Deseño de sesións do programa de Resolución pacífica de conflitos

O conflito e as súas partes.

Como en todas as unidades de titoría, propoñemos que a mellor forma de empezar é descargando e imprimindo o modelo para o deseño de sesións. Nel, poderedes ir anotando aqueles contidos que mellor se adapten ao voso grupo de alumnos/as e ás súas potencialidades e necesidades.

  • Creamos na clase a disposición en “U” (5 min)
  • Podemos comezar cunha dinámica de presentación, tedes o acceso ao finalizar a sesión. Podedes utilizar unha das preguntas que propoñemos ou crear vós mesmos/as aquela que vos resulte máis axeitada para avaliar os coñecementos previos do voso alumnado. Tamén podedes usar para avaliar a visión que teñen os alumnos/as do conflito, a seguinte presentación: Debuxamos na lousa as 3 agrupacións de frechas seguintes:

Preguntámoslles en que opción ou opcións ven un conflito, na “A “, na “B” ou na “C”, en dúas delas ou en todas. O habitual é que a maioría dos alumnos/as identifiquen a opción “A” como a que causa a situación conflitiva, sendo as “B” e as “C” as que en menor medida lle parecen un problema. O certo, realmente, é que a “A” é a que en maior medida favorece a resolución pacífica de conflitos, mentres que a “B” e a “C” poden servir como estratexia para acougar antes de afrontar o conflito, pero nunca como medio de resolución pacífica. Os conflitos non hai que temelos, nin evitalos, debemos aprender a afrontalos de forma que non dane a convivencia. (10 min).

  • Unha dinámica que pode ser apropiada para comezar a conceptualizar os conflitos é “As pezas nun conflito” (ao finalizar a sesión tedes dispoñible a súa descarga) (15 min).
  • Entregámoslles a ficha “O conflito” e expoñemos a definición de conflito, as súas partes e os comportamentos que facilitan a súa resolución pacífica, facendo fincapé na visión do conflito como algo que forma parte de toda convivencia. Cada persoa ten os seus intereses e as súas necesidades, o conflito é algo inherente no día a día dunha comunidade de persoas e é unha fantástica oportunidade para aprender a comportarnos cada vez máis a miúdo de forma asertiva, ou o que é o mesmo, aprender a defender os nosos dereitos coidando de non danar aos demais. (10 min).
  • En gran grupo preguntámoslles se están ou non de acordo co exposto na sesión e pedímoslles que, de forma voluntaria, algún deles/as expoñan un conflito que resolveran utilizando un estilo de comportamento asertivo (5 min).
  • Colócase de novo a aula (5 min).

Accesos:

Descargas:

Tipos de afrontamento aos conflitos.

Crear a estrutura de clase para a sesión de titoría en “U” (5 min).

  • Repaso da sesión anterior: Preguntámoslles que lembran da sesión de presentación da unidade. Deben saír os temas de: que é un conflito, as súas partes e as ferramentas que favorecen a súa resolución pacífica. (5 min)
  • Nesta sesión, pode ser apropiado facer agora a dinámica, que será unha das que formen parte das dinámicas de competencia social para a resolución de conflitos. “Os burros” ou “As mandarinas” son as máis apropiadas para esta sesión (15 min).
  • Repartimos a ficha “Tipos de afrontamento aos conflitos” (en descargas) e, utilizando a experiencia na anterior dinámica, explicamos os tipos de afrontamento aos conflitos: evitación, acomodación, competición, compromiso e colaboración, aclarando que son os dous últimos os que favorecen a resolución pacífica do conflito e o oportuno que resulta buscar solucións baseadas na colaboración, nas que cada parte en conflito interésase por axudar á outra para que consiga tamén os seus obxectivos. Na medida en que saibamos especificamente cales son as necesidades do outro/a resolveremos o conflito da forma máis pacífica e construtiva posible. (10 min).
  • Podemos preguntar se existe algún pequeno conflito en clase e modelar un tipo de afrontamento pacífico, que entre o problema e a solución coloque as necesidades de ámbalas dúas partes ou, no caso de que non o haxa (ou non queiran contalo, máis ben), podemos inventar calquera exemplo de conflito cotián e preguntar formas de afrontalo de forma pacífica (5 min).
  • Volvemos deixar a aula como estaba antes da sesión de titoría (5 min).

Accesos:

Descargas:

Práctica en resolución pacífica de conflitos

Colocación do mobiliario da aula (5 min).

  • Repaso da sesión anterior. Que lembran?. Traballamos os tipos de afrontamento aos conflitos (acomodación, evitación, competición, compromiso e colaboración) (5 min)
  • Presentación da sesión: É o momento para, por unha banda, utilizar o estilo de comportamento asertivo e, por outra, practicar para atopar solucións que resolvan un conflito utilizando un tipo de afrontamento colaborativo ou de compromiso. O estilo de comportamento define a actitude que temos ante a situación, non tratamos de evitar o problema, nin buscamos saírnos coa nosa sen ter en conta ao outro. Estamos relaxados, tentando solucionar o problema que temos. O tipo de afrontamento di cara a onde temos que enfocar o noso esforzo, cal é o noso obxectivo: lograr unha solución que sexa satisfactoria para ámabalas partes, tendo en conta as necesidades dos demais. Ás veces resultaranos fácil, porque xa resolvemos antes conflitos similares, outras veces resultaranos máis difícil e teremos que ser creativos/as. O que non varía nunca é o estilo de comportamento que debemos ter e as metas que debemos perseguir (5 min).
  • Podemos comezar esta sesión, coa dinámica dos 9 puntos, que se atopa en “Dinámicas para a competencia social”. Serviranos para que entendan a que nos referimos cando dicimos que, ás veces, hai que ser creativos, que as nosas ideas previas o único que fan é impedir que alcancemos unha nova aprendizaxe (10 min).
  • É xa o momento de pedir voluntarios para realizar un role-playing para a resolución dun conflito. En descargas tedes propostas para presentar como casos. A dinámica transcorrería da seguinte forma: cada alumno/a que representa unha das partes no conflito dispón da súa información. Con ela, entran e escenifican a situación. Os demais coñecen da situación o que unha ou ambas as partes contan. As partes tratan de resolver por eles mesmos/as o seu conflito. Pasados uns minutos, os demais poden facerlles preguntas ou expresar opinións que as partes responderán ou non. Unha vez que se acaban as preguntas e opinións, se non descubriron toda a información que se esconde detrás do conflito, proporciónaselles (aos alumnos/as que non forman parte no conflito). Eles/as terán que facer as preguntas adecuadas para, sen descifrar a información da que dispoñen (hai que respectar a privacidade), as partes escoiten os motivos do outro, comprendan mellor e entendan que identificar os motivos e as necesidades do outro/a é o quiz para resolver o conflito de forma pacífica (20-25 min).
  • Colocamos de novo a aula (5 min)
  • Dámoslles o cuestionario de avaliación desta unidade de titoría. Se dá tempo, cóbrena nesta sesión e, de non ser así, poden levalo para casa e traelo na seguinte titoría ou reservar uns minutos da próxima sesión para que o cubran (5 min).

A estrutura desta sesión pode repetirse noutras sesións se vemos que é necesario ofrecer oportunidades para a práctica na resolución pacífica de conflitos. Para iso podedes buscar enigmas que necesiten para a súa solución a posta en práctica do pensamento creativo e outro dos casos que se presentan no pdf, ou inventar un que consideredes adecuado ao grupo de alumnos/as.

Se imos poñer en marcha a unidade de convivencia “Formación en mediación escolar”, este é o mellor momento para facelo. Estas unidades de titoría son a base da mediación e observar aos alumnos/as resolvendo conflitos pódenos dar unha moi boa oportunidade para detectar a aqueles/as que serían bos mediadores/as. Para iso, poderiamos facer a nosa proposta ao departamento de orientación e á comisión de convivencia e reservar unha sesión de titoría para presentar a mediación, pedir voluntarios/as e abrir unha votación para que o resto da clase vote ás persoas que reúnen as calidades necesarias para ser un bo mediador/a.

Accesos:

Descargas:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies