Deseño de sesións do programa de Educación emocional A trote

Somos seres emocionais.

Nesta primeira sesión, o que buscamos é que os alumnos e alumnas entendan que non é a emoción a fonte dos conflitos, se non o que facemos a partir delas. Tamén pretendemos que eles mesmos/as cheguen a preguntarse se é necesario sentir algún tipo de malestar para mobilizar a nosa enerxía para, por exemplo, aprender, que se dean conta da importancia que ten aprender a regular as emocións para ser competentes a nivel social e que comproben que non todos reaccionamos con idéntica emoción nin comportamento ante idénticas situacións.

Non vos esquezades de descargar o voso modelo para o deseño de sesións, para anotar nel os contidos que pensades que poden adaptarse mellor ao voso grupo de alumnos/as. Comezamos!

  • Creamos a disposición en “U” na clase (5 min).
  • Podemos escoller unha das preguntas tedes para este obradoiro en “Dinámicas de presentación” ou, directamente, pasar á ficha individual, se é que preferides deixar máis tempo para o debate, ou para a reflexión final. (10 min).
  • Cada alumno/a, de forma individual, realiza a Ficha incluída no mes de novembro no “Caderno de Titorías” e que tamén tedes dispoñible en “Descargas” (10 min).
  • Posta en común en gran grupo: “Que sentiriades en cada unha das situacións?” (non deixar espazo para as opinións sobre as emocións que outros/as senten, todas as respostas son correctas), “Como vos comportariades?”, “Cantos pensades que podedes deixar de emocionarvos?”, “Cantos pensades que o que si poderiades facer é controlar o voso comportamento?”, “Que nomes de emocións apuntastes?” (anotamos na lousa), “Cales rodeastes como negativas?” (rodeamos as negativas na lousa, deixamos sen rodear as positivas e rodeamos con liña descontinua aquelas nas que existe polo menos unha opinión discrepante acerca do seu valor positivo ou negativo), “Por que creedes que temos máis vocabulario emocional para aquelas emocións que nos provocan algún tipo de malestar?”, “Que emocións positivas faltan por anotar?”, “Pensades que é importante recoñecer tamén as emocións positivas?” (15-20 minutos).
  • Reflexión final: Se a natureza é sabia e é moi difícil, por non dicir imposible, deixar de emocionarnos, para que pensades que serven as emocións?. (5-10 min).
  • Volvemos deixar a aula como estaba (5 min)

Accesos:

Descargas:

Recoñecemos as nosas emocións.

Non vos esquezades de descargar o “Modelo para o deseño de sesións” e imprimila para, nela, ir escollendo os recursos que vos parezan máis adaptables ao voso grupo.

Nesta sesión imos tentar que o alumnado aprenda a ser consciente da emoción que está a sentir. Para iso, deben aprender a analizar e diferenciar os síntomas de cada unha das seguintes emocións básicas: alegría, tristeza, medo, enfado e sorpresa. Traballaremos por equipos:

  • Crear a estrutura de clase en “U” (5 min).
  • Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior. Deben aparecer aspectos como a diferenza entre sentir unha emoción e comportarse de forma axustada á situación, o pouco probable que resulta o éxito no empeño de non emocionarse e o que si podemos aprender, comportarnos dunha forma adaptada á situación e aos nosos intereses (5 min).
  • Introducimos a sesión: Trataremos o tema de aprender a recoñecer as nosas emocións, segundo o que sentimos no noso corpo, o que exteriorizamos e exemplos de situacións que fan que xurda ese sentimento (5 min).
  • Utilizamos unha das dinámicas para a creación de equipos de traballo (5 equipos), que sentan ao redor de 1-2 mesas (5-10 min).
  • A cada equipo asígnaselle unha emoción: alegría, tristeza, medo, enfado ou sorpresa. Se o queredes facer de forma aleatoria, antes de entregarlles as fichas, podedes escribir o nome de cada unha das emocións e que cada equipo recolla unha das follas. É o momento de traballar a ficha “Recoñecemos as nosas emocións” en equipo (10 min)
  • Posta en común en gran grupo (20 minutos):

Cada equipo sae e expón os resultados do seu traballo. Os demais escoitan e, unha vez finalizan, mostran o seu acordo ou desacordo, achegan novas ideas…

  • Recollemos e gardamos as fichas cubertas polos equipos, xa que serán utilizadas na 4ª sesión.
  • Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min).

Accesos:

Descargas:

Recoñecemos emocións nos demais

Colocación do mobiliario da aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior. Que lembran?, deben saír temas relacionados co recoñecemento das propias emocións, expresións e sensacións que nos provoca cada unha delas (5 min)
  • Presentación da sesión: Aprendemos a recoñecer as nosas emocións, pero tamén é necesario aprender a recoñecer as emocións nos demais. Esta é a forma de saber se está de broma, se o di en serio, se o que di é froito do enfado, se sente vergoña… dependendo da emoción que exprese, entenderemos de forma diferente a súa mensaxe (5 min). 
  • Dinámica para traballar coas emocións: No apartado de accesos desta sesión tedes as diferentes dinámicas que podedes utilizar para traballar o recoñecemento das emocións nos demais. (20 min).
  • Aplicación do aprendido á comunicación en redes sociais: Na sociedade na que vivimos, unha das fontes de conflito máis comúns entre adolescentes (e tamén adultos) proveñen das distintas interpretacións que se fan das mensaxes que se len, xa sexa por whatsapp, en instagram, no facebook… as redes sociais son hoxe un dos medios de comunicación por excelencia e nelas pérdese toda a carga non verbal que se mantén nunha relación cara a cara. O estado emocional de quen escribe, se non usa emoticonas, pode non ser entendido por quen o le, que o fai co seu propio estado emocional. É necesario que traballemos na maioría das unidades de titoría a aplicación do aprendido non só á convivencia dentro da aula, senón tamén nas redes sociais. Nesta sesión é apropiado facelo. Para iso podemos formularlles preguntas como:

Que importancia dades a poder recoñecer a linguaxe non verbal na comunicación? Sodes capaces de distinguir, cando estades cara a cara, se a persoa fala de broma, enfadada ou seria? A mensaxe é o mesma? Que ocorre cando a mensaxe, por exemplo, chégavos por whatsapp? Tedes esa información? Algunha vez isto foi causa dun conflito? Que recursos podedes utilizar para que os demais saiban se estades de broma ou en serio? E para asegurarvos que unha mensaxe non resulta ofensiva?. (10 min)

  • Colócase de novo a mobiliario da aula (5 minutos).

Accesos:

Descargas:

Xestionamos as nosas emocións

Colocación do mobiliario da aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión anterior(tratamos o tema do recoñecemento de emocións nos demais e a súa importancia, así como os recursos dos que dispoñemos para trasladar e recibir mensaxes nas redes sociais) (5 min).
  • Presentación da sesión: Vimos de ver que a linguaxe non verbal, o que expresa o noso estado emocional, é universal e está presente en todo acto comunicativo. É moi difícil, por non dicir imposible, ademais de pouco recomendable, evitar emocionarnos. O que si podemos facer é xestionar esas emocións, comportándonos dunha forma adecuada á situación na que estamos. Para xestionar as nosas emocións debemos deixalas claras de forma verbal e atopar o comportamento máis axeitado para cada unha das situacións e das sensacións que nos esperta cada estado emocional. Para iso, pode ser necesario saír da situación que provoca esa emoción, para tranquilizarnos antes de falar e evitar dicir cousas que realmente non queriamos dicir (5 min).
  • Dinámica para a formación de equipos de traballo (5 min).
  • Traballo en equipos: A cada equipo entrégaselle unha das follas cubertas na segunda sesión, nas que se analizaba cada unha das emocións e explicábanse situacións que suscitaban esa emoción. A partir desta ficha deben encher a ficha de traballo en equipos desta sesión: “Xestionamos as nosas emocións”, que tedes dispoñible nas descargas desta sesión (10 min).
  • Posta en común en gran grupo: Sae un dos equipos, expresan a primeira das situacións nas que se pode crear esa emoción e explican de que forma poden xestionala. Os demais achegan ideas. Un a un, van saíndo os demais equipos (15 min)
  • Colócase de novo o mobiliario da aula (5 min).

Materiais necesarios:

Fichas cubertas na sesión 2 desta unidade de titoría

Accesos:

Descargas:

Xestionamos as emocións dos demais

Colocación do mobiliario da aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior: Que lembran? Deben saír temas como a importancia de tranquilizarnos cando nos emocionamos, por medio do recoñecemento emocional e os recursos dos que dispoñemos para xestionar as nosas propias emocións. (5 min).
  • Presentación da sesión: Cando nos relacionamos con outras persoas, provocamos emocións e tamén nos contaxian o seu estado emocional. Saber recoñecer as emocións nos demais e poñernos no seu lugar (ser empáticos) é o que trataremos nesta sesión (5 min).
  • Dinámica dos taxis. Esta é a dinámica que recomendamos utilizar para traballar a empatía. Atópase no libro “Mediación escolar” de M.C. Boqué e podedes acceder a ela nas Dinámicas para traballar coas emocións, nesta mesma sesión (20 min, incluída a reflexión da dinámica).
  • Realízase en gran grupo a ficha incluída no Caderno titorial para o mes de decembro (podedes tamén descargala no apartado “Descargas e accesos” da sesión). Cada alumno, de forma individual, vai anotando as conclusións (10 minutos)
  • Colocamos de novo a aula. (5 min).
  • Entrégaselles o cuestionario para a avaliación desta unidade de titoría. Se non dá tempo para enchelo nesta sesión pode optarse por deixar que o leven para casa para que o traian cuberto na seguinte sesión ou reservar os primeiros minutos da seguinte hora de titoría para que o cumprimenten.

Accesos:

Descargas:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies