Programa Creando un marco. Quen me representa? atrote
Unidade de titoría 1

Creando un marco. Quen me representa?

Preparación da unidade

Prepararnos é fundamental para crear un bo clima de convivencia na aula. Con isto referímonos a mostrar tanto coñecementos técnicos, como unha boa competencia a nivel persoal (emocional) e social.

Coñecementos técnicos:

  • Sobre todo se acabades de chegar ao centro educativo e sodes as persoas encargadas da titoría dun grupo de alumnos, o primeiro e principal é coñecer o centro: instalacións, proxectos (en especial o PEC, o RRI, o PC e a PGA) e normas. Sobre isto versará a primeira das nosas sesións e debemos ter os coñecementos necesarios para iso.
  • Decidir que tipo de estrutura de clase queredes para a primeira sesión de titoría. O normal é elixir entre unha estrutura de tipo “U”, só con cadeiras ou coa aula disposta en filas de mesas e cadeiras (a tradicional). Para as sesións de titoría recomendamos a disposición en “U” , xa que permite que todos e todas poidamos vernos as caras e comunicarnos de forma moito máis fluída.
  • Coñecer ao profesorado que dará clase ao voso grupo de alumnos/as e a información que darán sobre a súa materia na sesión de presentación.
  • Se o centro traballa co “Caderno de Titorías”, coñecer o seu funcionamento.

Competencia a nivel persoal (emocional) e social:

Estas competencias son fundamentais para controlar a aula de forma eficaz, co obxectivo de crear un clima de convivencia que favoreza o desenvolvemento dos procesos de ensino e aprendizaxe. Desde A trote preparamos unha serie de recursos para o profesorado, relacionados coa capacidade de Ensinar a aprender e, entre eles, tratamos o tema do “Control da aula”.
 

 

Introdución
Esta é a primeira acción titorial, que ten un claro compoñente preventivo a nivel primario. O que buscamos é que os alumnos e alumnas entendan o valor que teñen as normas e o imposible que resulta unha convivencia sen elas e promover un estilo de liderado positivo nas aulas, mediante a elección dun delegado/a con características persoais e de competencia e compromiso social que sexan adecuadas para ese posto e para o bo funcionamento da Xunta de Delegados do centro.
As normas que temos no centro son de obrigado cumprimento para calquera membro da comunidade educativa. Unha cousa son as normas do centro e outras as da aula que, sen entrar en contradición coas anteriores, poden ser acordadas polo grupo de alumnos.
Na medida que consigamos o consenso nas normas da aula, maior grao de compromiso poderemos observar no alumnado, xa que foron consensuadas por eles mesmos/as.
Esta aprendizaxe en autodisciplina é moi importante e necesario para un desenvolvemento óptimo da personalidade de cada un dos alumnos/as, xa que é unha forma de facelos responsables dos seus actos e de asumir as consecuencias que, de forma consensuada, impuxéronse como grupo no caso de non cumprilas.
A palabra “normas” ten ademais una certa connotación negativa no contexto adolescente, venas como imposicións externas, máis que como o que son: a única forma de convivir de forma pacífica. As normas son como as portas dunha casa, protéxennos e achégannos seguridade. Cando non existen normas, temos unha sensación parecida a de durmir coa porta da nosa casa aberta.
Este taller podería enlazar coa formación da “Rede de alumn@s solidari@s”, que se presenta para potenciar a dinamización do centro educativo por medio do recurso máis valioso co que contamos: o propio alumnado. Para iso, os delegados e delegadas de cada un dos grupos, pasarán a formarse e a integrar esta Rede, que ten entre as súas metas dinamizar o centro educativo, previr a aparición de comportamentos que entrañen algún tipo de risco e ofrecer axuda e apoio a outros alumnos/as que teñen algunha dificultade. Todo iso, por suposto, supervisado e apoiado pola Comisión de Convivencia do centro, titores, departamento de orientación e xefatura de estudos.
Obxectivos
Promover no alumnado o respecto ás normas do centro.
Establecer na aula un estilo de liderado positivo.
Promover a participación do alumnado no centro.
Promover a cultura democrática no centro educativo.
Contidos
Na primeira sesión deste primeiro taller coñeceremos ao noso alumnado, por medio dunha dinámica de presentación e proporcionaremos unha serie de informacións xerais.

Na segunda sesión trataremos de modificar a connotación negativa que pode levar parella a palabra “normas” por outra de índole protectora e preventiva.

Na terceira sesión establecerán de forma consensuada as normas da aula, que non poden entrar en contradición coas do centro.

Na cuarta, establecerase o debate e elaborarase o cartel coas normas da clase que os propios alumnos e alumnas acordaron.

Na quinta sesión reflexionarase acerca das características que debe ter un bo delegado/a de clase e presentaranse voluntarios/as para representar o grupo.

Na sexta os candidatos e candidatas disporán de tempo para explicar aos seus compañeiros/as os seus propósitos se son elixidos/as. Votación do delegado/a e cuestionario de avaliación da unidade.

Metodoloxía
A metodoloxía é de índole participativa. Os alumnos/as serán os principais protagonistas da súa aprendizaxe. Utilizaremos dinámicas por equipos, de gran grupo, por parellas, de lapis e papel…

Cabe destacar a importancia de distinguir o concepto “dinámica” do de “xogo”. Nunha dinámica sempre se produce unha reflexión final, guiada polo titor/a, mediante unha serie de preguntas. Deste xeito é como a experiencia da paso á aprendizaxe. Se non reflexionamos tras a dinámica, a súa potencialidade verase mermada, simplemente provocará un ambiente distendido.

Temporalización
Este taller ten unha duración de 6-7 sesións (dependendo do número de voluntarios que se presenten para ser delegados/as de clase) de 50 minutos e cunha frecuencia semanal.
Indicadores para a avaliación da unidade
Para este taller e para todos, resulta imprescindible a avaliación, tanto a nivel do proceso como dos resultados.
Para a avaliación do proceso, nos modelos para deseñar as vosas sesións contades cun breve cuestionario final, que poderedes utilizar para avaliar o proceso. Se dispoñedes de tempo, podedes escribir anotacións sobre o desenvolvemento de cada unha das sesións.

Para avaliar o resultado deste taller, podedes ter en conta:

  • Os resultados dos cuestionarios que na última sesión cobre o alumnado.
  • Recollida de información ao resto do profesorado sobre o grao de cumprimento das normas da aula.
  • Estudo comparativo respecto doutros anos do número de partes/faltas do grupo de alumnos/as.
  • Número de xestións e peticións realizadas polo delegado/a de clase.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies