Programa de competencia social atrote
Unidade de titoría 3

Competencia Social

Coñecementos técnicos:

  • Estilos de comportamento (pasivo, agresivo e asertivo).
  • Os erros e os fallos na comunicación. Os rumores.
  • Como promover o estilo comunicativo asertivo. Ferramentas de escoita activa.

Competencia a nivel persoal (emocional) e social:

A nivel persoal, debemos poñer en práctica as ferramentas para a escoita activa e un estilo de comportamento asertivo co alumnado, para deste xeito promover unha aprendizaxe adecuada por modelado.

 

 

Introdución
Relacionarse cos demais é unha arte que require de moita práctica. A nosa especie diferénciase das demais precisamente neste aspecto, nós somos seres sociais. A sociedade, as súas normas, os seus códigos de relación, a súa cultura… forman parte inseparable de nosa propia personalidade.
A maioría dos nosos estereotipos, por non dicir todos, proveñen da cultura na que estamos inmersos, tanto a nivel familiar, como escolar, da nosa comunidade, relixión… Establecer códigos e ensinar formas de ser competentes a nivel social é unha tarefa pendente do noso sistema educativo. Se entendemos a escola como unha microsociedade, podemos chegar a comprender por que é tan necesario promover un clima de respecto e de valor polas diferenzas para chegar a ser competentes a nivel social.

Os estereotipos (por calquera razón), son formas de simplificar a inmensa realidade que nos rodea. Foron útiles en segundo que momentos da nosa historia, nos que as guerras ou as conquistas marcaban o día a día das sociedades. Hoxe, con todo, son unha das maiores fontes de conflito, tanto nos centros educativos, como na sociedade en xeral. Resulta moi enriquecedor para o alumnado ofrecerlles oportunidades para entender aos demais e para decatarse de que as diferenzas non supoñen ningún tipo de ameaza se se mostra respecto cara ás opinións dos demais e, sobre todo, para darse conta de que as semellanzas son moitas máis e máis persoais e profundas que as diferenzas, de índole máis superficial.
Esta unidade de titoría asenta sobre as anteriores. Xa temos as nosas normas na aula, un representante que é competente a nivel social, aprendemos como xestionar as nosas emocións e comezamos a ver que poñéndonos no lugar da outra persoa, podemos chegar a entender mellor as súas palabras e accións. É o momento de aprender a ser nós mesmos/as en situacións de relación social.

Esta unidade de titoría pode ser clave para a convivencia do centro, para completar as políticas “anti” con políticas “en prol da convivencia”. Desde o punto de vista da Psicoloxía Positiva, os castigos por si solos, non ensinan nada, se non se acompañan dunha aprendizaxe. Co castigo, dicimos claramente o que NON se pode facer, pero non dicimos o que SI se espera que fagan. Os castigos son necesarios, por suposto. A aplicación do Regulamento de Réxime Interno do centro e dos protocolos incluídos no Plan de Convivencia debe ser innegociable e son a base sobre a que asentar a convivencia. É na medida en que sexamos capaces de, paralelamente, formar aos alumnos/as en convivencia positiva, o que provocará unha baixada paulatina nos comportamentos para sancionar. Se pensamos que un alumno/a que maltrata a outro/a con moita probabilidade é maltratado ou sometido noutros contextos, entendemos mellor por que é necesario traballar de forma preventiva, dotando aos alumnos/as de ferramentas diferentes ás que xa aprenderon e favorecendo espazos para a súa práctica e aprendizaxe.

Obxectivos
Crear un clima de convivencia pacífico, xusto e cohesionado.
Dotar ao alumnado de ferramentas para ser competentes a nivel social.
Promover o respecto e o valor ás diferenzas.
Promover o pensamento reflexivo, crítico e creativo no alumnado.
Adquirir capacidade de diálogo para unha comunicación aberta e efectiva.
Contidos
Os erros e fallos na comunicación.
Os estilos de comportamento (pasivo, agresivo e asertivo)
Como dar e recibir queixas e opinións agradables
Práctica en asertividade
Metodoloxía
A metodoloxía será activa e participativa, con dinámicas grupais, por equipos e de lapis e papel.
Temporalización
Esta unidade desenvólvese durante 4 sesións de 50 min. de duración e con frecuencia semanal.
Indicadores para a avaliación da unidade
Para avaliar o proceso, no modelo para que deseñedes as vosas sesións dispoñedes dun apartado, que podedes completar con anotacións sobre o transcurso de cada unha das sesións e informacións que vos achegue o resto do profesorado.
Para a avaliación dos resultados, dispoñedes na última das sesións do Cuestionario de avaliación que cubrirán os alumnos/as e podedes seguir recollendo información, tanto dos demais profesores e da Xefatura de Estudos sobre o número de partes abertos, a gravidade dos mesmos e as sancións impostas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies