Deseño de sesións da Rede de alumn@s solidari@s A trote

Presentación, cohesión e asertividade.

Como en todas as unidades, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo o modelo de deseño de sesións.

Para estas sesións é importante manter unha estrutura de aula zonal: Cunha zona para o desenvolvemento das dinámicas e as postas en común en gran grupo e outra zona para o traballo en equipos.

  • Podemos comezar cunha dinámica de presentación, para iso podedes escoller a que máis se adapte ao voso grupo (en accesos). (10-15 min)
  • Para continuar, presentamos a unidade de convivencia: Que imos facer?, Que é unha RAS?, Que características deben ter os alumn@s solidari@s? Para que serve unha Rede de alumn@s solidari@s? (15 min-Diapos 1-5 da presentación, en descargas desta sesión). Tedes tamén en descargas un pdf con información para o alumnado sobre a RAS.
  • Escollemos unha das dinámicas de cohesión grupal e levámola a cabo, coa reflexión. É moi importante cohesionar ao grupo para que a Rede funcione correctamente(20 min).
  • Continuamos cunha das características que debemos traballar para comportarnos como auténticas persoas solidarias: a asertividade. Para iso propoñemos o seguinte proceso:
    • A asertividade: un estilo de comportamento. Dispoñedes da diapo 6 para explicar que é e para que serve a asertividade e da ficha “Estilos de comportamento” para diferenciar a asertividade dos outros dous estilos (agresivo e pasivo) de comportamento que adoitamos utilizar (10 min).
    • Práctica de asertividade: Podedes agora presentar a diapositiva 7 para, en gran grupo, unir cada frase de cada unha das columnas que din o mesmo e decidir cal das formas é a asertiva. Na diapo 8 tedes a solución desta actividade (15 min).
    • Queixas e opinións agradables: Como dalas e recibilas de forma asertiva. Podedes traballar as pautas desde a diapo 9 e a ficha “Queixas e opinións agradables. Teoría“, en descargas desta sesión (10 min).
    • Práctica de queixas e opinións agradables mediante role playing. En descargas tedes casos que podedes distribuír entre alumn@s voluntari@s para escenificar e poñer en práctica o aprendido. Cada caso preséntase cos dous puntos de vista, para que poidan interactuar (30 min). É moi importante que entendan a importancia de ter en conta as necesidades da outra persoa á hora de facer e recibir tanto críticas como opinións agradables.

Accesos:

Descargas:

Os conflitos e a súa resolución pacífica.

Non vos esquezades de descargar o “Modelo para o deseño de sesións” e imprimila para, nela, ir escollendo os recursos que vos parezan máis adaptados ao grupo.

  • Preparade a aula con dúas zonas: unha para o traballo en equipos e outra para a súa exposición e realizar as distintas dinámicas (5 min).
  • Repaso da sesión anterior: Preguntamos que lembran da sesión de presentación. Deben saír os temas de: que é unha RAS, para que serve, que características deben ter os alumn@s solidari@s, que é a asertividade, para que serve e de que forma usar este estilo de comportamento para dar e recibir críticas e opinións agradables. Podemos usar a presentación para facilitar o recordo. (10 min)
  • Comezamos a sesión de hoxe presentando o tema que nos vai a ocupar toda a sesión: os conflitos, que son? son “malos” de seu? ou son algo normal co que hai que contar cando convivimos con outras persoas? como creedes que debemos afrontalos? debemos evitalos? debemos enfrontarnos a eles? é mellor afrontalos de forma pacífica? (10 min-diapo 10).
  • Vemos as partes que interactúan nun conflito: as persoas, o problema e a situación. Explicamos que, se analizamos o conflito de forma que entendamos cada unha das súas partes, será máis fácil afrontalo de forma pacífica. En descargas tedes unha ficha informativa para descargar e poder entregar aos alumn@s (5 min-diapo 11).
  • Facemos unha das dinámicas de competencia social para a resolución de conflitos. Esta experiencia será a que nos permita que entendan mellor os diferentes modos de afrontar os conflitos e que deixen de velos como algo que se debe evitar, son en si mesma nosa forma de aprender, se logramos afrontalos de forma pacífica. Pedir aos delegad@s de clase que, de se dar a casualidade de que en titorías usen a mesma dinámica cos seus compañeir@s, avisen ao seu titor/a, para non participar ou, de facelo, non interferir na súa aprendizaxe (20 min)
  • Unha vez fixemos a dinámica e reflexionaron, presentamos os distintos tipos de afrontamiento ante un conflito, apoiándonos na experiencia que acaban de ter e nos aspectos que se tiveron en conta (persoa, problema, situación) con cada tipo de afrontamiento. Son 5 estes tipos de afrontamiento: competitivo, evitativo, acomodativo, cooperativo e colaborador. Poñer en práctica formas de afrontamiento cooperativas e colaborativas será o que en maior medida promova a aprendizaxe e o afrontamiento pacífico. En descargas tedes a ficha informativa para o alumnado (10 min-diapo 12).
  • Moitos dos conflitos que ocorren teñen a súa base nos rumores, nunha mala comunicación. Podedes facer unha das dinámicas propostas, dentro de competencia social, para traballar a comunicación (15 min).
  • Os conflitos que os delegad@s deben atender non deben ser excesivos na súa complexidade, para estes casos existen xa os servizos de mediación nos centros ou os protocolos que se establecen no RRI. É o momento de explicar en que poden e en que non deben intervir, só derivar. Para iso, tedes dispoñible a diapo 13, para entender de que forma poden intervir en pequenos conflitos e en que casos deben derivar (todo depende do voso RRI) (10 min).
  • É o momento xa de practicar de que forma poden intervir en pequenos conflitos cotiáns. Para iso, poden ser eles mesmos quen, por parellas, escenifiquen un conflito cotián, no que interveña o delegado/a, mediante a técnica de role-playing (20 min).
  • Reflexionamos en gran grupo: Lembramos que un alumn@ solidari@ non é un chivato, nin un mandón, nin un policía… non é cuestión de que teñan que decatarse de cada conflito que sucede na súa aula. Se lles coincide, poden ofrecer a súa axuda, chegará o momento no que serán os seus propios compañer@s quen lla solicite. Se se comportan como policías ou como chivat@s, afastaranse do obxectivo (5 minutos).

Accesos:

Descargas:

Rede de axuda entre iguais

Colocación do mobiliario da aula.

  • Repaso da sesión anterior. ¿Que lembran?. Dispoñedes da presentación para repasar o visto ata agora (5 min)
  • Presentación da sesión: Nesta sesión imos empezar a ver de que forma podemos ser capaces de non só axudar puntualmente a trasladar unha queixa ou a resolver un pequeno conflito. Imos empezar a formar a Rede de alumn@s solidari@s. Para iso, necesitaremos ir pasando por unha serie de fases, que nos levarán desde a detección de necesidades ata a avaliación das actividades que puxemos en marcha para darlles resposta. Para iso, nesta sesión diremos en que consiste unha rede de axuda e chegaremos desde a detección das necesidades ata a elección dunha actividade que lle dea resposta. Na sesión da semana próxima iremos desde a planificación desa actividade ata a súa avaliación (5 min)
  • Que é unha rede de axuda: É un conxunto de persoas que se organizan para dar resposta ás necesidades doutras (e as súas propias). No noso caso, está formada polos delegad@s de clase e aqueles alumn@s que, voluntariamente, queiran participar nalgunha das actividades que se programen desde a RAS. Todo iso será coordinado co centro por medio do profesor/a da Comisión de convivencia, e formador deste taller. (5 min-diapo 14).
  • Primeiras fases: Desde a choiva de ideas acerca das necesidades ata a proposta de actividades para darlles resposta. Na presentación e no pdf (Pax. 1-3) que tedes en descargas poderedes atopar as diferentes fases que podedes seguir. A idea é que se dean conta de que seguindo un proceso e traballando en equipo é moito máis fácil e divertido chegar a implementar actividades do seu agrado e que dean resposta ás necesidades dos seus compañeiros/as.
    • Propoñemos comezar por unha choiva de ideas acerca das necesidades que cren que poden ter os seus compañeir@s, relacionadas principalmente con 3 grandes áreas, que podedes suxerir ou deixar que sexan os propios delegad@s quen chegue a esta conclusión (estudos, convivencia e dinamización do centro). (10 min-diapo15)
    • A continuación propoñemos clasificar estas necesidades nos 3 grandes grupos (ou noutros que decidades). Dentro de cada grupo, priorizamos, seguindo dous criterios: en primeiro lugar aquelas necesidades que levan implícito que algún compañeiro/a estea sufrindo, como segundo criterio, o número de`compañeir@s que se beneficiarían se eliximos respostas a esta necesidade. Para facelo de forma cómoda, suxerimos anotar cada unha das necesidades detectadas nun pos-it, para despois pegalos de forma ordenada en diferentes follas de “Estudos “, “Convivencia” e “Dinamización” (10 min-diapo 16)
    • Ahora, Agora, dentro de cada grupo, escollemos a necesidade prioritaria. As demais deixámolas pendentes, para atender durante o curso. Nesta unidade, aprenderemos cunha das necesidades, para que deste xeito aprendan os diferentes pasos e vexan a utilidade de levar a cabo procedementos. Esas 3 necesidades prioritarias, escribímolas facendo 3 columnas na lousa co seu título de encabezado e podemos pedirlle a 3 voluntari@s que vaian pasando o que fagamos na lousa a folios en branco. Este paso consiste en concretar esa necesidade, dicir que é o que necesitan dunha forma máis concreta, máis medible. (15 min-diapo 16).
    • É o momento de formar equipos de traballo. Cada delegado/a escolle en que necesidade lle gustaría traballar. Ha de chegarse a un consenso, para que os equipos queden equilibrados. Deben entender que todos van acabar formando parte dun mesmo equipo, isto é só unha repartición de tarefas para axilizar os procesos. As 3 necesidades son prioritarias e atendelas é un dos propósitos da RAS (5 min-diapo 16).
    • Unha vez formados os equipos, cada un deles debe dicir que fortalezas ten cada compoñente para atender a esa necesidade, que debilidades teñen, cales son as súas ameazas e cales as súas oportunidades. Tedes as explicacións, tanto na presentación como no pdf para entregar aos delegade@s (20 min-diapo 17).
    • É o momento de descansar un pouco, facendo unha dinámica de cohesión grupal, que podedes elixir entrando en accesos (15 min-diapo 18).
    • Facemos un repaso do que fixemos xusto antes, ¿queda algo pendente?. Agora deben unir cada necesidade e cada ameaza coas súas fortalezas, en forma de frases e cada debilidade coas oportunidades que o centro lles ofrece. Queda algunha necesidade pendente de dar resposta? Deberán remarcala dalgunha forma (10 min- diapo 19-20).
    • Colocámonos na zona en forma de “U”. É o momento de explicar as nosas conclusións e de ver se alguén da RAS pode ofrecer algunha idea para dar resposta ás necesidades que cada equipo pode ter sen cubrir. Tamén deben pensar no centro, nos seus compañer@s de clase, nas asociacións da contorna, no Concello… (15 min-diapo 21).
    • Volvemos ó traballo en grupo, se algún delegado/a atopa que ten máis que achegar a outro equipo e no seu pódeo facer outra persoa, pode ser conveniente que se cambie de equipo, para aproveitar mellor as súas fortalezas. É o momento xa de reunirse e pensar que actividade pode propoñerse para dar resposta a esa necesidade en maior medida. É o momento de ser creativos/as (10 min-diapo 21).
  • Se nos dá tempo, podemos facer a lectura de “Que es? Cenoria? Ovo? Café?” ou deixala para a próxima sesión, para o seu comezo. Tédela dispoñible en descargas (10 min-diapo22).

Accesos:

Descargas:

Dinamización do centro

Colocación do mobiliario na aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior: Para repasar a sesión anterior, podedes usar a presentación  (5 min).
  • Presentación da sesión: Hoxe veremos de que forma imos conseguir dinamizar o centro, para facelo máis interesante e útil para o alumnado. Para explicar en que consiste dinamizar e que se dean conta de que xa están nun proceso de dinamización, podemos apoiarnos na diapo 23 (5 min)
  • Comezamos retomando os equipos: Cada equipo prepara unha presentación coa que defender que a actividade que eles/as propoñen é a primeira que debe poñerse en marcha no centro (10 min-diapo 24).
  • Cada equipo expón as súas razóns e os seus motivos aos demais. Dispoñen de 5 minutos cada un (15 min-diapo 24).
  • Votación: Todos os delegados votan, de forma motivada e individual que actividade debería poñerse en marcha en primeiro lugar. Deben ser capaces de ser obxectivos e neutrais, decidindo o mellor para os seus compañeiros/as. (10 min-diapo 24).
  • Presentación polo miúdo da actividade elixida por votación: O equipo que desenvolveu a necesidade ata a proposta da actividade conta aos demais delegade@s os pasos que foron dando de forma detallada (10 min-diapo 25).
  • Choiva de ideas: Ocórreselles aos demais algo que poidan achegar para mellorar a idea? (5 min-diapo 26).
  • Dividimos a actividade proposta en pequenas tarefas: Tanto na presentación como no pdf para os delegade@s, tedes un exemplo de como facelo (5 min-diapo 27)
  • Cada delegado/a elixe tarefa, de novo reflexionando acerca das súas fortalezas, en que pode ser máis útil? (5 min-diapo 27)
  • Traballamos en equipos, cada equipo unha tarefa. Cal é a nosa meta? Cales os nosos obxectivos para alcanzala?. De novo, dispoñedes de exemplos tanto na presentación como no pdf (10 min-diapo 27).
  • Volvemos á zona en “U” . Expoñemos as nosas conclusións. Todos de acordo? Todo o que se necesita en cada equipo forma parte dos obxectivos dos demais? Alguén pode achegar algún dato novo que sexa interesante ter en conta? (15 min).
  • A partir deste momento, podedes decidir, se seguir a unidade a tempo “real”, é dicir, deixar tempo para que nesta sesión comecen a poñer en marcha cada equipo a súa tarefa e continuar en sesións posteriores cos seus resultados, ou pasar ao plano da “ficción”, imaxinar que xa o fixeron e continuar coa unidade ata o final, para despois só ir proporcionando apoios no proceso. Tanto no pdf como na presentación tedes o desenvolvemento total, que incluiría as fases de preparación da proposta, presentación ao director/a de o centro, aceptación, repartición de tarefas para a implementación, implementación, seguimento e avaliación (diapos 28-31)
  • Entrega de diplomas: En descargas tedes un modelo de diplomas para entregar a cada delegado/a que participou no taller.

Accesos:

Descargas:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies