A comunicación co profesorado
Familias

Comunicación co profesorado

É mellor cooperar

Este é un tema complicado, tratar a comunicación entre o profesorado e as familias, coma se fosen dúas forzas antagónicas, unha tira para un lado e a outra para o outro. Como persoa que vive entre dúas augas, podo dicir que é mellor cooperar ca enfrontar, sobre todo cando falamos de educación.
Con familias e profesorado enfrontados, quen gaña? ninguén e, quen se ve máis prexudicado? O neno, a nena, o adolescente. Iso de botar balóns fóra non é propio de educadores.
Baseamos as nosas ideas sobre o profesorado en mitos que pouco teñen que ver coa realidade: “Non hai vida como a do profesor”, “Mira cantas vacacións ten”, “Aínda se queixan, coa vidorra que pasan”… e, os profesores/as tampouco quedan curtos “É que se desentenden”, “É que pasan de todo”, “É que lles consenten e despois temos que aguantalos nós”…
Vexamos que teñen de verdade estas frases.
Cantos alumnos e alumnas hai no centro? Cantas familias hai que son conflitivas? Cantos profesores/as hai no centro? Cantos son conflitivos?.
Xeneralizamos polo ruído e polo malestar que causan uns poucos e metemos nun saco enorme a outras persoas que non son nin máis nin menos que os outros grandes axentes educativos. É ilóxico e moi pouco educativo.
Cando un profesor, unha profesora, fala sobre “os pais” en xeral, adoito preguntar: Inclúesme? Inclúeste?. Claro que non e, con todo, como nais ou pais que son a maioría, falan mal de todo un colectivo ao que tamén pertencen, non deixa de asombrarme. E cando as familias falan mal dos profesores/as tamén me sinto aludida, non porque sexa profesora, senón porque sinto que é unha das profesións máis belas, útiles, soñadoras e sacrificadas que se desempeñan na nosa sociedade. Non podo evitar que me molesten estes comentarios, do mesmo xeito que me custa tolerar o corporativismo que algunhas veces observo nos centros educativos, por iso mesmo, polo profundo respecto que sinto á profesión de profesor/a, de mestre/a. Non me gusta ver como unha soa persoa desprestixia a unha profesión baixo o manto do corporativismo.
Vou contar unha experiencia persoal (nos talleres para familias encántanos falar dos nosos fillos, exemplificalo todo. Fai moi pouco tempo fun, o mesmo día, acompañando a unha nai para falar con dúas mestras dun centro de primaria. Unha coñecíame (fora profesora do meu filloo desde preescolar ata 6º de EP). A outra non (era nova no centro). O recibimento foi moi diferente. A primeira viume e xa nos puxemos a traballar, díxome en que fallaba a nena, eu dinlle a miña impresión, elixiu minuciosamente un material para traballar con ela (nova no centro e sen base algunha nesa materia), tivo a paciencia de explicarmo e ambas trazamos un plan. A segunda, que non me coñecía, recibiunos con certo distanciamento, con certo medo, podería dicir. Pronto todo ese muro caeu, comezou a falar das cousas nas que fallaba, eu comenteille outras dificultades que só ven cando traballas de forma individualizada cunha nena e deseñamos tanto un plan como unha forma de comunicarnos. Suspendera ambas materias, pero non falamos da nota, falamos da nena. O resultado foi asombroso, porque todos os ingredientes estaban sobre a mesa, unha nena con moitísimas ganas, con interese, á que non lle importa ter que traballar, unhas profesoras que seguen de preto os seus progresos, porque saben en que fixarse e un apoio individualizado para superar esa dificultade que supón un cambio de centro. Ese apoio foi de 2 horiñas semanais, sen abafos, así que considero que son a persoa que menos tivo que ver nese asombroso avance. As notas melloraron, moito ademais, pero iso non é o máis importante, ese nunca foi o obxectivo, as notas son o reflexo dunha gran multitude de factores, son só o seu premio, pero xa nos encargariamos a súa nai e eu de premiala igualmente no caso de que suspendese, iso non é o importante. O realmente importante é que a nena ía xa sen medo a facer eses exames, estaba máis segura e… o mellor, dúas materias que odiaba literalmente empezaron a gustarlle. E isto conseguiuse coa base dunha boa comunicación.
Así que poñámonos a iso, deixemos nosas posicións enfrontadas, tan pouco educativas, tan nocivas para a convivencia e cooperemos, colaboremos, participemos, deixemos aos nosos fill@s coa alegría e a confianza de saber que estamos deixándoos en boas mans e… démoslle prestixio aos profesores e profesoras, porque eles, elas son a base do éxito do noso sistema educativo, son o noso futuro como sociedade, a súa responsabilidade é tan inmensamente grande que agradezo enormemente o seu labor diario e nunca me parecerá que está o suficientemente ben pago. No meu caso, sempre foron os meus aliados, ás veces ata se converteron nos meus amig@s. Cando o vives desta forma todo é diferente. Na maioría dos casos, a apatía dalgúns dos profesores non é máis que o reflexo da nosa.
Sinto enormemente esta alegación en defensa de profesorado e familias, creo que é hora de deixar a loita e colocarnos nun mesmo bando.
 

 

 

Estilo de comunicación asertivo
 

Para comezar o tema tan delicado e importante da comunicación debemos presentar os 3 estilos de comportamento que toda persoa pon en marcha á hora de comunicarse. Estes estilos non son propios de cada persoa, escollemos un deles para os nosos actos comunicativos, para comportarnos.

O estilo de comportamento agresivo é o que usamos cando só nos preocupa defender os nosos intereses, non nos importan os intereses nin os sentimentos dos demais. Usamos unha linguaxe verbal e non verbal áspera, cortante, á defensiva se a outra persoa adopta o mesmo estilo que nós ou ferinte cando a persoa coa que nos comunicamos adopta un estilo pasivo.

O estilo de comportamento pasivo é o que eliximos cando nos amedrentamos, cando os nosos intereses, os nosos sentimentos quedan por baixo dos da outra persoa. Agachamos a cabeza, encorvámonos, case non falamos, só esperamos a que caia ese ballón, o noso ton de voz é moi baixo, non miramos á cara da outra persoa, facémonos pequenos.

O estilo de comportamento asertivo é o que poñemos en funcionamento cando aprendemos a xestionar as nosas emocións. É moi distinto xestionar que ocultar. Unha persoa, cando se comporta de forma asertiva, acepta as súas emocións e comunícaas, mentres observa e coida as emocións que xera na outra persoa. Unha persoa comunícase de forma asertiva cando non deixa de defender os seus intereses, de coidar as súas emocións, pero tamén respecta e esfórzase por comprender os intereses e as emocións dos demais.

Non hai persoas agresivas, pasivas ou asertivas, todos e cada un de nós eliximos un estilo dependendo da situación, como moito do contexto. Ás veces sorpréndenos ver como unha persoa que se mostra agresiva connosco é pasiva co seu xefe ou coa súa familia.

Como podemos frear un discurso agresivo?

Con máis agresividade parece que non, ambos subiriades a unha escaleira mecánica que non para, que desemboca no campo de batalla. Como moito un de vós baixaría antes, pero caería desde máis alto, o dano que causa calquera tipo de violencia é moi elevado e, ademais, prolongado, non se esquece tan facilmente. Aínda que teñamos a falsa idea de gañar, a guerra comezou, só foi unha batalla.
Con pasividade o discurso agresivo tampouco para, continúa ata que a outra persoa descargou toda a súa frustración en nós. Só desexamos que ese momento acabe, que a terra abra baixo os nosos pés. A pasividade non é positiva para nós mesmos nin para a outra persoa, que ten unha falsa idea de poder, sabe que pode facernos dano, que llo consentimos. Neste caso non subimos os dous de forma voluntaria á escaleira mecánica, un deles é obrigado a subir de moi malos modos e déixase caer cando a outra persoa considera que xa rematou.
Con asertividade si se para un discurso agresivo. Só con dicir “Vexo que estás enfadade@, en que che molestei?” xa estás a baixar un chanzo, o teu ton de voz é adecuado, ves a súa cara, nin lle tes medo nin sentes rabia, estás tranquilo, relaxado, disposto a falar e, o máis importante, a escoitar, amosas interese polas súas emocións, polo que está a contar. Se resumes o seu discurso, sentirase entendido/a e estará disposto/a a entender os teus argumentos. É o momento de expoñer os teus intereses, as túas opinións, que sentes cando escoitas esas cousas sobre unha das persoas que máis queres… e acábase o muro, acábase a incomprensión, xa podedes traballar como un equipo.

Como podemos frear o noso impulso para escoller un discurso agresivo?

Con asertividade, aceptando o noso enfado, comunicándoo de forma expresa. De mil formas, cada cal ao seu estilo, un exemplo sería “Espera un momento, por favor, o que dis estame anoxando bastante, estás a falar dunha das persoas que máis quero e o que me dis está a facerme dano. Se che entendín ben, dis que o meu fillo pórtase de forma chulesca na clase. Desde logo iso non me gusta, pero tampouco encaixa co que eu vexo en casa. Poderías dar algún exemplo deste comportamento? Así podo sentar con el e falar”. Xa estamos no mesmo barco.
Ser pai, ser nai, fainos coñecer aos nosos fill@s, por suposto, pero no noso contexto. Non é que o noso fillo@ sexa un mentireiro, non. Nós tamén nos comportamos de forma diferente segundo o contexto no que esteamos, na casa somos dunha forma, no traballo doutra, cos nosos amigos, con coñecidos, adaptámonos ao contexto, así é a nosa natureza.
E tamén pode suceder que a imaxe que proxecta unha persoa encaixe con algún estereotipo que ten a persoa que observa e inmediatamente o tache de “maleducado”, “chulito”, “princesita”…
Para saber en que caso estamos, o mellor é pedir exemplos dese comportamento que din que ten. Ti non podes, como nai, como pai dicirlle ao teu fill@ que “É un chulit@”, primeiro porque un comportamento NON che define e, segundo, porque non tes probas diso. Este é un errono que o profesorado cae de forma frecuente e é totalmente entendible, ademais. Son moitos alumnos na clase e nun principio só poden atender ao que sobresae, ven a cada un no seu máximo esplendor. Na primeira reunión é normal que lle etiqueten, é o que lles deu tempo facer. Se lle pides que che digan un comportamento que xustifique esa etiqueta ás veces piden tempo, dásllo e, cando volves, ás veces sucede que aceptan que se equivocaron, outras dan exemplos e ti, con eles, podes sentar e falar co teu fill@.
É importante distinguir ambos contextos. No colexio xa ten as consecuencias do seu comportamento e na casa, as da casa. Castigar na casa como primeira medida non ten moito sentido, sentarnos, falar con el/ela, explicarlles o que nos sorprendeu iso que contou o seu profesor/a, pedirlle a súa opinión, que pensa facer… é educar. Nin a letra con sangue entra nin vou defender ao meu fill@ por enriba dos dereitos dos demais, existe un termo medio, o de vou preparalo, voulle ensinar a ser el mesmo, ela mesma, en todo contexto, en todo lugar.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies