Prevención de condutas de risco na casa A trote
Familias

Prevención de comportamentos de risco

Contextualizamos esta unidade

O primeiro que debo dicir é que a prevención destes comportamentos debe comezar co inicio da educación, non é puntual na adolescencia ou preadolescencia.

Son 3 os niveis nos que podemos facer prevención:

  • Prevención primaria: Cando aínda non observamos ningún indicio, busca evitar a aparición de comportamentos de risco.
  • Prevención secundaria: Empezamos a observar algún indicio, busca frear a progresión.
  • Prevención terciaria: Xa non son indicios o que observamos, comezamos ver sufrir as consecuencias dese comportamento de risco…

Traballaremos na prevención primaria basicamente e os primeiros estadios da secundaria. Nos demais casos, o tratamento debe ser individualizado e realizado por profesionais.

Agrupamos en dúas grandes familias os comportamentos de risco que trataremos nesta unidade: os comportamentos adictivos e os delituosos. No primeiro dos casos, veremos as adiccións ás drogas (legais e ilegais), o consumismo e a adicción ao xogo de azar. No segundo trataremos os comportamentos sexuais de risco (entendido como perigo contra un mesmo), a violencia de xénero, o sexting o grooming e o acoso e ciberacoso.

Introdución
Antes de previr debemos entender que factores son os que en maior medida nos protexen para non desenvolver comportamentos de risco.

A nivel persoal, o factor que se considera máis promotor de comportamentos saudables é un constructo que en psicoloxía chamamos “resiliencia” (veremos que é un pouco máis adiante). A nivel familiar, o estilo educativo democrático (positivo-construtivista) é o que en maior medida promove comportamentos saudables. A nivel social unha contorna que ofreza oportunidades de lecer saudables, saídas a nivel profesional e persoal, que sexa inclusivo, é o ambiente propicio para un desenvolvemento seguro.

Xogando e entendendo cada un destes factores promotores dun desenvolvemento saudable é como enfocaremos esta unidade. Os factores de risco son moitos e moi variados. Só me pararei a explicar os motivos polos que os outros tres estilos educativos (autoritario, permisivo e neglixente) non promoven un desenvolvemento seguro.

No primeiro dos casos, no estilo autoritario, a marxe de decisión é moi curta para o nen@. Son outras persoas as que deciden por el/ela. Dependerá das súas características a nivel persoal (canto de obediente sexa), que desenvolva ou non comportamentos de risco. Se é unha persoa curiosa ou se observa a unha persoa na que confía comezando a desenvolver comportamentos de risco, estaremos nun momento de perigo. Ese estilo autoritario desenvolve ademais por modelado relacións de desigualdade e ocultación de comportamentos cara aos proxenitores, o que pode ter consecuencias de falsa realidade e de problemas entre iguais.

No segundo dos casos, co estilo permisivo, a nosa mensaxe é que todo o que queira, terao. Isto non é verdade. E nós non podemos garantilo. Conforme vai crecendo, o nen@ vai dando conta de que a cousa non pinta nada ben e non sabe, non ten recursos para repoñerse ante unha situación que se lle complica. Ata o momento foron solucionando todo por el/ela e non sabe facelo por si mesmo/a. Con este estilo estamos a deixar atrás a oportunidade de ensinarlle. Iso si, é fácil educar de forma permisiva, evitando os conflitos, facendo todo o posible para que non xurdan, pero… podemos garantir que estaremos sempre aí previndo os seus conflitos ou mitigando as súas consecuencias?. Non saber xestionar a frustración é un dos factores de risco máis poderosos para condutas non saudables, de dano a un mesmo ou aos demais e a permisividade non ensina a xestionar a frustración.

O terceiro dos estilos, o neglixente, é o máis perigoso. Só direi o que, como contorna, podemos facer cando vemos que un nen@, un compañeir@ dos nosos fill@s non ten unha contorna familiar que cubra as súas necesidades máis básicas (alimento, protección e afecto). Debemos levar o caso aos Servizos Sociais do noso Concello e falar cos nosos fill@s para que non permitan que quede á marxe. Como sociedade que formamos temos nosa parte de responsabilidade. Digo só isto porque un pai, unha nai neglixente non estaría a ler isto e, se o estás, benvid@, aínda hai cousas que podes facer.

A resiliencia
A resiliencia é a capacidade para superar a adversidade.

Unha persoa é resiliente se:

  • É capaz de xestionar as súas emocións e dar unha resposta adaptada ás dos demais;
  • Cando pode planificar, poñer en marcha, mellorar e avaliar os seus plans;
  • É quen de tolerar a frustración;
  • Sabe entender os erros como oportunidades para a aprendizaxe;
  • Os seus éxitos e os seus fracasos atribúeos a factores internos e que pode controlar;
  • Sabe como se toman as decisións;
  • É proactiva, sabe anticipar e prever posibles adversidades cando pon en marcha un plan, antes de que sucedan.

Esta característica é o noso foco, a nosa meta como educadores. Na sociedade na que vivimos esta é a característica que mellor promove un estilo de vida saudable. Xa non é o que era, a estabilidade é un concepto do pasado. O mundo no que vivimos está dentro dun cambio permanente, as fronteiras son cada vez máis difusas, empregos que antes tiñan un certo prestixio agora están obsoletos, a información envólvenos, son tantos os camiños que podemos coller e tan curtos que resulta abafador, para nós e para os nosos fill@s. Isto non é bo, nin é malo, é o que é. E dígoo sen un chisco de conformismo, acéptoo. Este é o campo de xogo no que teño que xogar e vouno a facer da mellor forma que poida. Non vivimos nun mundo para as queixas nin para os queixumes, vivimos nun mundo de acción (e reacción).

Outra característica diferenciadora da sociedade que deixamos para os nosos fill@s en comparación coa nosa é que, ata agora, fomos “crecendo” a nivel de economía familiar, de liberdades, de servizos… se vemos cara atrás aos nosos avós, os nosos pais… nós e vemos cara adiante, decatámoons de que estamos nun momento no que non podemos garantir que os nosos fill@s poidan manter o noso nivel adquisitivo. Os seus soldos son máis baixos e as súas oportunidades máis escasas, a vivenda é cada vez máis cara e iso impide o acceso a, por exemplo, coches da calidade dos nosos, vacacións como as que viviron… quizais non poidan permitirse o novo iphone. E a tod@s nos gusta avanzar na vida e poucos sabemos aceptar os retrocesos como o que son, adaptación e reto. Estes últimos son as persoas resilientes, capaces de superar a adversidade. As outras persoas poden desenvolver adiccións, para “tapar” esa sensación de fracaso; ou condutas delituosas, para demostrar a súa superioridade, aínda que sexa facéndo dano a si mesmo ou aos demais.

O panorama non é negro, é multicolor, se es resiliente. Tes o mundo ao alcance da túa man.

É evidente que a resiliencia empeza a desenvolverse desde que naces. Cando non deixamos que o nen@ experimente, estamos a deixar de lado a oportunidade de que o tente de novo, de sentir que os seus éxitos dependen del; cando non lle acompañamos cando sente frustrado, con apoio e con agarimo, facendo que entenda esa emoción como algo normal, estamos a impedir que desenvolva a súa resiliencia; cando non lle deixamos escoller que roupa poñerse, estamos a impedir o desenvolvemento do seu resiliencia; cando nos di “NON” motivando ese non e nós non cambiamos a nosa opinión, estamos a impedir a súa resiliencia; cando pensamos que a meta de todo é a felicidade perenne, estamos a impedir a súa resiliencia… a felicidade sen tristeza, sen frustración, sen enfado, sen dor, simplemente non existiría como concepto. Non existen emocións “malas” nin “boas”, todas son necesarias, só debemos ensinar e aprender a xestionalas. A perfección non entra no concepto de resiliencia.

O estilo educativo positivo-construtivista
É o estilo que en maior medida promove a resiliencia nos nosos fill@s.

Existen críticas, eu penso que baseadas un pouco no descoñecemento, ou na xeneralización de certas prácticas ou correntes que nacen no positivismo, que din que o positivismo é un pouco de persoas ilusas, que cren que a vida é unha procura da felicidade perenne. Desde logo, non o vexo así nin defendo que a vida sexa iso, sería moi cruel pola miña banda dicirvos que a felicidade perenne existe A felicidade, como calquera outra emoción, é caduca.

Unha educación positiva consiste en permitir a experimentación, en ensinar a xestionar as emocións, en desenvolver a resposta empática nos nosos fill@s, en deixar que tomen as súas decisións e, con iso, que celebre ou sufran as súas consecuencias, dando apoio en todo momento, pero deixando un espazo para a experimentación nun ambiente coas súas normas e cos seus límites. Toda a unidade anterior de “Normas e límites” desenvolve e axuda a poñer en práctica este estilo educativo.

Unha educación construtiva defende, neste caso, que é aos poucos como se vai desenvolvendo a resiliencia nos nosos fill@s. O primeiro paso é deixar que experimenten, que se frustren, que celebren os seus éxitos, ofrecerlles oportunidades adaptadas á súa idade e á súa personalidade. Somos, utilizando a metáfora da construción quen, xunto cos seus profesores e profesoras, colocamos as estadas dun edificio que eles constrúen, damos os materiais que necesitan para a súa construción e para a súa protección, dicimos como poden facelo pero… non nos metemos no seu edificio, non llo construímos nós, deixamos que experimenten con outras formas de construílo, e non lle dicimos: “¿ves?”, felicitámoslle cando atopa formas novas, deixamos que corrixan cando non lles sae como esperaban… son eles/as quen deben facelo, equivocarse, volver atrás, avanzar… estamos aí, pendentes, atentos ás súas necesidades, ensinámoslles a expresalas e tentamos cubrilas ou darlles opcións para que poidan solucionalo. Preparámoslles para a vida adulta… aos poucos irán dependendo menos da nosa axuda. Pero, se desde pequenos vivimos con eles dentro do seu edificio e facemos todo o seu traballo, que pasará cando nos vaiamos? sentirase capaz? e se desde fóra damos ordes exactas sobre que colocar no seu edificio, onde colocalo, como facelo? que pasará cando quede só no seu edificio? E xa, se non colocamos nin unha estada, se non lle damos o que necesita, se non lle dicimos como facelo… como fai o nen@ para construír o seu edificio?.

Ambos, positivismo e constructivismo son os alicerces nos que asenta o estilo democrático.

A sociedade inclusiva
Moitas veces confundimos prevención con ocultación. É triste ver que un nen@ é marxinado polos seus compañeir@s, polos outros nen@s no parque, baixo a atenta mirada dos pais e nais. É moi triste e moi pouco educativo. Estás a ensinar que ou es como todos ou che deixan á marxe. A nosa mensaxe non pode ser peor como sociedade.

Unha sociedade inclusiva acepta a quen vive nela. Aceptar non é permitir comportamentos contrarios á convivencia. O noso sistema educativo é, por definición, inclusivo e promotor dunha convivencia positiva. Como pais, como nais, debemos sentirnos seguros de que os nosos fill@s sexan educados/as nunha contorna inclusiva e debemos apoiar tamén a inclusión fóra da aula, como forma de prevención.

Dicir, lembrar máis ben, que nesta unidade estamos a falar de prevención a nivel primario e primeiros estadios do nivel secundario. Aquí aínda non se produciron comportamentos adictivos ou delituosos, estamos a tentar previr que ocorran e estamos a tratar o tema de que podemos facer como pais e como nais para previlos.
Pois non debemos permitir que un nen@, sexan cales sexan as súas características persoais, culturais, raciais, sociais, familiares… sexa apartado do grupo, forma parte da nosa sociedade e debemos facela inclusiva. Se non o facemos… estamos a colaborar a que ese nen@ creza e comece a ter comportamentos adictivos e/ou delituosos. Claro que isto nos dará a razón, non?. “Ves? xa che dicía eu que ía acabar así”. As expectativas, que fortes son. Convídovos encarecidamente a facer click sobre a seguinte ligazón sobre un experimento que levou a cabo en EEUU acerca das expectativas e do seu efecto, trátase do chamado “Efecto Pigmalion” (Vídeo explicativo de 3 min de duración de Alberto Soler). Neste caso as expectativas foron positivas, pero se son negativas, ocorre de idéntica forma, pero ao contrario.

Esta decisión tan simple e crucial, a decisión de incluír, suporá ademais unha aprendizaxe para os nosos fill@s. Na diversidade está a nosa riqueza, aceptar a diversidade e aprender que hai diferentes formas de vivir e de ver a vida, failles máis conscientes do que teñen e decatarse do que supón vivir con certas limitacións, a calquera nivel. Aprenden das fortalezas doutras culturas, doutro tipo de educación.. aprenden da diversidade. É enriquecedor.

As adiccións
Son 3 os comportamentos de risco que buscamos previr referentes ás adiccións: drogodependencia (a drogas legais e ilegais), consumismo y adicción aos xogos de azar. Nos 3 casos, o comportamento pódese explicar mediante o chamado “Círculo das adiccións”:

Para entender este círculo debemos comprender de que forma funciona o noso corpo ante calquera sustancia ou conduta que provoca un desequilibrio nel. O que fará é atopar unha forma para volver ao seu estado de equilibrio, non poderemos facer nada, o noso corpo responde a calquera desequilibrio por medio da “tolerancia”. Ocorre con calquera sustancia e con calquera comportamento. Desde un analxésico ata a droga máis adictiva, desde a compra dun móbil de última xeración ata o préstamo con maior sinsentido, desde unha aposta nunha máquina ata o xogo a horas e ambientes intempestivos. O corpo crea tolerancia. Esa tolerancia provócanos dúas consecuencias, totalmente explicativas da adicción:

A mesma dose da mesma sustancia, o mesmo comportamento con idéntica frecuencia, xa non provoca pracer. O corpo atopa o equilibrio nese estado. Isto é o que fai que teñamos que decidir entre (1) deixar o tema como está, mellor non seguir probando; (2) aumentar a dose desa sustancia ou a frecuencia dese comportamento; (3) cambiar de sustancia a outra que teña maiores efectos ou cambiar o comportamento, xa non só apostamos nunha máquina dun bar un sábado que saímos, xa tamén o facemos na casa, desde o móbil, desde o computador; xa non só compramos esas botas porque son chulísimas, tamén compramos todo o que lle pega e vai a xogo.

Esa tolerancia provoca que sen sustancia, sen comportamento adictivo, ese desequilibrio cause malestar, sentimos xusto o contrario do efecto que nos causa a sustancia ou o comportamento. Se a sustancia é neuroléptica, sentiremos ansiedade; se a sustancia é activadora, sentiremos cansazo, fatiga, depresión… Se o comportamento causa euforia, sentiremos apatía, desesperación…
E para evitar estas sensacións tan incómodas temos dúas opcións (1) sufrir ese malestar ata que o corpo equilibre de novo sen sustancia, sen comportamento ou (2) consumir, volver realizar ese comportamento.

Convertémonos en adictos cando xa só consumimos, mantemos a conduta, para evitar o malestar, xa non sentimos máis pracer que “deixar de sentir malestar”. É así de triste a adicción, a procura fácil da felicidade perenne, a consecuencia de crernos iso de que existe un estado “de nirvana” e que é posible vivir nel.

Ademais, o corpo “aprende” a anticipar eses estímulos, calquera mensaxe, calquera imaxe, calquera suceso na nosa vida, calquera antecedente dese comportamento adictivo, de súpeto, provoca o recordo, provoca o desexo, provoca a recaída. É máis difícil non recaer que deixar unha adicción (e non digo que deixala sexa doado). De aí a importancia de defender que non se publiciten ningún tipo de drogas nin de comportamentos adictivos, non tanto por ocultar a súa existencia, senón como forma de evitar as recaídas, aínda que poida que resulte máis efectivo certas terapias de exposición ou adestramentos en resiliencia.

Entender o círculo é a mellor forma de previr estes comportamentos de risco, de detectalos e de buscar axuda se é necesario. Xa falamos dos 3 factores a nivel persoal, familiar e social que mellor preveñen a entrada neste círculo tan vicioso.

Dicir que moitos estudos coinciden en que cada persoa ten un certo grao de perigo de desenvolver máis rápida ou máis lentamente a súa tolerancia e isto parece estar ligado a características persoais (xenéticas) e ambientais.
Para acabar co tema das adiccións, simplemente quédanos reflexionar sobre ata que punto as drogas legais (tabaco, alcol, píldoras psicotrópicas…) forman parte da nosa vida e que mensaxe estamos a dar aos nosos fill@s sobre o uso desas sustancias. De idéntica forma reflexionemos sobre as nosas compras, sobre o que lles compramos, sobre os caprichos que lles damos, sobre as súas reaccións ante as posesións que teñen e, por último sobre a nosa forma de ver os xogos de azar e o azar en xeral.

Os comportamentos delituosos
Neste caso trataremos de presentar diferentes tipos de comportamentos de risco que levan parello un certo compoñente delituoso. Son os casos dos comportamentos sexuais de risco (entendido como perigo contra un mesmo/a), a violencia de xénero, o sexting o grooming e o acoso e ciberacoso.

Comportamentos sexuais de risco: Entendidos como aqueles comportamentos que non teñen en consideración a prevención de embarazos non desexados a idades moi temperás e o contaxio de enfermidades de transmisión sexual. Están dentro deste apartado de condutas delituosas polo impacto que poden ter cara á propia vida. Son actos e comportamentos que poñen en risco a vida dos nosos fill@s.
Os últimos datos estatísticos poñen ante nós unha realidade non moi optimista. Aumentou o contaxio da SIDA e publícanse cada vez máis casos de comportamentos sexuais en adolescentes que, sen afán moralista ningún, poñen en serio risco a súa saúde. Non entrarei en detalles, xa se ven nas noticias. De que forma previr que isto ocorra? Informando dos riscos e das formas de evitalos, facilitando o acceso e explicando o uso dos preservativos, sen pedir explicacións de con quen os gasta nin a quen llos regala e sendo moi explícitos á hora de explicar de que formas se contaxia unha enfermidade de transmisión sexual e as súas consecuencias. A educación acerca da idade á que é conveniente manter relacións sexuais, o modo de levalas a cabo, a frecuencia… iso é parte xa de cada familia, dos valores de cada un, das súas crenzas. O que é necesario é informar e dotar de recursos para o acceso a métodos profilácticos, deixando moi clara a importancia do seu uso, tanto para previr enfermidades cuxas consecuencias poden ser moi graves como para evitar embarazos non desexados.

A violencia de xénero:: Un papel demasiado importante temos como educadores neste tema. Desde pequenos clasificamos ás persoas en nenos e en nenas, poñemos signos identificativos do seu xénero, compramos xoguetes diferenciados, dicimos como comportarse dependendo do seu xénero, ensinamos que tarefas son de homes e cales de mulleres, xa nos encargamos que eses roles estean de manifesto coas nosas accións como nai e como pai… dicimos que é “de nenos” e que é “de nenas” (e o “de nenas” adoita ter unha connotación moito máis negativa) e despois choramos amargamente porque vemos que as nosas fillas están a ser mal-tratadas. Practicamente educámolas para iso, para aguantar, para poñer á súa familia por encima de calquera outra cousa, para coidar, para soñar cun mundo con príncipes e con princesas, para ver no home ao seu salvador… E a eles, a eles educámolos para dominar, sen expresar os seus sentimentos, sen poder chorar, demostrando a súa virilidade, conquistando novos territorios… o machismo é nocivo para homes e para mulleres.
E o feminismo NON é o oposto ao machismo, o feminismo busca a igualdade entre homes e mulleres. Un home pode ser moito máis feminista que unha muller, o feminismo non é cousa de mulleres que se cren superiores aos homes, somos mulleres na busca da igualdade, queremos poder saír soas e volver de noite sen risco para a nosa saúde, igual que un home (é un exemplo, claro, indígname cando leo “volvía soa de noite” nun caso de violación… coma se isto fose a causa, o delito, culpabilizamos á vítima, é moi frustrante ler noticias sobre violencia machista).
Para educar en igualdade, debemos educar ás persoas polo que son, polo que teñen, polas súas potencialidades, dar resposta ás súas necesidades e deixar de preguntarnos se é ou non é “propio” dun home ou dunha muller. Un home pode ser tan ou máis bo coidador ca unha muller e unha muller pode ser tan ou máis forte ca un home. Todo depende da individualidade e das oportunidades que teñamos na vida.
A violencia de xénero é a expresión máis cruel do machismo e só se prevén desde o feminismo. No caso de detectar posibles malos tratos, buscar axuda profesional e non escondelo é fundamental, a mensaxe de “nós estamos aquí, para apoiarte e protexerte cando queiras a nosa axuda”, é fundamental. Abrir a porta a lugares e persoas que poidan axudala é o máis adecuado. Acompañar, escoitar, deixar que ela mesma dea coas respostas, aprenda a atopalas, sen xulgala, sen maltratala máis, con agarimo infinito, faralle ver a diferenza máis rápido, aceleraremos un proceso polo que, si ou si, vai pasar. O único que podemos decidir é se imos tomar parte como novos actores dese episodio da súa vida ou se queremos buscar un papel protagonista, que decida por ela ou se damos a volta e vemos cara a outro lado.
De novo, lembrar que estamos a falar de prevención primaria e primeiros estadios de secundaria.

O sexting: Consiste no envío de material (fotografías, vídeos…) de carácter sexual, normalmente de forma “voluntaria” por medio de dispositivos móbiles ou en redes sociais. O perigo destas condutas é evidente, no momento no que unha fotografía sae do teu móbil perdes totalmente o control sobre ela. Podes denunciar, está claro, porque é un delito transmitir este tipo de imaxes, pero o dano a nivel persoal, familiar e social xa está feito. Información e explicación das consecuencias é o mellor modo de previr. Unha parella que hoxe parece que é para toda a vida, pode non selo ou pode defraudarche, unha parella que insiste en que lle envíes fotografías ou vídeos de contido sexual, quizais non sexa unha parella que che respecte, que che queira e… estaslle dando un poder para coaccionarte inimaxinable, no caso de que a relación non vaia tan ben como pensarades. É unha decisión que entraña moitos riscos e ningún beneficio. Explicalo, tamén aos mozos, é fundamental. É quizais máis fácil que un mozo acceda a enviar este tipo de fotografías que unha moza e as repercusións son similares, sobre todo se ese mozo non goza de popularidade entre os seus iguais.

O grooming: É o engano que as redes sociais e a comunicación por medios telemáticos permite. O noso fill@ pode pensar que está a falar con alguén da súa idade, do mesmo sexo, coa súa mesma problemática e non, detrás pode estar un adulto, que normalmente non ten boas intencións. É un perigo novo desta era dixital e que causou grandes danos, sobre todo porque é unha escalada. Aos poucos, gañan a confianza dos nosos fill@s, convéncenlles para que manden certos contidos ou conten determinados segredos e pronto comezan as ameazas. Unha das ameazas máis potentes é, precisamente, contárnolo a nós, aos seus pais e nais. Isto pónnolo máis fácil. Se lles dicimos que ás veces ocorren estas cousas, contámosllo e lles dicimos que, de pasarlles, nolo conten, que o entenderemos e denunciaremos, para que non lles pase a outras persoas, estamos a darlles unha escapatoria fácil. O máximo que lles pode pasar é un bo castigo ou unha bonita “rifa”, pero… desde logo, as consecuencias da nosa actuación nunca lles causarán un dano nin remotamente similar ao que lles pode pasar se seguen escalando posicións. Explicarllo é a forma de previr que suceda.

O acoso: Aínda que todos sabemos que é o acoso escolar ou bullying, non está de máis definilo tal e como se conceptualiza, porque ás veces existe un gran alarmismo e outras unha gran permisividade. O bullying é un acoso físico ou psicolóxico ao que se ve sometido un alumn@, de forma continuada, polos seus compañeir@s.
Digo que ás veces hai alarmismo porque unha pelexa no patio, en principio e sen máis datos, non é acoso e digo que ás veces somos moi permisivos porque os insultos, as vexacións a nivel psicolóxico, cando son continuadas e realizadas por un grupo de persoas, si é acoso.
O enfrontamento familias-escola non facilita a detección e a intervención ante unha situación de posible acoso escolar. Tod@s somos culpables de permitir que cheguen a darse situacións de acoso na escola. Culpándonos uns a outros, que conseguimos?. Dicir que todos somos culpables é como dicir que ninguén é culpable. O que si somos é responsables, todas e cada unha das persoas que formamos parte da comunidade educativa, somos responsables de non detectar a tempo. Falar no parque, na cafetería ou cando recollemos e deixamos aos nen@s non é produtivo. Pedir unha entrevista co titor/a se o noso fill@ é pequeno ou dicirlle ao noso adolescente que fale co seu titor/a para contarlle o que sabe é a forma de colaborar na detección temperá dunha situación de acoso escolar na que a vítima, permanece calada e o acosador/para vai sumando cada vez máis apoios. Vítima e acosador, nun contexto escolar, son nen@s, adolescentes como máximo. Como sociedade temos moito traballo por facer. Nun ambiente educativo, creo firmemente que non hai mellor protección para previr estas situacións que o desenvolvemento, investigación, implementación, seguimento e avaliación de políticas en prol da convivencia.

O cyberbullying ou ciberacoso: É a extensión do acoso á totalidade da vida da persoa acosada, as redes sociais son claustrofóbicas para unha persoa que sofre acoso, nunca se libra del. Como educadores temos moito, moitísimo que facer, non podemos permitir que os nosos fill@s consintan estes comportamentos nos demais e, moito menos, participen neles. Só hai que poñerse na pel da vítima por un momento para empezar a entender os sentimentos que pode estar a sufrir, o medo, a indefensión… como facer para parar isto? a vítima non pode, somos todos os demais quen debemos paralo, non consentilo, ir ao centro e contalo, de un en un, sen ánimo de culpabilizar, só de informar para que se tomen as medidas, que se abran os protocolos e, tan importante como avisar ao centro é dicirlles aos nosos fill@s que acompañen á vítima, non fai falta que se enfronten a quen lle acosa, simplemente deben acompañar, non deixar que fique só, preguntarlle que sente, ofrecer apoio. Pensar que o acosador/a moitas veces é vítima noutros contextos fainos ver a escena na súa totalidade.

Recapitulando
 

Son 3 os factores a nivel persoal, educacional e social os que en maior medida preveñen os comportamentos de risco:

  • A nivel persoal a resiliencia, a capacidade de repoñerse ante as adversidades.
  • A nivel educacional un estilo positivo-construtivo, ou democrático
  • A nivel social, a inclusividade

Isto será suficiente? Pois seguramente non, seguramente os nosos fill@s tomen decisións acertadas e equivocadas, gocen as consecuencias ou as sufran, niso consiste vivir e niso consiste a vida, pero… se conseguimos que comece a súa vida adulta sendo unha persoa capaz de superar as adversidades, con seguridade en si mesm@ e con afán de mellorar a sociedade que lle rodea, estará máis preparad@ e niso consiste a nosa tarefa como educadores, en prepararlles o mellor que saibamos para a súa vida adulta.

Xa o dicía John Lennon “A vida é o que che vai sucedendo mentres ti fas outros plans”

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies