A necesidade de establecer normas e límites nas familias A trote
Familias

Normas e límites

Unha breve introdución

Gústame comparar as normas e os límites coas portas e as fechaduras das nosas casas. Que sentiriamos se tivésemos que vivir sen portas, sen fechaduras? Estariamos igual de tranquilos?. As normas, os límites son necesarios para un crecemento seguro. Sen eles, os nenos, as nenas, móstranse nerviosos, irritables, nunha continua procura, de que? dese límite, desa norma, que lles faga experimentar nun ambiente seguro. Despois comeza outra “loita”, a de ampliar eses límites conforme van crecendo. Respectar os seus tempos, o seu desenvolvemento e adaptarnos a eles é fundamental. O primeiro ano que o meu fillo entrou na escola, a profesora dixo algo que nunca esquecerei: “Moitos pais preocupádesvos por cando os vosos fillos empezan a ler, a escribir… lémbrovos que algúns dos vosos fillos seguro que empezaron a dar os seus primeiros pasos con 10 meses, outros tiñan 14 e aínda non camiñaban e eu pregúntovos: que máis dá, se todos terminamos andando?“. Respectar tempos e poñer normas e límites dunha forma positiva para o seu desenvolvemento e aprendizaxe son os dous alicerces sobre os que asento os temas que trataremos.

Comezaría facéndovos unha pregunta: Que de bo teñen os vosos fill@s?. Parádevos e reflexionade un pouco. Moitos de vós seguramente esteades aquí para ver se tedes algunha forma de corrixir algún comportamento, pero o primeiro é aprender a darvos conta de que son moitas as cousas que fan ben para, a partir delas, ensinarlles a facer outras. Enfrontados non conseguimos máis, sobre todo na adolescencia. Utilizar a nosa autoridade causará medo, pero non aprendizaxe, esconderanse para facer o que non vos gusta que fagan ou simplemente evitarán os castigos, sen ter nin dar a oportunidade de reflexionar e con iso aprender e prepararse para a vida adulta. Cuestionar é unha fase de vital importancia no noso desenvolvemento adolescente, niso consiste a adolescencia, en cuestionalo todo. É desde un estilo educativo de disciplina positiva dentro dun marco sistémico desde o que vos digo que a mellor forma de que cambien os vosos fillos, a forma máis efectiva, é que cambiedes vós mesmos, porque segundo esta teoría… “Se eu cambio, todo cambia”. É máis fácil, nós somos os adultos, dispoñemos de máis recursos.

As propostas que desde aquí vos fago están na súa maior parte recollidas do Programa EDUCA (Díaz-Sibaja, M.A.; Comeche, M.I e Díaz, M.I (2010). Programa EDUCA. Escuela de padres. Educación positiva para enseñar a tus hijos. Madrid:Pirámide).

Empezamos?

 

 

 

1. Observemos
Propoño que observedes que fan os vosos fill@s durante o día, todos os días da semana. Podedes preparar un cronograma para poder sacar as vosas propias conclusións. Vendo o día a día dos nosos fill@s podemos comezar a desenvolver en nós mesmos un tipo de mentalidade positiva, con base ao que xa sabe facer e fai de forma totalmente natural. Desde aí é de onde partiremos, quitando o foco do negativo, centrémonos só no que fai, para empezar.

Unha vez feito o cronograma, debemos reflexionar sobre 3 preguntas:

  • Que cousas xa sabe facer?
  • Que cousas me gustaría que aprendera?
  • Que comportamentos debería mellorar?

É moi importante para continuar que escribades nun papel as vosas respostas, iremos vendo diferentes técnicas para manter, para instaurar e para corrixir comportamentos.

2. Que é a educación positiva e construtiva?
Imos comezar dicindo que NON é educación positiva e construtiva:

  • Ser permisivo
  • Ceder despois de dicir que NON
  • Ser autoritario
  • Non ser coherente
  • Gritar, perder os nervios
  • Non cumprir promesas ou ameazas
  • Non negociar
  • Non escoitar
  • Esixir que os éxitos sucedan XA!

SI é Educación positiva e construtiva:

  • Deixar que actúen as consecuencias
  • Actuar, fuxir dos discursos
  • Ter uns obxectivos claros
  • Ser coherentes no tempo, na persoa e no lugar
  • Ensinar con claridade, cousas concretas
  • Pensar antes de prometer ou de castigar
  • Confiar no voso fill@
  • Valorar non tanto os resultados, senón os esforzos e os intentos
  • Dar tempo e axuda para a aprendizaxe

Non vos esquezades: “O movemento, como mellor se demostra, é andando”

En definitiva… Que é educar?

  • É atender ás súas necesidades básicas e materiais (alimentación, fogar, roupa…) s
  • É darlle afecto, seguridade, confianza, valores de respecto cara á diversidade, responsabilidade…
  • É prepararlles para que actúen de forma libre e autónoma, de forma responsable
  • É potenciar a súa socialización, que sentan que forman parte da tribo
  • É entender que a familia comparte as súas funcións educativas con outros axentes socializadores (escola, TV, amigos…), pero sen delegar neles as súas funcións
3. Desmontamos mitos e construímos crenzas e actitudes positivas
As frases máis recorrentes, que de tanto repetilas parecen certas e que o único que conseguen é que deixemos de tentalo, son algunhas das seguintes. Na medida en que sexades capaces de romper con estas falsas crenzas, conseguiredes achegarvos máis aos vosos fill@s e facervos conscientes do potencial que todos temos como persoas.

Como desmontar mitos e falsas crenzas con actitudes e crenzas positivas:

  • Xa se dará conta cando creza→ Os problemas non se solucionan por si solos. Nós somos os responsables en solucionalos e, sobre todo, previlos.
  • Eu xa fixen todo o que puiden co meu fill@→ Seguramente isto non é así, se o creses realmente, non estarías agora mesmo lendo isto. Os pais e nais temos unha característica que nos define: nunca nos rendemos!
  • Xa o probei, eu iso xa o fixen→ Pois quizais non lle deches o tempo necesario ou quizais te centraches no que querías corrixir e non en todo o positivo que o teu fill@ fai ou quizais non era o momento aínda… pode haber moitos motivos detrás dun fracaso, pero sempre hai algo: a oportunidade para aprender deles.
  • Non sei para que tanta teoría, eu quero algo práctico→ Se só sabes que facer nunha situación concreta, é máis difícil que saibas como reaccionar ante calquera situación, se entendes e interiorizas de que falamos cando dicimos educación positiva e construtiva, as túas ferramentas serán infinitas.
  • Se o problema teno o meu fill@, por que se supón que son eu quen debe cambiar?→ Pois porque no fondo todos sabemos que o único que podemos modificar de forma inmediata é o que ten que ver connosco e, dentro do marco no que traballamos, o sistémico: “Se ti cambias… todo cambia”.
  • A culpa é do pai/ A culpa é da nai→ Isto non ten cabida nun enfoque positivo, pregúntalle ao teu fill@ que tedes de bo cada un, seguro que vos pode dicir moitas cousas, niso é no que vos debedes centrar. Eu non podo facer nada para solucionalo→ É pouco probable que penses isto e á vez esteas aquí, claro que podes facer moitas cousas. Ademais, non facer é só a expresión de decidir que vas deixar que actúen as consecuencias. É unha das opcións.
  • Yo no puedo hacer nada para solucionarlo→ Es poco probable que pienses esto y a la vez estés aquí, claro que puedes hacer muchas cosas. Además, no hacer es sólo la expresión de decidir que vas a dejar que actúen las consecuencias. Es una de las opciones.
  • Eu non estou dispost@ a cambiar→ Ninguén che pide que ti cambies, só que probes facer outras cousas, ti es moito máis que estas decisións, non tes por que cambiar.
  • A culpa é da sociedade na que vivimos→ A sociedade na que vivimos non é outra que a que construímos. Nós somos a sociedade. Nós eliximos o Instituto ao que acode, podemos convidar aos seus amig@s a casa…A miúdo é a sociedade a que nos sorprende con historias cotiás que conteñen un gran valor humano. Día a día vémonos apoiados por esa mesma sociedade.
4. Falemos dos comportamentos
Un comportamento é moito máis do que vemos. Normalmente non os entendemos porque non sabemos observalos dunha forma sistémica e sistemática. Son varias as preguntas que debemos facernos para entender un comportamento:

  • Que sucede xusto antes de que ocorra ese comportamento?
  • Ocorre sempre? Depende de con quen estea? Depende do lugar? Depende do momento do día?
  • Que sucede xusto despois dese comportamento?
  • Obtén con ese comportamento algo agradable? Evita con el algo desagradable?

Debemos entender que o maior reforzador, o maior premio que un fill@ pode perseguir non é outro que a nosa atención. Esta é unha das bases da educación positiva. O neno, adolescente… preferirá unha boa rifa que a desatención. Se cando está tranquilamente ou estudando, ou xogando… non lle prestamos atención nin lle dicimos o ben que o fixo e só cando se comporta de forma pouco adecuada tena, pois… aínda que non o entendamos, estamos a reforzar (premiando) ese comportamento.

Hai outra forma de premiar sen querer un comportamento e é evitando algo que non lle resulta agradable. Se non quere facer os deberes e acabámosllos facendo (ditando), estamos a premiar ese comportamento de negarse a facelos, consegue evitalo.

Como podedes ver, premiamos sen querer e eu pregúntovos: non sería mellor premiar querendo?.

 

5. O que sempre debemos usar
O programa “EDUCA” chámalles a estas ferramentas “imprescindibles” e non podo estar máis de acordo. Son 3:

As instrucións, peticións e ordes: Constante e continuamente usamos esta ferramenta, variamos o ton de voz, as formas e chegamos a pensar que están tan adaptados á nosa cantilena que nin nos escoitan. Asenten, pero… non o fan, o que nos fai escalar, en breves momentos vémonos gritando exactamente o mesmo que empezamos dicindo como unha suxestión. Os nosos fill@s sábeno, saben que contan con toda esa marxe e alongan o proceso. Isto fai que nós pensemos que a “rifa” funciona, pero o certo é que estamos a crear un clima que é moi pouco adecuado para unha convivencia e que, se ao final fai o que lle pedimos, non é tanto porque asuma a súa responsabilidade, senón por deixar de oírnos. Podedes probar a dar instrucións, a facer peticións ou a dar ordes doutra forma, só unha vez.

Non estamos a suxerir que faga algo. Se lle dicimos “Por que non recolles a túa habitación?” pode pensar “pois porque non me apetece”, isto non é unha petición. Se lle damos unha chea de datos explicativos, perdemos eficacia “Cariño, se recolles a habitación vas estar moito máis cómod@. Mira como tes a roupa nos teus armarios, mira a cama, mira o teu escritorio. Despois queres convidar a amig@s pero, claro, non podes, coa habitación como a tes… imaxínas que nós tivésemos así toda a casa? ¿que che parecería?….” (podemos chegar a falar dos paxaros que aniñan no tellado e tampouco funcionaría).

Como facelo?: Co primeiro co que falamos é co noso corpo, co noso ton de voz e cos nosos xestos. Falar acompañándonos de todo a linguaxe non verbal é o que dá máis forza a un discurso. Temos que estar convencidos de que o que dicimos é realmente o que contamos e expresalo. Para iso, temos que pensar antes de expresar a nosa petición, que é o que queremos que faga?, cando o saibamos, debemos investir un curto tempo en ir ao seu carón, en mirarlle á cara, en dicirlle claramente o que debe facer, sen preguntas, sen suxestións, sen unha retahila de ordes, de forma clara, curta e específica e relacionando a orde coa súa consecuencia, en positivo: “Se recolles a túa habitación despois poderás ver a serie que tanto che gusta”, tranquilamente. Se non o fai… non verá a serie. É importante, verémolo máis adiante, unir unha acción cunha consecuencia que poidamos cumprir en caso de levar ou de non levar a cabo a acción e deben estar relacionadas. O lecer, as vacacións son actividades que facemos unha vez que realizamos o noso traballo. Se non traballamos, dificilmente teremos as nosas vacacións, preparar a un nen@, a un adolescente, para a vida adulta é ensinarlle este tipo de cousas. Se unimos as súas actividades agradables ao seu esforzo e traballo, estamos a ensinarlle que é a responsabilidade, non estamos a ameazar, porque falamos en positivo. E facémoslle ver que está na súa man, que os premios e os castigos non os dispón unha persoa externa, é el quen os gaña, é el o protagonista da súa vida.

Os reforzadores: Os reforzadores son “premios”, chamámoslles doutra forma porque adoitamos pensar que un premio é algo material, un reforzador non ten por que ser material, é máis, perde forza cando o único que damos son cousas materiais. Hai 3 tipos de reforzadores: os materiais, os sociais e os de actividade. Os primeiros xa sabemos o que son, o “carameliño”, os sociais é dicirlle o ben que o fixo, as felicitacións, as mostras de agarimo (é o máis potente dos reforzadores) e os de actividade son outro dos grandes reforzadores e consiste, cando son máis pequenos, en facer cousas con eles/as, en xogar e, cando xa son adolescentes, tamén, aínda que se cadra teremos que convidar tamén a un dos seus amig@s. Funcionan na medida que o noso fill@ o desexa, se é a nós a quen lle gusta xogar ao parchís, pero a el/ela non tanto, ese reforzador será pouco potente. Se, cando o noso fill@ adolescente acaba de limpar os dentes, felicitámoslle por iso, pode pensar que nos estamos cachondeando del/ela….

Para que un reforzador sexa potente, o noso fill@ debe saber que facer para conseguilo, debe desexalo, debe darse xusto ao finalizar ese comportamento e non darse se non se decide a facelo (o castigo é que queda sen ese reforzador) e, se o reforzador é algo material, non basta con darse, debe dicirse por que se lle dá “Recolliches a habitación, pois corre que empeza xa a túa serie” (tardara o que tardara, dá igual, aínda que entrara en bucle, aínda que o fixera a bulir… fíxoo, e debemos recoñecerllo).

Os catalizadores: En química un catalizador é unha sustancia que, se se incorpora a unha disolución, acelera o proceso. Non se me ocorre mellor forma que esta, utilizada no programa EDUCA, para conceptualizar esta ferramenta, potente tamén como poucas e que en menor medida utilizamos. O meu fillo sempre foi un neno “movido”, “súper-activo”… un neno moi curioso. Custáballe moito permanecer tranquilo, durmir nin vos conto. Sen estudar aínda Psicoloxía educativa, os catalizadores foron a ferramenta que máis usei para axudarlle a relaxarse. Antes de saír ao parque, deixabamos preparada na casa unha mesa con plastilina, con papeis e lapis, un CD posto… ao volver, sabía o que lle esperaba, daba unha ducha, poñía o seu pixama e, mentres preparaba a cea, el dáballe ao play e sentaba coa actividade que escollera antes de saír da casa. Isto é un exemplo de catalizador. Outros bos catalizadores, ademais de crear ambientes propicios para o comportamento que desexamos, son o ter unhas normas claras, ben definidas e adaptadas á súa idade; estas normas deben aplicarse de forma coherente (sempre e en todo lugar); ter rutinas é un bo catalizador tamén; ensinarlle a pedir permiso antes de facer algo novo, tamén é un bo catalizador; se sabemos que en determinados lugares ou momentos adoita ter comportamentos pouco adaptados (no supermercado, cando nos paramos a falar con alguén, no coche…), lembrarllo xusto antes é un bo catalizador “Imos ao súper, sei que non che gusta, pero se estás tranquilo, acabaremos antes e terás máis tempo para xogar” ou, ao noso adolescente, “Sei que non che gusta vir facer a compra connosco, pero cando vaias estudar fóra, agradecerás saber como facer para aforrar e ter máis diñeiro para saír cos teus amig@s”.

6. Non sabe facer algo. Como lle ensinamos?
Para empezar, debemos dicir que hai peticións que son moi grandes para segundo que idade. Moitas veces pensamos, e non podemos estar máis equivocados, que o que pedimos é o lóxico, o fácil e non entendemos que lles resulte tan difícil facelo. Isto é como cando te apuntas a un ximnasio e crees que con pagar o equipamento xa está gran parte do traballo feito, ata que te metes na primeira das túas clases de aerobic, aí es consciente de que, mellor, colócaste detrás, onde non molestas e que, aínda que cada un dos movementos por separado, sexan fáciles, todos xuntos resultan imposibles para ti, o teu cerebro non vai tan rápido como marca a coreografía e veste aí, no medio, co teu equipamento, cunhas cantas persoas que che ven coma se non entendesen como podes ser tan torpe. Pois iso mesmo senten moitas veces os nosos fill@s cando, aínda esforzándose, non son capaces de facer as cousas como nós queremos.

Aprender é unha tarefa dura, frustrante… debemos acompañarlles no proceso e non para dicirlle o que fixeron mal, senón para remarcar o que xa fan ben e que sexan eles mesmos os que reflexionen acerca de como poden melloralo. É normal mollar o chan a primeira, a segunda, a terceira vez que limpas a louza; é normal que a roupa non quede moi ben colgada as primeiras veces, cando se visten por primeira vez; poida que esquezan poñer un calcetín… nós temos o noso método, eles teñen que crear o seu, se lles deixas, e se non son capaces, cando te vexan facelo, preguntaranche “e como fas para non mollar o chan?” e ti diraslles “a miña solución está na presión de auga que escollo para que salga da billa”. O que non pode ser é que nos preocupe máis o chan da cociña que o que facemos sentir aos nosos fill@s cando están a facer o que lles pedimos que fagan e aínda non saben facelo do todo ben. Se mollan o chan, terán que limpalo, terán máis traballo, eles son os primeiros interesados en facelo mellor.

Son 3 as ferramentas para ensinarlles cando aínda non saben:

O ensaio-erro: Deixar que se equivoquen e motivar que sigan tentándoo, facerlles entender que iso é o normal, que as cousas non saen como queres a primeira vez que o tentas. Eu mesma, cando empecei a facer esta web, pasei un día cun alto grao de frustración. Dende as 5 da mañá, ata as 11 da noite e, cando me levantei da cadeira do computador fun consciente de que o mellor era resetear todo o que fixera. É frustrante. Enfadeime moitísimo, insulteime, o adolescente que vive na miña casa díxome que non lle gustaba verme así, que o que dicía non era certo e que seguramente mañá veríao doutra forma, non lle din a razón, por suposto, estaba indignadísima. El escoitoume, aguantou o meu ballón. Isto é o ensaio-erro, o mellor é acompañar no proceso.

O modelado: Demostrar o movemento andando. O comportamento que tivo o meu fillo comigo ese día negro, é froito do modelado. Cantas veces téño sentado eu ao seu lado, escoitando e acompañando. Ás veces o mellor é deixar que cada persoa fale alto consigo mesma. Ao día seguinte do meu día negro (o meu adolescente tiña razón), deime conta de que o que realmente sucedera é que as miñas expectativas eran demasiado optimistas, crin que ía ser máis fácil. Cando el levanto, eu xa estaba a empezar a facer un curso de wordpress, por certo, Joaquín, moitas grazas, déchesme a man e sacáchesme do túnel, emocionadísima estaba. Cando chegou do Instituto, xa avanzara moitísimo… e isto segue sendo modelado. É co que máis aprenden, de nada vale zurrar a un neno mentres se grita “NON SE PEGA” (visto cos meus ollos). Ser conscientes de que ensinamos con cada decisión, con cada acto, é o que nos converte en educadores. Iso de que os nenos son “esponxas” queda curto. Pedir desculpas cando nos equivocamos, é outra forma de modelado. Ás veces sucede, chegamos a casa cansad@s, angustiad@s e atopámonos con que hai calquera cousa fóra do seu sitio, nin sequera paramos a pensar máis aló… necesitabamos chegar a casa… e cáelle encima a rifa do século, por que? pois porque non tivemos un bo día. Despois sentímonos fatal, claro, e tentamos compensar, pois o mellor é sentarnos e explicarlles que nos equivocamos, que por favor, nos perdoen, que para nada se merecían esa rifa que lles acabamos de dar. Di unha frase que circula por internet que son 3 as palabras máis difíciles de pronunciar “ácido desoxirribonucleico, esternocleidomastoideo e perdón”. Estou de acordo.

Divide e vencerás: Encántame este título (tamén no programa EDUCA). Cando a tarefa é complicada ou vemos que lle resulta difícil, podemos facer un “Plan de achegamento”, por exemplo, sendo cada vez un pouco máis esixentes co seu resultado. A primeira vez que faga a cama, é normal que queden engurras, deixémola, non lle vai a pasar nada, é o mesmo que nos pasaba co chan da cociña, ten que doer menos a cama, o chan, que nosos fill@s, a primeira vez premiamos esa intención, xa a segunda, pedímoslle que coa súa man tente quitar as engurras, xa a terceira que tente meter ben o edredón nos bordos da cama… así ata que o faga ben. Na adolescencia seguramente retroceda na súa aprendizaxe, pero no fondo sabemos que sabe facelo. Se a tarefa pódese dividir noutras máis sinxelas, podemos facelo tamén ou ir dicindo en voz alta o que imos facendo nós mesmos. Aprender procedementos é difícil, porque quen chos ensina, só os fai, non os acompaña de palabras e necesitamos, para automatizar, primeiro crear unha serie de instrucións (o mellor exemplo sempre é o de ensinar e aprender a conducir ou a atarse os cordóns, é tan fácil, verdade? e entón… por que é tan difícil aprendelo?).

7. Que facemos cando fai xusto o contrario ao que debería facer
O que queremos é corrixir eses comportamentos. O primeiro é volver ao apartado 1 e ao 4 deste taller.

No primeiro, xa respondemos á pregunta: Que comportamentos debería mellorar? Será con eles cos que traballemos.

No apartado 4 vimos a forma de entender eses comportamentos.

É o momento de reflexionar sobre un e só un deles, para así poder elixir a técnica que poñeremos en funcionamento. De un en un. Isto parece moi frío, moi serio, pero é saíndonos do problema como mellor poderemos axudar a corrixilos, poñéndonos máis no seu lugar ca no noso. O primeiro comportamento no que debemos poñer o noso foco é aquel que cause dano a outras persoas, ese que non podemos deixar de atender. Os demais, se non causan dano aos demais, poden esperar.

A continuación presento as distintas ferramentas que desde o programa EDUCA propoñen para corrixir comportamentos. Recomendo este libro, profunda moito máis en cada unha das técnicas. Na introdución deste taller tedes todos os datos sobre el.

Comezamos.

Retirada de atención: Xa dixemos que a atención é o maior reforzador, o noso fill@ preferirá unha boa rifa que pasar desapercibido para nós. Retirar a atención, con todo, é o máis difícil e perigoso que podemos facer, temos que estar preparados para o tsunami se nos decidimos por esta técnica. E non ceder, nunca ceder. Se chega un momento no que o neno@ ponse azul, debemos deixar que se poña azul, se tira todos os seus lapis de cores polo chan, debemos permanecer inalterables, se sobe e sobe o volume da música, ídem. Se non o facemos así, estaremos a poñer un novo teito ao seu comportamento, todo o esforzo non só non mereceu a pena, senón que reforzou un comportamento moito máis comprometedor para unha boa convivencia. É o momento de preguntarnos: seremos capaces?
Se non o somos…. mellor elixir outra técnica. Debemos entender que se ata o momento chamaron a nosa atención co seu comportamento e, de súpeto, deixan de facelo, isto causaralles un certo estupor, “que pasa?, a miña nai/pai non se dá conta do que estou facer? Pois vou facelo máis evidente… aínda non se dá conta? Pois máis….” Esta técnica é para descartar totalmente se o seu comportamento causa dano a outras persoas, neste caso non podemos desatendelo. É das técnicas máis potentes, pero require de medir moi ben se seremos capaces ou non, non só nós, se non as demais persoas que comparten a convivencia na casa (irmáns, irmás, parella, avó, avoa…), só se estamos segur@s de que ninguén vai dar resposta a ese comportamento é a técnica que mellor funciona, para os demais casos… témome que non.

Reforzo doutros comportamentos: Esta técnica encántame e é das máis potentes tamén. Consiste en dicir o que están a facer ben, ou facelo ver. Se o noso adolescente está a estudar, podemos entrar e ofrecerlle calquera cousa que sexa da súa agrado ou que poida axudarlle, se o noso fill@ está a xogar tranquilamente co seu irmán, podemos achegarnos, dicirlles o ben que o están pasando e ofrecernos para xogar tamén con eles. É simple esta técnica, moi simple e é a mellor promotora do cambio a unha educación positiva, facilitadora dun bo clima de convivencia na casa.

Fártao: Esta técnica non me gusta moito, hei de recoñecelo, pero é tamén efectiva, se temos en conta varios factores:
Debemos levala a cabo sen espectadores de ningún tipo.
Supón unha certo sentimento de burla no nen@/adolescente.
Úsase para eses comportamentos que non teñen sentido algún e que molestan enormemente, un dos típicos é non parar de moverse, de subir e baixar do sofá, de lanzar obxectos… consiste en animarlle a que o siga facendo, unha e outra vez, “Imos, outra vez, sobe outra vez”, así ata que farta, nese momento debemos insistir un pouco máis: “Veña, co ben que o estabas facendo…”.
Como vos digo, non me gusta, pero entendo que cando a cousa chegou a ser insoportable, pode ser útil e por iso a poño aquí. Que a un nen@ non lle guste a TV e prefira facer exercicio, a min, persoalmente, encántame. Eu solucioneino cun gran baúl cheo de disfraces diante da TV, mentres viamos calquera película, el interpretaba aos personaxes, pasabámonolo pipa, non subía, non baixaba, non molestaba… facíanos a vida moito máis divertida e interesante, aceptar aos nosos fill@s tal e como son é a mellor forma de ensinarlles a atopar o seu sitio na sociedade. Que todos sexamos iguais, non nos favorece como especie que somos, na diversidade está a nosa riqueza, a diferenza fainos ricos. Aceptarlles é o primeiro paso para educarlles dunha forma construtiva e a mellor forma de previr adolescencias moi, moi, rebeldes. Evidentemente, esta técnica na adolescencia é xa moito máis nociva. O adolescente xa pode reflexionar sobre que consegue con ese comportamento.

Sobrecorrección: Aprender é un rolo, pero saber é un pracer. A sobrecorrección consiste en deixar que actúen as consecuencias que ten non facer algo do todo ben. Se lavando a louza, molla o chan, terá que secar o chan antes de varrer, varrer e fregar. Se sae da cociña deixando as pisadas por toda a casa, terá que corrixilo, terá que limpar todo o corredor ademais de volver á cociña, secar o chan, varrer e fregar… niso consiste a sobrecorrección, non fai falla rifar mentres poñemos orde nos danos que causou, debemos acompañar e incluso axudar para corrixir as consecuencias de non saber facer algo do todo ben. Aos poucos irá perfeccionando a súa técnica para non perder tanto tempo.

Chamadas á orde (típica rifa): As rifas, se facemos algo de autocrítica, para o único que serven é para exteriorizar as nosas emocións. Se non sabía que ese comportamento non é axeitado, pode ser efectiva, porque lle fará reflexionar sobre o que fixo, neste caso si son efectivas (dicirllo sen rifar, tamén). Pero, e se xa o sabe, xa lle rifamos antes por ese mesmo motivo e segue facéndoo? Neste caso, compénsalle a nosa rifa, gústalle facer o que fai e a rifa de despois parécelle, no mellor dos casos, un prezo xusto (no peor dos casos, que xa comentamos, busca a nosa atención, prefire a rifa que a desatención). Na medida do posible, debemos substituír as rifas por un dos nosos imprescindibles: “Instrucións, peticións e ordes”, son moito máis efectivas.

Os castigos: Hai dúas formas de castigar, unha é en negativo, outra é en positivo. É o mesmo dicir “Sen recoller a túa habitación, non saes” que dicir “Se queres saír, deixa a habitación recollida”. É o mesmo e ao mesmo tempo é moi diferente. A primeira opción crea un clima de enfrontamento, de autoridade. A segunda failles sentir donos/as do seu destino. A educación positiva consiste nisto, aquí está o gran segredo, en traducir, en converter unha oración con dúas negacións nunha sen ningunha, é unha das leis do pensamento lóxico que debemos aprender, interiorizar e poñer en práctica.

Tempo fóra: Esta técnica é a que debemos utilizar si ou si cando o seu comportamento causa un dano a outros. Non consiste en pensar e que nos repita como un papagaio “non o vou a facer máis”, non ten que dicirnos as súas reflexións, só cambiar de ambiente, deixar de ter a nosa atención durante un intre, nun ambiente no que non poida distraerse nin pasalo ben, só estar tranquil@. A nosa habitación pode ser un bo lugar, debe entender que non queremos causarlle un dano, senón ensinarlle que ese comportamento non o toleramos. Se sae, aínda enfadad@, debemos acompañalo de novo e dicirlle algo como “Sei que é difícil, pero debes atopar a forma de tranquilizar, tenta contar en voz alta, ou respirar profundamente, cando esteas máis tranquil@, poderás volver”. Cando o faga, non lembrar ese episodio, só dicirlle o ben que o fixo e darlle todo o noso agarimo ante o máis mínimo bo comportamento que teña coa persoa á que antes causou dano é a mellor forma de ensinar o que si se fai. Ás veces, nos desgañitamos explicando o que NON debe facer, pero investimos pouco tempo no importante, en dicirlle o que si debe facer ou o que fai ben.

Castigo físico: Totalmente improdutivo, crea medo e o medo crea ocultación, é así de simple. Que un nen@ deixe de facer algo por medo ás consecuencias, non sei, non consigo atopar que ten de educativo. Só unha vez vinme na necesidade de zurrar un cu con cueiros, chegoume ao medio da estrada, collino polos tirantes do seu peto vaqueiro, planteino na beirarrúa, no chan e deille unha zurra, que se foi freando polo camiño. Arrepentinme xusto nese momento, tardou uns cuantos segundos en reaccionar e comezou a chorar como nunca antes chorara, aguantei o tirón, díxenme “aguanta, agora xa está feito, polo menos que sirva de algo”, rifeille, díxenlle que nunca, nunca, volvese facelo e parou en seco sempre a partir dese momento. Esta foi a única vez que me saíu este instinto de pegar sen poder frear, nunca máis tiven a necesidade de facelo, nin se me pasou pola cabeza, nin agora, na adolescencia, que ás veces o vexo e digo, “miña naisiña”, que bobada leva enriaba!. Pero pronto se lle pasa, fago coma se non escoitase a súa locuacidade en defensa de calquera cousa, ou como moito lanzo calquera pregunta… aí queda, reflexionando. Para entender que o castigo físico é a mellor expresión da nosa impotencia, pensade que conseguiron os vosos pais e nais con eles, deixastes de facelo? ou simplemente fostes máis hábiles para que non se decataran?. A min non hai cousa que máis me moleste que ver a un xigante pegando a un anano. Non creo que isto sexa para nada algo educativo. Polo menos, non vai co que eu entendo como educación, como acompañamento, como respecto, como agarimo… entendo que ás veces unha situación se nos vaia das mans, pero a defensa deste comportamento, non.

8. E se sabe facelo pero non quere? Como lle motivo?
Tamén nos pasa a nós, verdade?. Cando fago talleres para familias, cada sesión acompáñoa cunha dinámica. Nesta, que é das últimas, sentados, pídolles que levanten, que volvan sentar, que toquen o nariz, que salten a pé manco, que levanten todos o brazo dereito, despois o esquerdo, que se saquen a lingua, que dean saltiños… chega un momento no que cansan, empezan a molestarse e néganse a facer o que lles pido. Saben facer o que lles pido, pero simplemente non queren facelo, entón dígolles que miren debaixo da súa cadeira, que hai algo, nun principio néganse, pero un deles acaba facéndoo, e descobre un cartón de “Grazas pola túa confianza” e unha piruleta. Os demais o fan.

Moitas veces, os nen@s, os adolescentes aprenden a facer cousas porque hai que facelas, sen entendelas como resposta a unha necesidade, confían en nós, simplemente fano porque llo pedimos. Saben que se non se limpan os dentes, terán caries, pero nunca tiveron unha dor de moas; saben que teñen que recoller os seus xoguetes, pero nunca caeron tropezando cun… pero chega un momento en que din: xa está ben, eu isto non o fago, sei como se fai, sei para que se fai pero non quero facelo!.

É o momento de establecer un reforzo para ese comportamento. Son 3 as técnicas, aplicables por idade, basicamente. A primeira será para os máis pequenos, que necesitan reforzos inmediatos, a segunda para os medianos, que xa poden ir aprendendo a xestionar e economizar e a terceira xa é para os adolescentes, cos que é imprescindible facerlles entender que toda liberdade leva parella unha responsabilidade e que o respecto e recoñecemento que tanto buscan só o van ter expresando a súa capacidade de respectar e recoñecer aos demais. Se nunca usástedes ningunha, podedes empezar polo principio en calquera momento, adaptando materiais e premios á súa idade e aos seus gustos.

Unha ficha, unha partida Serve para micro-comportamentos, non para comportamentos máis complexos. “Se lavas os dentes pronto, daranos tempo a ler o conto”; “Teño unha merenda riquísima para quen faga ben os deberes”; “Colle a túa lista da compra, se consegues meter todo no teu carriño, poderás coller tamén o teu ovo kinder”… Nisto consiste, en dicirlles que todo esforzo ten a súa recompensa. Esa recompensa non ten que ser un obxecto, xa falamos antes do importante que é para os nosos fill@s que pasemos tempo de lecer con eles/as. Poderedes comprobar canto valoran isto coa seguinte ferramenta, a economía de fichas.

Economía de fichas: Sen ningunha dúbida é a técnica estrela da escola de familias, é todo un descubrimento para os pais…, mesmo para os que xa a probaron antes sen éxito. Pero… moitas veces quedo coa sensación de que non se dan conta que a verdadeira potencia desta técnica non está en implementala sen máis, se non en antes poñer en práctica o gran cambio, desde unha educación autoritaria ou permisiva a outra positiva, máis democrática. Cando chegamos a esta sesión xa antes fixemos un gran percorrido, meses de percorrido e de práctica. Sen este cambio, a técnica perde toda ou gran parte da súa efectividade. Recoméndovos empezar coas anteriores, de verdade, só así poderedes poñer esta en práctica dunha forma que vos deixará asombrad@s, non tanto polos seus efectos, senón polas decisións dos vosos fill@s. Darédesvos conta do importante que sodes para eles/as. É tan ampla que pensei que a mellor forma é deixarvos os pdf cos pasos, cos materiais que necesitaredes… ao final deste apartado tedes os links para poder descargalos, imprimilos, o que queirades. É unha técnica que sigo usando, xa sen materiais. A economía de fichas é como a vida mesma, se traballas, tes a túa recompensa, pero xa non somos nós quen decide a súa recompensa, son eles/as quen as esecollen. Nas escolas adáptanse para calquera idade. O realmente importante é adaptala a cada un dos vosos fill@s. Nalgúns casos ir ao parque pode ser un premio, noutros casos ir ao parque suponlles un esforzo que temos que premiar… cada neno, cada nena, é un mundo. Se vos decidides a poñela en práctica darédesvos conta de a que me refiro coa sorpresa que nos causa como pais… cando teñen que tomar a decisión de gastar os seus puntos, a que creedes que lles dan máis importancia? En que o gastan?.

Contratos: Son documentos escritos, nos que especificamos os comportamentos, as súas consecuencias positivas (se o cumpre) e, só se o necesitamos, as súas consecuencias negativas (se non o cumpre). Estes comportamentos deben estar expresados dunha forma clara, coa frecuencia e momentos totalmente definidos e debe ser froito dun consenso, dunha negociación. Este documento o asinan ámbalas partes e establécense os períodos de revisión do mesmo. Así de serio é un contrato. Aí radica a súa efectividade, se o tomamos de broma, perde toda a súa esencia e por iso é propio para adolescentes, ou para nen@s que se afanan por dar sempre a súa opinión e cuestionalo todo. En descargas tedes tamén un exemplo de contrato.

Remarcar un aspecto moi importante para que calquera destas 3 técnicas funcionen: Debemos asegurarnos de que só co seu esforzo conseguirán ese premio. Só se lava os dentes a tempo, leremos o conto, só se come o pactado da comida, poderá ter o seu xeado, só se mete no seu carriño da compra o que lle pedimos (ou pide axuda se non o atopa) terá o seu ovo kinder. Se o conseguen sen facelo, isto non servirá de nada.

Descargas:

Resumindo. Fagamos un plan
Esta web ten a vocación de non ser só un lugar no que entrar, ler, reflexionar… o seu nome débese á necesidade da que tanto vos falei, de demostrar o movemento andando, non fai falla correr, só andar. Para iso, creo que a mellor forma de concluír este taller é deixarvos unha ficha que podedes utilizar para pensar dunha forma máis operativa, poñédevos nun caso, nun comportamento sobre o que queirades traballar, espero que este material sexa de utilidade para acompañar ás vosas reflexións, pronto deixará de facervos falta, pero se cadra, de momento, pode ser de utilidade. Moitas grazas por chegar ata aquí.

 

Descargas:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies