Esta entrada toca facela en galego.

Durante esta semana tivo lugar en Santiago unhas Xornadas en prol da Cultura Rural galega. O seu obxectivo concreto é o de, sen desaproveitar todo o que xa ten Compostela, aproveitar a riqueza da súa contorna para convertela na Capital do Rural de Galicia. A idea é marabillosa, porque a xeografía do concello de Compostela, con 27 parroquias, o seu pasado cultural tan vencellado ó agro e a gandería, xunto co feito de tratarse da nosa capital, fan que o natural, o lóxico, sexa non desaproveitar todo este patrimonio.

Convídovos a visitar cultRural se queredes saber máis sobre o que ocorreu esta semana en Compostela.

Tiven o pracer de participar nestas Xornadas, xunto con dúas compañeiras, Beatriz Caamaño e Sonia Cabodevila, coas que levo uns meses dando forma a unha idea que xurdiu nun encontro ao que fomos como convidadas, relacionado coas mulleres traballadoras do mar.

Nese encontro, organizado polo Proxecto Candieira, xurdiu a idea de deseñar o currículo para dúas materias de libre configuración autonómica no Bacharelato: “Cultura agropecuaria” e “Cultura Mariñeira”.

Aproveitando que cultRural deunos a oportunidade de presentar o noso proxecto nas súas xornadas e na Radio Galega, podo deixar de contarvos por escrito en que consiste. Podedes escoitalo e ver de que forma nos gustaría desenvolvelo nos centros nas seguintes ligazóns.

A presentación das Xornadas e do noso proxecto na Radio Galega, no programa “Galicia por diante”, o pasado 12 de decembro. A partires do minuto 22 comeza a presentación destas xornadas e é a partires do minuto 39 cando presentamos o noso proxecto.

E aquí deixamos un vídeo-presentación do que sería este proxecto levado a cabo nas aulas. A metodoloxía que propoñemos busca a aprendizaxe por descubrimento (tanto dos contidos coma das propias competencias), nun clima de traballo cooperativo e en base a proxectos.

Se vos gusta este proxecto (ou pensades que habería forma de melloralo), encantaríanos que contactarades connosco. Podedes facelo nos comentarios do facebook ou deste mesmo post, ou escribirnos á seguinte dirección de correo electrónico:

grupo.empoderamento.rural@gmail.com

Moitas grazas e feliz domingo!

Ata a semana que vén!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies