Diferenzas entre homes e mulleres por razón de sexo e asociadas ó xénero.

     

    Crear a estrutura de clase en “U” (5 min).

    Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior (conceptos relacionados coa igualdade e vídeo) (5 min).

    Propoñemos para empezar o tema de hoxe unha dinámica en gran grupo. Para iso pedimos unha persoa voluntaria para que debuxe no encerado siluetas grandes, representativas dos xéneros. Pedímoslles que nos vaian dicindo adxectivos, que iremos colocando dentro dunha ou doutra silueta, dependendo se consideran que son máis característicos dun ou doutro xénero. Aqueles que consideren que son globais escribirémolos no espazo que queda fóra das siluetas (10 min).

    Debate en gran grupo, para o que podedes usar estas preguntas ou aquelas que pensades poden ser potentes para que entendan que as diferenzas son propias, individuais, en calquera dos aspectos e que a clasificación só serve para xerar desigualdades (10 min).

    • Coñecedes a algunha persoa que non encaixa nestas siluetas?
    • Hai algún persoaxe famoso que vos chame a atención por non amoldarse a estes esquemas?
    • Son máis os homes ou as mulleres os referentes que buscan saír destes esquemas?
    • Cando se trata dun home… asociamos a súa forma de comportarse coa súa orientación sexual?
    • Como pensades que afecta o medo a “non encaixar” nesas siluetas na vosa vida?

    Vídeo: Un deportista de élite da selección de waterpolo, en accesos desta sesión (5 min).

    Traballo individual: Ben dende a aula virtual, dende un cuestionario online ou en papel (despois teredes que pasalo vós ó ordenador) pedimos que escriban de forma anónima e sinceira en que senten que non encaixan nas representacións do encerado. Recollemos as súas reflexións e gar´dámolas para comezar a seguinte sesión (10 min).

    Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min)

     

    Accesos:

    Descargas:

    Os efectos dos estereotipos e dos roles de xénero na nosa vida.

    Colocación do mobiliario na aula (5 min).

    Repaso da sesión anterior. Que lembran? deberan saír aspectos como a disconformidade coa cultura do xénero no que respecta ás características persoais que se espera que cumpramos polo feito de ternos asignado un determinado sexo ó nacer  (5 min).

    Posta en común das reflexións individuais levadas a cabo na sesión anterior: A persoa titora entrega ao primer alumna/o unha das reflexións, ó azar, que na anterior sesión fixeron de forma anónima e individual. A alumna ou alumno a le en voz alta. Só hai espazo para a escoita. Podedes escoller unha música ambiente que dea acompañamento a este ambiente de escoita na clase. Entrégaselle ó seguinte a segunda reflexión, a le en voz alta, e así sucesivamente ata que todas as reflexións collen voz e espazo na aula (15 min).

    Traballo de reflexión grupal (15 min).

    • Pensades que sodes moitas ou poucas as persoas que senten incomodidade ó buscar “encaixar” no patrón?
    • Cada alumna, cada alumno, ten o papel que leu en voz alta. Pedimos que se poñan en pé aquelas persoas que pensen que o seu papel escribiuno un home. Apuntamos o número no encerado. Pedimos que senten as persoas que teñan mensaxes que expresen satisfacción co papel que se espera deles. Cantas quedan en pé? Apuntámolo no encerado. Facemos o mesmo coas persoas que pensen que o seu papel escribiuno unha muller e apuntamos os mesmos resultados.
    • Hai alguén que non soubese distinguir se o papel o escribiu un home ou unha muller? De ser así, len de novo o contido da reflexión e en gran grupo opinades sobre a súa clasificación e reflexionades acerca de se expresa ou non incomodidade co esperado, apuntando os resultados na pizarra do mesmo xeito.
    • Comparades os resultados do encerado coa realidade da aula… acertaron ó clasificar as mensaxes?
    • Hai diferenzas entre os números? A que pensades que se debe que as mulleres amosen máis incomodidade cos roles e estereotipos que teñen asignados?
    • En que aspectos non encaixan tan ben os homes? (pedimos ó alumnado que ten as reflexións discordantes que as volvan ler e apuntámolas no encerado).
    • En que aspectos non encaixan tan ben as mulleres? (facemos o mesmo que no caso anterior).
    • As diferenzas, poden supoñer privilexios para un dos xéneros?

    Poñemos o vídeo “Estereotipos” e pedimos que reflexionen para a vindeira sesión sobre o que viron nel, se non dese tempo nesta. Tédelo dispoñible en accesos. (10 min).

    Colócase de novo o mobiliario na aula (5 minutos).

    Materiais necesarios:

    • Reflexións ás que chegaron na anterior sesión, impresas para que poidan ser lidas de forma anónima (non manuscrita) e individual.

    Accesos:

    Descargas:

    Os efectos dos estereotipos e dos roles de xénero na nosa visión do mundo.

    Colocación do mobiliario na aula (5 min).

    Repaso da sesión anterior. Que lembran? deberan saír aspectos como a disconformidade coa cultura do xénero no que respecta ás características persoais que se espera que cumpramos polo feito de ternos asignado un determinado sexo ó nacer  (5 min).

    Dinámica. A exteriorización dos roles e estereotipos de xénero. Pedimos que se poñan en pé e que leven a cabo distintas condutas de forma xestual, na zona central da “U”, que permitan identificalos e identificalas como homes e coma mulleres. Deixamos que se expresen (5 min).

    Posta en común en gran grupo (10 min): Dividimos o encerado en 3 zonas, unha con símbolo da muller, outra do home e outra sen símbolo algún. Cada alumno/a conta o comportamento que escolleu para identificarse como home e o que escolleu para identificarse coma muller e ímolos apuntando no seu lugar no encerado. Se algunha persoa escolleu a mesma xestualidade para home que para muller a apuntamos na zona que deixamos valeira de símbolo.  Se a pantalla e o encerado son o mesmo soporte, sacamos foto das anotacións para despois poder proxectala.

    Poñemos o vídeo “Cosas de chicos”, en accesos nesta sesión (10 min).

    Reflexión en gran grupo (10 min).

    • Pois iso… se pensades que é ridículo para eles, por que o vemos normal para elas?
    • Pensades que tanto a letra da canción coma os titulares das revistas corresponden coa realidade?
    • E a forma de bailar e o vestiario?
    • Que vos pareceu a conversa que manteñen os 3 homes? Cales eran as súas queixas?
    • Algún ou algunha de vós participou nunha conversa semellante?
    • Repasemos o encerado e busquemos parecidos co vídeo que acabamos de ver. Como vemos o mundo se o clasificamos en home-muller?
    • Sentídesvos cómodos e cómodas con estas representacións?
    • Que pensades que pode estar na vosa man facer para cambiar esta realidade?

    Colócase de novo o mobiliario da aula (5 min).

    Accesos:

    Descargas:

    De onde vén e onde nos leva o machismo na nosa sociedade.

    Colocación do mobiliario na aula (5 min).

    Repaso da unidade (10 min): Que lembran?

    • Comezamos traballando unha serie de conceptos… lembran cales eran?
    • Na segunda sesión traballamos debuxando unhas siluetas no encerado que foron enchendo… a que conclusións chegaron?
    • Na terceira sesión reflexionamos acerca de como nos sentimos no patrón que temos asignado. Que reflexións vos provocaron?
    • Xa na cuarta vimos como o mundo non se ve igual, actuamos e comprendemos o mundo de forma diferenciada?

    Dinámica de reflexión en gran grupo (15 min): Podedes escoller preguntas entre as seguintes e/ou ir preguntando conforme a conversa vaia fluíndo no grupo. É importante que eles/as comprendan de onde vén tanto a súa expresión de xénero como a forma en que as decisións non son do todo libres nunha sociedade machista.

    • Cando comeza a expresión de xénero? É voluntaria?
    • Como podedes distinguir se un bebé é neno ou nena se o vedes na súa cadeiriña de paseo?
    • Que xogos vos regalaban cando erades pequenos e cales pediades vós?
    • Se tedes irmáns ou irmás de distinto xénero… vedes diferenzas na vosa educación?
    • Que piropos se usan para os nenos? E para as nenas?
    • As letras das cancións que escoitades, poderían ser traducidas ó outro sexo e seguirían soando igual de “normais”?
    • Cando de pequenos/as vos preguntaban que queriades ser de maiores? Cal era a vosa resposta? Contestan individualmente. Cantas persoas contestarían exactamente o mesmo se nacesen con outro sexo asignado?
    • Cando facemos o feminino de certas palabras “zorro-zorra” “galo-galiña” “golfo-golfa” “perro perra” “cojonudo coñazo” “sogro sogra”… que ocorre? Pensades que é casualidade? Como cres que isto pode afectar  a mulleres e a homes?
    • E nos xogos, nos videoxogos? Hainos de nenas e de nenos? Que ensinan ás nenas e que ensinan ós nenos? Segue parecéndovos casualidades?
    • A que modelo de familia, de traballo, de relacións, de dereitos… pensades que vos levará este esquema único?
    • Só as mulleres teñen dereito a seren feministas?

    Vídeo: Diversidad sexual (15 min coa reflexión sobre el).

    • Como pensades que se pode sentir unha persoa que non se sente dentro dun sistema sexual binario cunha orientación heterosexual ou que incumple calquera dos cánones que lle corresponde polo sexo que lle asignaron ó nacer?
    • Parécevos xusto que unha forma de vivir a sexualidade marque tanto todo dende que nacemos?
    • Que poderiamos facer diferente?
    • Que valentía hai en facer en todo momento o que se espera de nós?

    Entregamos o cuestionario de avaliación desta unidade e pedímoslles que o cubran e entreguen na vindeira sesión.

    Colócase de novo a aula (5 min).

     

    Accesos:

    Descargas:

    Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

    ACEPTAR
    Aviso de cookies