Unidade A trote: rede de alumn@s solidari@s

Unidade de Convivencia

Rede de alumn@s Solidari@s

 

Preparación do taller

Para prepararnos para este taller debemos saber diferenciar as actuacións anti-acoso das actuacións en prol da convivencia. A Rede de Alumn@s solidari@s (RAS) pertence ao segundo grupo de actuacións, tan necesario como o primeiro.

Na medida en que logremos un clima positivo de convivencia no centro, desfrutaremos dun tipo de relacións que non serán caldo de cultivo de situacións de acoso escolar. Con esta actuación, dentro do Plan de Convivencia, o que propoñemos é dinamizar a Xunta de Delegados, para que pase a ser un dos eixos máis importantes de dinamización do centro educativo.

Esta unidade levaríase a cabo tras a primeira unidade de titoría “Creando un marco. Quen me representa?”.

Coñecementos técnicos:

  • Comunicación.
  • Asertividade.
  • Protocolos do centro.
  • Planificación, implementación, seguimento e avaliación de programas.

Competencia a nivel persoal (emocional) e social:

Estas competencias son fundamentais para crear un clima de convivencia favorecedor da aprendizaxe. Desde A trote preparámosvos unha serie de recursos para o profesorado, relacionados coa competencia de Ensinar a aprender.

Introdución

O centro educativo, ademais de ser un lugar para a aprendizaxe, pode ser un espazo no que se proporcione oportunidades para a práctica ao alumnado. Con este taller de formación, que se realizaría tras os programas “Creando un Marco. Quen me representa?”, formaríamos a aqueles alumnos e alumnas que foron elixidos de forma democrática e informada en cada aula como representantes. O liderado, cando é positivo, favorece a dinamización, tanto do centro, como de cada aula e é un dos factores preventivos máis importantes. Na medida que consigamos que os alumnos e alumnas elixidos polos seus compañeiros sexan líderes positivos, estaremos a promover unha convivencia positiva na aula e teremos máis recursos para detectar os conflitos antes de que se convertan en problemas.

Dinamización do centro, oportunidade de experiencias de liderado positivo aos alumnos e alumnas, mellora do clima de convivencia e rede de apoio a alumnos e alumnas con dificultades é o que nos vai proporcionar a posta en marcha da RAS.

Para poñer en práctica este taller, enmarcado dentro do Plan de Convivencia (PC) do centro, necesítase o compromiso da Comisión de Convivencia (CC).

A implementación, seguimento e avaliación do taller, normalmente, correría por conta do Coordinador/a de Convivencia (ou doutro profesor/a pertencente á CC) e do Orientador/a do centro, para o que terían que contar co apoio e soporte de titores e titoras e do Equipo Directivo.

Entender que son os alumnos e alumnas quen en maior medida saben onde, de que forma e en que momento existen conflitos entre iguais debe ser utilizado para transformar eses lugares, comportamentos e momentos en oportunidades para a convivencia pacífica. Será a RAS quen proporá actividades e dinamizará o centro, á fin e ao cabo foron as persoas elixidas polos seus compañeiros/as para representarlles. Esta aprendizaxe en elección e representación, promove ademais a experiencia de ser cidadáns/as responsables.

Obxectivos

Promover a participación do alumnado no centro.

Dinamizar a Xunta de Delegados.

Crear no centro un clima de convivencia positivo.

Dinamizar o centro con actividades do agrado dos alumnos/as.

Dar oportunidades aos alumnos para a resolución de conflitos entre iguais.

Promover un estilo de liderado positivo no centro.

Detectar problemas na convivencia do centro.

Crear redes de protección entre iguais.

Contidos

Na primeira sesión, presentaremos o programa, traballaremos a cohesión grupal e comezaremos o traballo de presentación do estilo de comportamento asertivo, para dar e recibir queixas, opinións agradables e saber dicir que NON nas situacións que o necesitemos.

Na segunda sesión, trataremos o tema dos conflitos, que facer no caso de ser espectadores nun conflito e de que forma podemos axudar a que se solucione dunha forma pacífica e construtiva.

Na terceira sesión traballaremos a creación de equipos de traballo para ofrecer axuda a compañeiros/as que o necesiten, a súa coordinación, planificación, posta en marcha, seguimento e avaliación.

Por último, na cuarta sesión traballaremos a forma de dinamizar o centro, presentaremos de que forma podemos medir o interese do alumnado polas diferentes actividades, o protocolo para a presentación de propostas para a dinamización do centro, a planificación, a implementación, o seguimento e a avaliación.

Metodoloxía

A metodoloxía será activa e participativa, con dinámicas de cohesión e de traballo grupal.

Temporalización

4 sesións con periodicidade semanal e de dúas horas de duración cada unha. Desenvolverase ao finalizar a elección dos delegados de clase, tras a Unidade 1 de Titorías: “Creando un marco. Quen me representa?”

 

O seguimento e posta en marcha da RAS unha vez formada, será levada a cabo polo profesor da comisión de convivencia encargado e co asesoramento da orientadora e do coordinador de convivencia do centro.

Indicadores para a avaliación

Para este taller e para todos, resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.

 

 

Para a avaliación do proceso, nos modelos que tedes dispoñibles para deseñar cada unha das sesións, contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o desenvolvemento de cada unha das sesións.

Para avaliar o resultado deste taller, podedes ter en conta:

  • Número de actividades postas en marcha pola RAS.
  • Información recollida ao profesorado sobre o clima de convivencia nas aulas.
  • Número de propostas que a RAS presenta na Xefatura de Estudos.
  • Grao de participación do alumnado do centro nas actividades postas en marcha pola RAS.
  • Número de casos derivados pola RAS a Mediación/Xefatura de estudos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies