As emocións na aprendizaxe

atrote.irene

Psicóloga e orientadora educativa.
31/12/2021

Emoción e cognición na aprendizaxe:

As emocións na aprendizaxe son inevitables e a aprendizaxe sucede sen querer, en todos os momentos, durante toda a vida.

A habituación é outro dos nosos procesos de aprendizaxe, quizais o máis profundo, porque ocorre a nivel xa inconsciente. Aprendemos a camiñar, a sentarnos, a conducir, a atarnos os cordóns, a ver na TV situacións que ocorren neste momento e noutro lugar e son tantas as veces que o facemos, que nos habituamos, xa non nos emocionamos mentres levamos a cabo o aprendido.

A habituación é o que nos permite dar cada vez un paso máis no noso proceso de aprendizaxe e o motivo polo que somos unha especie que vive con metas de autorrealización, o que buscamos é precisamente emocionarnos co que facemos, cada vez queremos un pouco máis.

Necesitamos habituarnos para avanzar e necesitamos deshabituarnos para comprender.

Crianzas e persoas adultas, dispoñemos dos mesmos recursos?

As persoas adultas vivimos habituadas, vendo fácil o que en realidade foi moi difícil de aprender.

Os procesos de aprender a andar, a correr, a subir e baixar escaleiras, a ver na TV imaxes de gran dureza sen emocionarnos, a ler, a escribir… quizais fosen dos procesos máis custosos, tanto en tempo como en recursos investidos. 

Para as crianzas estes procesos son custosos, emociónanse con cada descubrimento, con cada logro… e vanse tamén habituando, ata que comeza outra nova xeración, normalmente con parecidos e diferentes contidos e procedementos para aprender.

Estas emocións poden xogar a favor ou en contra da aprendizaxe, poden levar a comportamentos resilientes e proactivos ou a comportamentos de disruptividade ou depresivos.

A diferenza entre mostrar un grupo ou outro de comportamentos, ten moito que ver coa nosa competencia para regular as emocións e para establecer obxectivos realistas. Coa intelixencia emocional e a intelixencia executiva.

A intelixencia emocional permítenos superar estados de frustración, inevitables en todo proceso de aprendizaxe, a executiva é a que planifica, dota de recursos a cada subproceso, ségueos, rectifica o que faga falta e avalía.

A intelixencia executiva é o director da orquestra no noso cerebro, a emocional é a que nos leva a estar nese momento alí, aprendendo, ou nos fai fuxir despavoridos ou rebelarnos ó proceso de aprendizaxe.

E a intelixencia executiva non acaba de desenvolverse, como mínimo, ata pasada a adolescencia. Os estudos neuropsicolóxicos así o demostraron, os últimos mesmo chegan a demostrar que non sempre acaba de desenvolverse.

Da nosa habituación nace a incomprensión cara os comportamentos infantís e adolescentes, e algúns adultos, cando son o máis normal, a natureza sempre é sabia.

A natureza fainos vivir sen intelixencia executiva formada e, por tanto, con capacidade limitada de avaliación da situación, planificación, acción, seguimento e avaliación por, entre outras (reflexiono eu) unha razón fundamental: a aprendizaxe que facemos a idades temperás leva consigo tantos riscos e tantos recursos que esta intelixencia, tras avaliar a situación diría: perigo para a integridade, a mellor opción é a inactividade.

De que nos dota a natureza cando nacemos para adaptarnos ao ambiente?

De emocións, básicas, ao principio e que se van facendo complexas conforme crecemos, por mera combinación desas básicas.

Todos os mamíferos nacemos con ese kit emocional, sobre o que agora hai polémica… Son 4 ou son 6?.

  • Paul Ekman atopou nos seus estudos 6 emocións básicas: medo, alegría, noxo, ira, tristeza e sorpresa e fíxoo por medio de estudos transculturais e doutros mamíferos. Se compartimos entre culturas e con outros mamíferos estas expresións, son universais, e por tanto forman parte da nosa equipaxe xenética.
  • Os novos estudos de neurociencias déixanas en 4, poñendo no mesmo grupo a medo e sorpresa, por unha banda, e a ira e noxo, por outro.

Esta polémica tampouco é tan importante para nós, o importante é que os bebés nacen con ese kit emocional e son as emocións as que lles fan parar en seco ante unha situación inesperada ou as que lles levan á acción.

Non existen emocións malas, nin boas, todas son necesarias para a nosa supervivencia e para vivir de forma plena. O que debemos aprender é a xestionalas, para chegar á adolescencia da mellor forma posible, preparados para o desenvolvemento da nosa cortiza prefrontal, da nosa intelixencia executiva.

Como apoiar as súas aprendizaxes?

Entender este proceso é vital para ser educadores, educadoras… non podemos pedirlle peras ao olmo e non podemos interpretar o comportamento infantil desde a mente adulta, porque é diferente.

Os motivos que esconden os comportamentos infantís non teñen os mesmos compoñentes que os adultos e, na gran maioría dos casos, están intimamente ligados a unha regulación emocional pouco adaptativa. Non son capaces de xestionar as súas emocións e non son capaces de deixar de emocionarse. Este círculo pode romperse con educación en xestión emocional.

Calquera emoción é adaptativa e desadaptativa, depende do contexto. Todas son necesarias. Un contexto educativo propicia a aprendizaxe en regulación emocional cando permite que aparezan as emocións no proceso, tan necesarias para mobilizar os demais recursos e, á vez, ensina a regulalas.

Desde casa, un estilo educativo baseado na disciplina positiva é o mellor modo de axudar aos nosos fillos e fillas no proceso.

Desde o colexio, unha perspectiva sistémica e procesos de ensino-aprendizaxe de corte constructivista son a mellor forma de abarcar a diversidade.

Familias e profesorado comparten a gran meta de sumar e axudar ás crianzas desenvolver a súa intelixencia executiva, con base na regulación emocional, o que lles permita afrontar con éxito os conflitos cotiáns e as situacións que implican riscos, á vez que deixar nas súas mans a decisión de ser cidadáns responsables, facerlles sentir protagonistas nos seus procesos.

Nunha sociedade tan anti-todo é necesario máis que nunca políticas prol-convivencia.

Tamén pode ser do teu interese…

Integración-Inclusión
Integración-Inclusión

Comprender as diferenzas entre integración e inclusión é un dos piares básicos para crear un clima de convivencia favorecedor para levar a cabo procesos de ensino e de aprendizaxe con éxito.

0 Comments

Submit a Comment

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies