Deseño de sesións do programa de Mediación escolar A trote

Cohesión e conceptualización.

Como en todas as unidades, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo o modelo para o deseño de sesións. Nel, poderedes ir anotando aqueles contidos que mellor se adapten ao voso grupo de alumnos/as e ás súas potencialidades e necesidades.

Para estas unidades de convivencia é moi recomendable a disposición da aula en forma de “U”.

  • Dámoslles a benvida a todos/as e presentámonos. Estas unidades de titoría adoitan ser implementadas polo orientador/a do centro e a persoa encargada de, neste caso o equipo de mediación , dentro da Comisión de Convivencia. Esta última persoa será o nexo de unión entre o equipo de mediación do centro, o departamento de orientación, o equipo directivo e a propia Comisión de convivencia do centro. Explicar aos alumnos/as o papel de cada un no equipo, se dispoñerán ou non dun espazo propio no que poder reunirse, a existencia dun equipo de mediación en funcionamento (neste caso sería recomendable que participasen tamén na formación, por quendas ou en representatividade, para favorecer a cohesión e a aprendizaxe entre iguais)…. Débese dar información acerca de todos os datos de funcionamento do servizo específicos do centro. (10 min).
  • Debemos ter en conta que estas unidades de convivencia diferéncianse das de titoría en que o grupo pode non coñecerse. É importante cohesionalo e para iso é imprescindible realizar unha dinámica de presentación como a do “Bingo” (en accesos), que lles faga interactuar entre eles/as e atopar puntos en común e lograr un ambiente máis distendido (15 min).
  • Unha vez se presentan, pedimos que lembren aqueles aspectos tratados nas titorías e que cren que poden servir de base para a mediación (saber recoñecer e xestionar as propias emocións e as dos demais, respectar as normas de convivencia, os estilos de comportamento, como dar críticas e opinións agradables, a asertividade, os erros na comunicación, as formas de afrontar os conflitos…). Unha vez identificaron os distintos temas que serán de utilidade, por parellas, tentan lembrar de que forma o traballaron en titorías, expoñendo os seus coñecementos sobre o tema, coa axuda dos demais. É importante que empecen a perder o medo escénico e que se afagan a falar en público con normalidade. Debemos darlles todas as oportunidades posibles para que practiquen. (30 min).
  • Podemos levar a cabo unha dinámica de cohesión grupal, para volver ter un ambiente distendido e favorecer a cohesión do grupo. En accesos tedes as que propoñemos desde A trote, pero son moitas máis as que se poden atopar na internet, só con poñer “dinámicas de cohesión. “Auladeideas” é un dos sitios nos que poder atopar un gran número de dinámicas, agrupadas por obxectivos (15 min).
  • Para continuar, unha vez activamos os coñecementos previos necesarios, empezamos coa presentación desta unidade de mediación escolar entre iguais (tedes en descargas a presentación). Nesta sesión explicaremos en que vai consistir esta formación (esta primeira sesión está pensada para formar grupo e conceptualizar a mediación; a segunda para falar dos conflitos e das técnicas de escoita activa que debemos aprender; a terceira sesión será para falar da premediación, unha fase na que se reciben a ambas as partes en conflito de forma separada, para coñecer a súa versión antes de levar a cabo a mediación; a cuarta sesión será para explicar as fases da mediación propiamente dita e as sesións quinta e sexta serán para practicar, con casos ficticios, pero que si poden darse no contexto educativo) (5 min-diapo2).
  • Seguimos coa diapo3 da presentación, na que presentamos a definición de mediación, así como os principios nos que se basea. Formamos grupos de traballo, para que sexan eles mesmos/as os que conceptualicen cada un dos principios da mediación (grupo imparcialidade, grupo voluntariedade, grupo confidencialidade, grupo eles mesmos chegan á solución e un último grupo que reflexione acerca doutros mecanismos que existen na nosa sociedade para resolver conflitos) (10 min-diapo3).
  • Cada un dos grupos expón as conclusións ás que chegou e o último, tenta resaltar as diferenzas entre a mediación e outros modos de resolver conflitos, baseándose nos principios expostos polos seus compañeiros/as. Todo iso coa axuda e o apoio das persoas encargadas da formación en mediación (10 min).
  • Preguntamos se queda algunha dúbida acerca do que vimos nesta primeira sesión, que foi o que máis lles gustou e que lles parece que sexan eles/as quen, en maior medida cheguen ás distintas respostas. Agradecemos o seu esforzo e a súa voluntariedade para acudir á formación (5 min).

Accesos:

Descargas:

O conflito e as técnicas de escoita activa.

Crear a disposición en “U” (5 min).

  • Repaso da sesión anterior: Preguntamos que lembran da sesión de presentación. Podemos utilizar as diapositivas para lembrar a sesión que hoxe nos toca e o concepto de mediación e os seus principios (5 min)
  • Se en titorías non realizaron algunha das dinámicas de competencia social relacionadas co conflito, sobre todo a das “pezas nun conflito”, pode ser apropiado facelo agora. Se uns o fixeron e outros non, podería facerse de novo, é importante que entendan que, mentres non se teña toda a información, é imposible saber que hai detrás dun conflito. No caso de que todos/as a fixeran, debemos recordar que pasou nesa dinámica antes de empezar a tratar o tema (10-15 min).
  • Poñemos as diapositivas 4 e 5, para conceptualizar o conflito e ver as partes das que consta e entregamos aos mediadores/as a ficha das Partes nun conflito. Falamos de cada unha delas, podemos poñer algún exemplo (5 min).
  • Lembramos, mediante a diapositiva 6 as formas de afrontar os conflitos, facendo fincapé nas formas cooperativas (colaboración e compromiso). Entregamos a ficha de afrontamiento ante un conflito (10 min).
  • Facemos un descanso, mediante unha das dinámicas de cohesión grupal (10-15 min).
  • Empezamos a traballar as técnicas de escoita activa (diapositivas 7-12)
    • Diapo 8: Amosar interese. Para entender a importancia desta técnica, podemos pedir a un dos futuros mediadores/as que nos conten algo, mentres miramos para atrás, colocamos uns papeis, dicímonos algo… Despois pedimos que nolo volva contar, sentámonos de forma que a nosa altura de vista sexa a mesma, un dos formadores/as, vai anotando o que di, o outro/a, asente, pídelle que clarifique algún aspecto… Pedímoslle que o volva a facer, mantémonos nos mesmos roles, pero apáticos, sen ganas, coma se non nos apetecese nada facer o que estamos a facer. Preguntámoslles que lles parece a diferenza entre as distintas actitudes, cal cren que é a que representa “Amosar interese” e que lles parece que nos pode achegar á mediación (10 min).
    • Diapo 9: Clarificar. Para presentar de forma que experimenten a diferenza que supón o poder das preguntas abertas, podemos pedir a un dos mediadores/as, que escriba o nome dun animal, por exemplo, nun papel, de forma que os demais non o vexamos. A continuación todos temos que adiviñar cal é o nome dese animal, para o que só podemos facer preguntas de “Si” ou “Non”. Contamos o tempo que tardamos en adiviñar o nome do animal. Pedímoslle a ese mesmo mediador/a que volva escribir o nome doutro animal nun papel, pero agora poderemos facer calquera tipo de pregunta (con preguntar ¿que animal é? é suficiente). Comparamos tempos e explicamos así o poder que teñen as preguntas, cando son abertas, para descifrar un enigma calquera (10 min).
    • Diapos 10 e 11: Parafraseo e reflexo. Explicamos en que consisten e dámoslles a ficha para practicar ámbalas dúas técnicas (en descargas). Para levar a cabo a práctica, emparéllanse e a cada un dos futuros mediadores/as lle damos un dos casos, que deben ler, para poñerse en situación e contarllo ao seu compañeiro/a coma se fóra a eles mesmos/as a quen lles ocorrese. Se están enfadados, deben amosar enfado, se están contentos, alegría… Por quendas, un cóntao, o outro o parafrasea e reflicte, ata que todos/as practicaran. (15 min). Mantemos as parellas.
    • Diapo 12: Resumo. Explícase e, durante uns minutos, falan entre eles/as, para contar o mellor día da súa vida. O outro escoita atentamente, despois terá que resumir. Por quendas, cada membro de cada parella vai contando o resumo do mellor día do seu compañeiro/a (15 min).
    • Entregamos a ficha “Técnicas para a escoita activa”.
  • É o momento de entender por que é importante dominar estas técnicas para axudar a resolver un conflito mantendo unha posición neutral. Para iso entregamos a ficha de Neutralidade e comentámola (5 min).
  • Practicamos a neutralidade, damos a cada un un dos casos, para que escriban que dirían nesa situación, pódense apoiar nas fichas que lles acabamos de dar (5 min).
  • De un en un len en voz alta as súas respostas e comentámolas (10 min).
  • Lembrámoslles que o próximo día comezamos coa premediación e que as técnicas de escoita activa practicaranas durante toda a formación. Nun principio resulta difícil, pero despois, cando se poñen en práctica, comezan xa a saír dunha forma natural, non deben preocuparse, si ir ensaiando no seu día a día..

Accesos:

Descargas:

A premediación

Colocación do mobiliario na aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior. ¿Que lembran?, Podemos usar a presentación para repasar o visto ata agora (10 min)
  • Contextualización da premediación: A premediación é moi importante para a resolución dun conflito. Nalgúns centros acaban obviándoa, polas présas, pero iso dificulta enormemente a mediación, xa que xorden puntos de vista, datos, cos que non contabamos e que poden exceder as habilidades dos mediadores/as e con iso a súa motivación para continuar no equipo de mediación do centro. A premediación consiste en escoitar a cada unha das partes por separado. Con ela acadamos “durmir” o enfado. Se con todas as emocións a flor de pel as persoas en conflito entran nunha sala para falar, o máis normal é que salten faíscas, que se enfronten, que se forme un estilo de afrontamento competitivo ante o conflito. A premediación, ademais de proporcionarnos a información que necesitamos para lograr mediar de forma exitosa, permite ás persoas liberarse dunha carga emocional excesiva, xa que conseguen falar do seu conflito nun clima neutro, no que se lles escoita, pero non se lles aconsella nin se lles achega solucións, non é un clima de captar adeptos para a súa causa, ademais pónselles cita para resolver o problema, co que saen moito máis tranquilos/as, mellorándose así o clima de convivencia e facilitando unha mediación máis fácil, na que consigamos promover a empatía entre ámbalas partes en conflito. É moi, moi importante deixar claro aos mediadores/as que, tanto na premediación, como na mediación, dar consellos está totalmente prohibido, así como propoñer solucións. É responsabilidade das partes en conflito chegar a un acordo, os mediadores/as o único que deben facer é poñer en práctica as súas técnicas de escoita activa, para que eles/as consigan chegar á solución do problema que lles levou á mediación (10 min)
  • As fases polas que se ha de pasar nunha premediación: Entrégaselles a ficha: Guión da premediación e ponse a diapo 13, na que podemos ir vendo de que forma se pasa por cada unha das fases. Preguntamos que ven de lóxico ou de ilóxico no proceso, que lles parece que non poidan aconsellar, se se dan conta do difícil que será ver claro o equivocada está a persoa ou a pouca razón que ten nos seus argumentos e, á vez, permanecer neutral, sen aconsellar, sen poñerse ao lado do outro… ou ao contrario, ver que unha das partes ten moitísima razón e non poder prestarlle máis apoio que á outra persoa… que tenten reflexionar, contar situacións que viviron de conflito entre outras persoas (sen dar nomes, nin datos identificativos, respectando a confidencialidade), que fixeron e que diferenzas hai entre un amigo/a que aconsella e un mediador/a. Gústavos que vos dean consellos? Que vos digan como dar solución a un problema? Non houbo veces que pensastes: “claro, desde fóra é moi fácil”? (20 min).
  • Descansamos un pouco cunha dinámica de cohesión, ou de competencia social (15 min).
  • Formamos as parellas para a premediación. Se o grupo está cohesionado, podemos deixar que eles mesmos/as sexan os que decidan con quen queren mediar. No caso improbable de que non sexa así, debemos esforzarnos por facer ver as competencias que cada un ten e o que achegan ao grupo, aínda que a reflexión e o traballo ocupe gran parte da sesión. (5 min)
  • Damos a cada un dos futuros mediadores/as, unha das partes dun dos casos, dá igual o sexo, pódese facer ao azar, deben aprender a poñerse na pel de calquera persoa. Ademais de mediadores, tamén van practicar todos/as como partes nun conflito e o texto que lles toque nesta sesión será o papel que teñan nesta e nas vindeiras. Deben aprendelo ben e tentar comprender e defender o punto de vista desa persoa que lles tocou, comportarse como el/ela cando lle toque representalo nunha premediación ou nunha mediación. Cada un debe respectar a confidencialidade do seu personaxe, non pode comentar absolutamente nada del/ela fóra da súa representación no taller de formación. Lembrámoslles que un dos principios sobre os que se asenta a mediación é a confidencialidade, así que esta será unha proba para ver se son capaces de respectar esta norma, que é totalmente imprescindible para pertencer ao equipo de mediación do centro (5 min).
  • Practicamos a primeira premediación. Para iso, pídese que unha das parellas de mediadores/as exerza como tal, xunto coas dúas partes dun dos casos. Mentres un formador/a, prepara a aula, con dúas mesas no centro da “U” e 4 cadeiras, repasa o guión da premediación coas dúas persoas voluntarias para ser mediadores/as, entrégalles as follas para anotar na premediación e axuda a que non se lles esqueza nada. Entre os mediadores/as reparten os diferentes momentos no que intervén cada un, o outro formador/a preparará a “actuación” de cada unha das partes que escenificará o conflito (primeiro con un/unha, despois co outro/a ,é fundamental que cada parte non escoite a preparación da outra, que só saiba o que pon no seu papel). (15 min).
  • Entregamos os demais mediadores/as que non interveñen na premediación unha folla para anotar. Serán os espectadores. Entra a primeira parte en conflito, coa que se fai a primeira premediación. Cando finaliza, coméntanse os acertos que tiveron e as cousas que cren que deben mellorar. A outra parte en conflito espera fóra, mentres se fai a primeira premediación (10 min).
  • Entra a outra parte en conflito e faise a segunda premediación, mentres a outra espera fóra (15 min).
  • Mentres están fóra, as partes anotan como se sentiron durante a premediación, se notaron que lles estaban prestando atención, se notaron que se poñían ao seu favor ou na súa contra… estas impresións entréganllas aos mediadores/as cando finaliza a sesión.
  • As dúas partes esperan fóra a que os mediadores/as, axudados polos seus compañeiros/as, entendan mellor o conflito e sinalen aqueles puntos de unión e discrepancias, información que só parece saber unha das partes, quen parece que está máis enfadado/a… (10 min).
  • Con todos/as de novo na aula, preguntamos que lles pareceu a sesión, como se sentiron os mediadores/as e as partes… a próxima sesión veremos as fases da mediación. (5 min).

Accesos:

Descargas:

A mediación

Colocación do mobiliario da aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior. Que lembran?, Podemos usar a presentación para repasar o visto ata agora  (10 min)
  • Contextualización da mediación: A premediación proporcionounos os datos dos que as partes en conflito están dispostas a falar, sabemos como se atopan, se hai máis persoas implicadas, se eran moi amigos ou non antes do conflito, conseguimos tranquilizalas algo, polo menos xa contaron o que lles sucede nun ambiente neutral e relaxado, xa están preparados/as (e nós tamén) para a mediación.
    Se observamos na premediación que unha das partes sente algún tipo de medo a afrontar o conflito diante da outra parte, débese comunicar ao profesor ou profesora encargada do equipo de mediación, para que opine acerca de se a mediación é a mellor forma de resolver ese conflito ou pode existir algún tipo de desigualdade vítima-agresor, nese caso a mediación non é a mellor solución das que dispón o centro, xa que pode supoñer un mal intre para a vítima, puidera pasar que non se atrevera a contar o seu punto de vista diante da outra persoa, o que suporía unha situación desigual e a mediación para a que nos estamos preparando é “entre iguais”. É moi importante telo en conta e é outra das características dos bos profesionais en mediación entre iguais, saber recoñecer os casos que son indicados para este proceso (10 min).
  • As fases polas que se ha de pasar nunha premediación: Entregamos a ficha: Guión da mediación e ponse a diapo 14, na que se pode ir vendo de que forma imos levando a cabo cada unha das fases. Preguntamos que ven de lóxico ou de ilóxico no proceso, de novo facemos fincapé en resaltar que lles parece que non poidan aconsellar, se lles foi difícil aos mediadores a semana pasada non facelo e conservar a neutralidade (sen dar datos, respectando a confidencialidade). Por que cren que debe empezar falar quen está máis enfadado/a? Cando estamos enfadados/as cústanos máis ou menos calarnos e non interromper? Repasamos cada unha das fases, resaltando o que debe suceder para cambiar de fase, de que forma podémolo saber, as estratexias que poden utilizar para promover a empatía, a forma de concretar os acordos, que deben ser claros e precisos, non un simple “non o farei máis”, “por favor, podes concretar un pouco máis?¿que é o que non farás máis?”, “que propós facer no canto de .?…”, “A ti que che parece?”. Temos que tentar que o acordo ao que cheguen sexa algo máis que unha simple petición de perdón e un “non o fago máis”, isto todos/as témolo moi aprendido desde que somos moi pequenos/as, nunha mediación o acordo final debe ser unha conduta que despois podamos comprobar que se fixo. A mediación non se acaba co acordo, senón coa comprobación de que ese acordo foi cumprido e que o conflito xa non está a danar a convivencia (20 min).
  • Descansamos un pouco cunha dinámica de cohesión, ou de competencia social (15 min). (15 min).
  • Preparamos a primeira mediación. Un dos formadores/as queda na aula, preparando as mesas para a mediación e repasando o caso, as anotacións, as opinións dos seus compañeiros/as, as das partes en conflito. Faremos a mediación da premediación realizada a semana anterior. (10 min)
  • Damos os materiais para a mediación, as follas para anotar, o contrato de acordo, o proceso, a repartición de tarefas entre os mediadores/as (5 min).
  • Mentres isto ocorre dentro da aula, o outro formador/a, un a un, vai preparando fóra o papel das partes no conflito, co que sucedeu nesta semana, mentres non se fixo a mediación.
  • Practicamos a primeira mediación. Entran as partes en conflito, os mediadores/as os reciben e comeza a mediación. Os formadores/as interrompen cando unha das normas non se cumpre e os mediadores/as non fan nada, para modelar como deben facer, vaise parando a mediación cada vez que se cambia de fase, facendo notar o cambio e se é apropiado ou non facelo nese momento, os demais compañeiros/as van anotando nas súas follas a par dos mediadores/as. Se as partes en conflito non están a actuar dentro do papel que teñen no seu personaxe, lles preguntamos por que xa non están enfadados/as, ou por que agora parecen desinteresados nun tema específico. É importante que as partes fagan ben o seu papel, para que os ensaios en mediación funcionen. Se non é así, pode resultar apropiado que os formadores/as substitúan un momento ás partes, para modelar o role-playing (30-40 min).
  • Preguntamos a mediadores/as e partes en conflito como se sentiron, terán máis oportunidades para poder mediar e facer de partes en conflito, agradecémoslles que se prestaron voluntarios/as para a primeira, que é sempre a máis difícil, polas interrupcións e por ter a tantas persoas pendentes do proceso. As seguintes sesións serán só para practicar.

Accesos:

Descargas:

Prácticas mediante role-playing

Repaso da sesión anterior: Repasamos os guións da premediación e da mediación, facemos entrega dos materiais necesarios e escollemos as dúas primeiras mediacións que se van a facer hoxe (mediadores/as e partes en conflito). (10 min).

  • Colocación do mobiliario da aula. En extremos o máis separados posible da aula, colócanse dúas mesas e catro cadeiras, para realizar prácticas de 2 en 2. En cada unha das localizacións estarán os dous mediadores/as, as dúas partes en conflito, un formador/a e dous compañeiros/as que farán de espectadores, para despois ser mediadores ou partes en conflito (5 min).
  • Preparamos as premediaciones: Cada formador/a prepara ás partes no conflito para “a súa actuación” por separado, mentres os mediadores/as e espectadores/as, repasan o guión, a folla de anotacións, as quendas para falar… É importante explicar ás partes, que deben meterse no rol da persoa en conflito, que tenten interromper ás veces, sen pasarse, cando escoiten á outra parte algo que falta á verdade, como faría a persoa real nunha mediación. Tamén deben increpar un pouco aos mediadores/as, se ven que a outra persoa interrompe ou fala máis e eles/as non fan nada por evitalo… (10 min).
  • Levamos a cabo as premediacións: Fóra da aula só quedan dúas das partes do conflito (unha de cada caso) (10 min).
  • Saen as primeiras partes en conflito. Os mediadores/as comentan o sucedido co formador/a e os espectadores/as (5 min).
  • Entran as segundas partes en conflito para a 2ª premediación: Fóra da aula, as partes comentan que sentiron durante a premediación e seguen ensaiando o seu rol (10 min).
  • As partes en conflito quedan fóra, sen poder falar do caso, os formadores/as cambian de mesa de mediación, para que os mediadores/as lles presenten o caso e lles digan como pensan enfocar a mediación (5 min).
  • Cada un ocupa o seu lugar e comeza a mediación. Sucédense as fases ata que se chega a un acordo (25-30 minutos)
  • Mediadores/as e partes comentan como se sentiron, os espectadores/as e o formador/a expresan a súa opinión (5 min).
  • Faise unha dinámica para a cohesión grupal, para distender un pouco o ambiente antes da segunda rolda de mediacións, que se fará de igual forma que a primeira.

Na sexta sesión, pode facerse unha única rolda de mediacións e preparar a entrega de diplomas e unha pequena celebración para festexar a incorporación dos novos mediadores/as ao equipo ou a creación do equipo de mediación no centro. Terán que pensar de que forma van publicitar este servizo, como se van dar a coñecer, se cren que pode ser interesante crearse unha imaxe, en forma de logo cun lema, fotografías deles/as, con bocadillos convidando á mediación… se dispoñen dun lugar no que reunirse, que días e en que momentos o farán… o profesor/a encargado do equipo de mediación pode suxerir ideas e axudar na dinamización do equipo.

Accesos:

Descargas:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies